Hora zulú

Hora zulú                   

Santiago Lopo

 

Hora zulú foi a novela lida e comentada no mes de novembro por un grupo de alumnos de 1º de bacharelato A, B e C.

Un home aparece ferido e nu ao pé dun acantilado. Ninguén, nin el mesmo, sabe quen é. Intérnano nun psiquiátrico e a través de  informes, correos electrónicos e outros textos, vaise descubrindo pouco a pouco a súa identidade e o que en realidade lle  aconteceu.

A obra gustoulles moito aos alumnos pola súa orixinal estrutura, que mantén a intriga ata o final   –a pesar de que isto nun principio lles facía complicada a lectura-- e pola historia que se conta, relacionada co paso do tempo e o ecoloxismo.

María Prieto, de 1º  de Bac. A, di que lle gustou moito, a pesar de que está escrita nun formato ao que non estaba acostumada a ler, porque dende o principio hai bastantes incognitas por resolver. Estas vanse aclarando conforme les os correos e cadernos, que dan pistas sobre a identidade do Profesor, coma pezas dun crebacabezas, ata chegarmos ao caderno final  no que se aclara todo.

Martín Carracedo, de 1º C, destaca o tratamento filosófico do tempo así a complexa estrutura da novela.

Resultoulle interesante a obra a  Pedro Trincado, de 1º C, a quen tamén lle pareceu complicada a estrutura. Cre que, á parte dos elementos sobrenaturais e de ciencia ficción, é unha historia crible cun toque científico e  retranca. As últimas páxinas pasáronlle vertixinosamente, cun bo final que  chegou a conmovelo     

                                                                                              .hora