Morning Star Xosé Miranda
Nos meses de outubro e novembro parte do alumnado de 1º de bacharelato A, B e C leron e comentaron esta obra de Xosé Miranda.
Morning Star é unha novela de aventuras ao xeito clásico; unha novela de odios e amores, de sangue, crimes, persecucións, paixóns e esperanzas, gavelas de bandoleiros do século XIX, de pozos con esqueletos, da busca dun tesouro e de dous rapaces procurando a liberdade e aprendendo a vivir.
A obra gustoulle á maioría do alumnado polas aventuras de “piratas” que suceden na nosa terra e porque no fondo dela percíbese algunha das características propias do ser humano: por un lado a ambición, representada nas gavelas, e por outro a superación persoal, coma no caso do protagonista, Lourenço, que de ser analfabeto e delincuente chega a ser médico e boa persoa.
A algúns alumnos chamoulles a atención a violencia de certas escenas, pero como dicían outros reflicten a realidade da época.
Destacamos algunhas opinións do alumnado: Enric, de 1º Bac A, considera a obra moi orixinal, pois di que a historia dos bandoleiros galegos non é unha temática moi tratada na nosa literatura. A obra empeza algo lenta pero logo cada vez se fai máis interesante e non podes parar de ler. Os personaxes están moi ben construídos e aínda que a idea do enfrontamento entre as gavelas polo tesouro pode paracer pouco orixinal, os escenarios galegos e os personaxes de moi distinto tipo, moi cribles, fan que a historia gañe interese en cada capítulo. Enric recomenda esta novela sobre todo para os amantes das aventuras protagonizadas por bandoleiros decimonónicos cun apetecible e fresco sabor galego.
Anxo, de 1º Bac A, di que lle gustou moito polo dinamismo da acción e por como describe o ambiente e a situación histórica. A acción mantente en tensión e emociona.
Álvaro, tamén de 1º Bac A, destaca, entre outros aspectos xa mencionados, que a novela ensina como se vivía no século XIX en Galicia.