Club de lectura: comentamos a obra Teño 14 anos e non é unha boa nova

O club de lectura A pé de obra reuniuse para debater arredor do libro ‘Teño 14 anos e non é unha boa nova, de Jo Witek e tradución de Antía Veres .

Onde sucede a historia? Podería acontencer no noso país algo así? Está baseada en feitos reais? Foron algunhas das preguntas que intentaron responder. Tamén compartiron as sensacións experimentadas durante a lectura: anguria, emoción, ansiedade, pranto, felicidade… Todas as persoas coincidiron en que a medida que afondaban na historia de Efi máis empatizaban con ela, até o punto de sentila moi próxima.

Esta novela serve para non apagar o debate sobre os matrimonios concertados e na falla de liberdade das mulleres. Sen dúbida, un libro esperanzador.

 

Club de lectura de adultos: As alumnas, de Paula Carballeira

O club de lectura de adultos, A pé de obra, volveuse reunir, desta volta, para comentar o libro As alumnas de Paula Carballeira.



A obra, Premio Nacional de Teatro 2023, foi obxecto de debate polo noso profesorado. Profundaron na historia de María Barbeito e compartiron experiencias vividas ao longo das súas traxectorias.



Unha tarde chea de anécdotas, libros e mesmo cine.

Seguimos lendo!

Visita de María Reimóndez

María Reimóndez visitou o IES Castelao para compartir tempo co club de lectura A pé de obra. A obra elixida para debater foi Furia, último premio Jules Verne de literatura xuvenil.

A novela foi obxecto de interese para o alumnado, quen amosou inquedanzas polos temas que trata: as emocións, o boxeo, a aceptación, o autodescubrimento, a diversidade sexual… Ademais, parolar coa autora foi enriquecedor para coñecela a ela e como é o seu proceso creador.

Non dubidedes en pasar pola nosa biblioteca para pedir algún exemplar e, se callar, levas algúns dos libros asinados pola autora.

Moitas grazas, María! Agardamos que volvas noutra ocasión!

Álbum: Curso 2023/2024 -> Club de lectura: Visita de María Reimóndez

O Hibisco púrpura, lectura do Club de lectura de adultos

O club de lectura de adultos reuniuse para debullar a lectura proposta do primeiro trimestre, O hibisco púrpura de Chimamanda Ngozi.

 

A conversa, reconforte e motivadora, versou arredor dos problemas que aborda a autora: o machismo, a violencia, o fanatismo relixioso, a guerra, o golpe de estado, as emocións que se amosan e as reprimidas…
Foi un intercambio de experiencias lectoras con bastantes puntos en común!
E na reunión xa lles deu tempo a acordar a seguinte lectura!

Club de lectura con Andrea Maceiras

O pasado día 1 de febreiro a escritora Andrea Maceiras visitou o Club de Lectura "A pé de obra" do alumnado do IES Castelao.
 
Mantivo con todos os membros do club e algún alumnado que tamén leron optativamente algún título seu unha suxestiva conversa que xirou sobre o título Que me pare o corazón se te esquezo, aínda que tamén apareceron referencias no diálogo a O que sei do silencio e Nubes de evolución.
 
Andrea falounos das súas orixes como escritora, das dinámicas creativas e dos asuntos ou temáticas que recrea con proximidade, deixando no ar moitas preguntas para reflexionar, como acontece nos máis dos seus libros.
Grazas, Andrea, pola túa visita.
Álbum: Curso 2022/2023 -> Andrea Maceiras

Kiko da Silva visita o Club de Lectura

O pasado 11 de novembro celebramos o primeiro encontro do Club de Lectura do alumnado no presente curso 2022-23.

Visitounos Kiko da Silva, autor de banda deseñada, historietista e director de O garaxe hermético, escola profesional de banda deseñada e ilustración.

Na súa charla realizou un repaso de carácter biográfico sobre os seus comezos no mundo da ilustración e as caricaturas, os seus primeiros pasos profesionais e como chegou a idear e fundar a primeira escola profesional de banda deseñada na cidade de Pontevedra.

Finalmente tamén nos falou brevemente da banda deseñada xaponesa, a manga, e mais doutras tradicións dentro deste xénero. Probablemente, a fin de curso, volverá visitarnos para desenvolver toda esta valiosa información de maneira práctica nun obradoiro.

Moitas grazas, Kiko da Silva, pola túa visita.

Álbum: Curso 2022/2023 -> Kiko da Silva

Club de Lectura "A pé de obra"

O 16 DE XANEIRO DE 2023, ÁS 19:O0 HORAS, CELEBRAREMOS a primeira sesión dO CLUB DE LECTURA COA VISITA De xesús fraga, CON QUEN MANTEREMOS UN DIÁLOGO SOBRE virtudes (E misterios), novela gañadora do premio nacional de narrativa, premio blanco amor de novela e PREMIO DA CRÍTICA GALICIA.

 

Nota: cO GRUPO XA EXISTENTE SEGUIREMOS EN CONTACTO POR CORREO ELECTRÓNICO E, SE desexades darvos de alta no club, enviade un correo electrónico  a  bibliotecaramirofonte@gmail.com

 

Encontro con Marilar Aleixandre

Inaugurouse o pasado 21 de febreiro un novo club de lectura, que comparte obxectivos do xa existente e integrado por alumnado do noso centro. Trátase dunha versión específica do club "A pé de obra" orientado cara ao profesorado, pais e nais de alumnado, ex-alumnado e persoal non docente.
 
Para a súa estrea, tras a lectura da novela As malas mulleres, premio Blanco Amor de Novela 2021, gozamos dun coloquio coa súa autora, Marilar Aleixandre: escritora e académica da RAG que exerceu durante 13 anos a docencia no noso centro e que o dirixiu durante varios anos. Neste encontro a autora abordou diversos asuntos como foron a xestación da novela, o perfil que imprimiu a diversos personaxes, o pouso histórico que incorpora e os personaxes reais que aparecen nela ou os diversos elementos que, a través da ficción, se reinvidican nesta proposta narrativa. Finalmente houbo tempo para un vizoso intercambio de opinións entre os membros do club e Marilar Aleixandre, a quen lle agradecemos a súa visita.
Álbum: Curso 2021/2022 -> Marilar Aleixandre

Club de Lectura IES Castelao

Texto: Club de Lectura IES Castelao

Bota a andar o Club de Lectura IES Castelao aberto ao persoal docente, persoal non docente, pais e nais do alumnado e alumnado que xa deixou o centro.

O primeiro libro escollido é a novela As malas mulleres, Premio Blanco-Amor de Novela, de Marilar Aleixandre, ex-directora do centro, que terá un encontro cos integrantes do Club para falar do libro o día 14 de febreiro de 2022, ás sete e media do serán, no Paraninfo Xela Arias (antigo Salón de Actos).
 Portada do libro, logo da librería e imaxe da autora
Antes, o 31 de xaneiro, á mesma hora, teremos unha reunión preparatoria para manter un coloquio antes da sesión presencial coa autora.
 
Contamos coa colaboración da libraría Cartabón -Rúa de Urzaiz, 125- que aplicará o máximo do desconto legal para as persoas que queiran adquirilo. Tamén a nosa biblioteca disporá dalgúns exemplares.
 
As persoas interesadas en formar parte do Club anotádevos mediante o seguinte formulario:

FORMULARIO DE INSCRICIÓN NO CLUB DE LECTURA IES CASTELAO