Anagnórise

Anagnórise: Moreno, María Victoria

                                                           Mª Victoria Moreno

Anagnórise  conta, segundo Ana, a historia de Nicolau, un rapaz das Rías Baixas que ten problemas na súa casa e decide deixalo todo e marchar a Madrid en autostop. Recólleo Xulia Andrade, unha escritora da zona, aínda que durante a viaxe non se din como se chaman. Lara destaca que Nicolau marcha porque logo de que cinco anos atrás a súa irmá pequena morrese afogada, a súa nai comezou a beber e o seu pai embarcou nun pesqueiro. Ademais, sofre polo desamor dunha rapaza. Consigo levaba haxix para entregarlle a un compañeiro en Madrid.

Antía di que na novela se ven os prexuízos machistas da época, fins do s. XX, porque a Nicolau non lle gustou que o condutor do coche que o recolle fose unha muller, pero ela ao longo da viaxe vaillos  desmontando nas conversas que manteñen.

Uxía  cre que estas conversas coa condutora sérvenlle a Nicolau para ser consciente de si mesmo.  Paula aclara que iso  ten relación co  título da novela, que non se revela e que che obriga a buscalo no dicionario. Esta palabra é un topos clásico da trama narrativa -especialmente do teatro- no que un personaxe é recoñecido por outros (ou se dá conta el mesmo) da súa verdadeira identidade. Claramente é o que lle pasa a Nicolau.

Ao chegaren a Madrid sepáranse. Ela marcha a un hotel, e déixalle o seu contacto. El vai a un piso cuns amigos, e lévalles medio quilo de haxix para fumar e vender, pero, comenta Iago, decátase de que ese non é o seu ambiente, non lle gustou o que viu. Cre que el é mellor persoa que eses rapaces e unha semana despois volve en busca de Xulia. No hotel dinlle que ela morreu nun accidente de tráfico. De regreso a Galicia, no camposanto descobre que Natalia, a súa namorada, é filla de Xulia e que en realidade ela non o enganara.

Paula di que lle gustou moito o estilo da escritora, como está construída a historia- que mantén a intriga sobre os personaxes- e como se ve a evolución da personalidade de Nicolau.

Ademais paréceulle moi curioso que o apelido de Xulia, Andrade, coincidise co do personaxe Antón Andrade Asorei da obra Leonardo e os fontaneiros da mesma autora.

                                                                                                                                                        Grupo de lectura: 1ª metade de 3º ESO A