A cabeza de Medusa

O grupo de lectura de 1º de Bacharelato A, B e E leron esta obra de Marilar Aleixandre, profesora hai anos no noso centro.

A historia, di Uxía , relata a violación de dúas alumnas de 2º de Bacharelato e as repercusións que este feito vai supoñer nas súas vidas e nas do seu círculo familiar e de amizades.

Álex cre que na obra se amosa  ben claro a reacción de familia e amigos ante este doloroso feito. A autora, di, presenta dúas posturas ou formas de reaccionar moi diferentes entre a xente. Por un lado, os país de Sofía apoian a filla e defenden a necesidade de denunciar a violación, mentres que os de Lupe sosteñen que é mellor esquecelo todo para non danar máis a filla. Dentro do grupo de amigos a maioría apoian e axudan as rapazas pero outros como Mauricio insúltanas acusándoas de provocadoras. Estas actitudes reflicten o que pensa a sociedade realmente.

Brais e Uxía destacan a variedade de textos que  emprega a autora na novela: ademais da narración, hai textos xornalísticos, análises de ADN, redaccións dos alumnos, informes do Consello Escolar quer dan, segundo eles, veracidade, realismo os feitos que conta.  

O inicio de cada capítulo hai citas sobre o mito de Medusa, de aí o título, di Alba, que nos recordan que  na actualidade pasa o memo que no pasado, que as vítimas acaban sendo castigadas pola sociedade, feito que critica a autora.

 Paula  comenta que lle gustou a novela porque reflicte a realidade que viven as mulleres dende  sempre, cómo cambiou a vida das protagonistas, como foron valentes e rexeitaron os cartos do soborno e seguiron adiante coa denuncia.

 O grupo de lectura valorou moi positivamente a  novela porque defende os valores da igualdade entre homes e mulleres, a liberdade  destas para actuar, o respecto, o valor da amizade e o apoio da familia nos problemas da vida.                           

 

                                                                                                                                Grupo de alumnos de 1º Bac A, B e E