Novas alumnado |
ANULADA Co gallo da saída didáctica a Portugal organizada polo departamento de Lingua galega, convócase ás familias do alumnado participante a unha reunión o vindeiro luns, día 16, ás 18.30 horas na sala de Usos múltiples. |
|||
Xa dispoñemos no centro dos títulos académicos correspondentes ó alumnado que rematou no noso IES os seus estudos (ESO ou bacharelato) no ano 2018 (non neste curso pasado). Previamente xa recibiramos os correspondentes ó alumnado que rematara estudos nos anos 2014, 2015, 2016 e 2017. Os interesados/as (non os pais), ou unha persoa que eles autoricen, poden pasar por secretaría para retiralos, identificándose co seu DNI. Véxanse as instrucións e o modelo de autorización no enlace de debaixo. Téñase en conta que só dispoñemos do título daqueles alumnos/as que remataron estudos (ESO ou bach.) no noso centro; se se fixo noutro centro, o interesado/a deberá dirixirse a el. |
|||
O alumnado de centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, matriculado no réxime xeral de 1º, 2º, 3º e 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato está en prazo para solicitar axudas para formarse en linguas estranxeiras. Neste arquivo pódese atopar un resumo da información. En AxudasLe accédese á páxina oficial, na que se debe formalizar a solicitude. O prazo remata o 26 de marzo (este día incluído). |
|||
No DOG do venres, 7 de febreiro, realízase a convocatoria para participar nas probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional. A través deste enlace pode accederse á convocatoria. |
|||
Informamos de que estamos en prazo (entre o 1 e o 17 de febreiro) para que o alumnado de 6º do CEP de Ventín (centro adscrito) presente en Ventín a súa Reserva de praza para o noso IES. Tras iso, coas prazas que queden vacantes, abrirase para todo o resto de alumnado interesado o proceso de Admisión (entre o 1 e o 20 de marzo), sobre o que proximamente publicaremos toda a información relevante. Recórdase que a realización desa reserva ten carácter vinculante e é incompatible coa presentación de solicitude de admisión noutro centro (salvo renuncia expresa e por escrito á reserva previamente feita, presentada neste IES antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión —1 de marzo—). O alumnado que xa é do noso Centro non ten que facer ningún destes trámites (nin o de Reserva nin o de Admisión). Máis información na propia aplicación de admisións ou na web da Consellería. |
|||
O departamento de francés quere informar ás familias do alumnado que cursa a materia optativa de Francés da posibilidade de presentarse a unha proba externa (DELF scolaire), que a Alianza Francesa en colaboración coa Consellería de Educación convocan cada ano coa finalidade de obter un diploma recoñecido nunha ampla maioría de países e que pode mellorar e enriquecer o currículo dos estudantes. |
|||
Co gallo da saída didáctica a Andorra organizada polo Departamento de Educación Física, convócase ás familias do alumnado participante a unha reunión o vindeiro martes, día 14, ás 18.15 horas na sala de Usos múltiples. |
|||
Como todos os anos as bibliotecas públicas de Ames reuníronse para intercambiar experiencias sobre proxectos, promover a lectura e programar actividades conxuntas como lecturas compartidas, elaboración das Guías de Nadal e Verán, así como o Boletín anual da contorna.
No seguinte enlace pódese acceder á Guía de lecturas recomendadas para este Nadal. |
|||
|
|||
Desde o 2014 a Real Academia Galega e a Fundación Barrié levan a cabo unha iniciativa que nos permite elixir a que será logo a palabra galega do ano. A través da web Portal das palabras pódese votar a palabra do ano 2019. Ata o 15 de decembro puidéronse facer suxestións; entre as palabras elixidas atópanse quecemento global, ecocidio, sentidiño ou feminicidio. O período de votación remata ás 23.59 do día 25 de decembro. |
|||
Entre o 25 e o 29 de outubro celebramos no instituto o Samaín coa posta en práctica de 23 xogos populares. Recibimos ao longo dos tres días, e en varias quendas, ao alumnado da EEI Milladoiro, ao que a nosa rapazada lle explicou a mecánica dos xogos en lingua galega, posto que a actividade partiu dunha iniciativa do Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do Instituto, en colaboración co EDLG da escola infantil e mais co departamento de Educación física do IES. En agradadecemento pola acollida chéganos unha carta que facemos pública a través do seguinte enlace. |
|||
Desde hoxe luns, 2 de decembro, xa se poden escoitar as pezas do alumnado do IES que participou no Concurso Radifofónico de Teatro lido na edición Desata a lingua, 2019. A partir de mañá, martes 3, e ata o domingo 8, pódese votar pola peza que máis vos guste enviando un correo a radioteatro@concellodeames.gal. As persoas que queiran votar deberán identificarse e só se computa un voto por persoa que se sumarán para outorgar un dos tres premios: o premio do público. Ademais deste, haberá dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e á mellor interpretación. O alumnado do IES do Milladoiro que participou neste concurso é o que aparece no vídeo. Abaixo deixamos os enlaces ás súas pezas para que vos sexa doado escoitalas: |
|||
Un curso máis, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) desenvolve no noso centro o proxecto EpD_Lab (Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento), que chega á súa quinta edición. O proxecto está organizado en oito obradoiros que se realizan cada mes en dúas sesións de 50 minutos e que, neste curso, está dirixido ao grupo de 2º PMAR. O alumnado constrúe as súas propias narrativas dixitais, usando diferentes aplicacións en cada sesión, coa finalidade de fomentar a súa conciencia crítica e a sensibilización social. Para ter acceso á información relacionada co noso centro pica aquí. |
|||
Correspondentes 3.0 é un proxecto de innovación educativa dependente do Instituto da Xuventude que integra nos centros de secundaria a información xuvenil a través do voluntariado dos propios alumnos e alumnas. Este curso contamos con nove rapazas e rapaces de 3º e 4º de ESO que se encargarán de difundir entre os seus iguais a información que se achegue desde o Instituto de Xuventude. Co obxectivo de que as familias do alumnado voluntario teñan máis información e coñezan a mecánica do programa, celebrarase unha reunión co coordinador, Vicente Fornés, o día 26 de novembro, ás 18.30 horas na aula 231 do instituto. |
|||
Un curso máis, a Área de Didáctica da Matemática da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co programa Conecta-Aleida, vai realizar no noso centro a actividade Anaquiños matemáticos co alumnado de 1º ESO seleccionado polo departamento de Matemáticas do IES do Milladoiro. Terá lugar en sesións quincenais dunha hora de duración, os mércores de 16:30 a 17:30 a partir do 20 de novembro e ata o 27 de maio. As sesións terán lugar no IES do Milladoiro e no seguinte enlace pode consultarse a programación das mesmas. Os obxectivos xerais desta actividade son: 1- Traballar contidos matemáticos en contextos interdisciplinares. 2- Potenciar unha actitude positiva do alumnado cara ás matemáticas. 3- Caracterizar a aprendizaxe do alumnado coa realización de propostas motivadoras. |
|||
O IES do Milladoiro participa un curso máis no "Plan de consumo de froita" promovido e subvencionado polo FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria) e a Unión Europea. Grazas a el, repartiremos froita fresca de xeito gratuíto en diversos períodos ao longo do curso, o primeiro deles do 4 ao 15 de novembro. O obxectivo preferente deste plan no noso centro é o alumnado de 1º e 2º ESO, que poderá recoller a froita no primeiro recreo. No segundo, o resto do alumnado poderá recoller a froita sobrante.
Esta acción responde á preocupación pola saúde do alumnado que fixo ao IES do Milladoiro merecedor do distintivo "SELO DE VIDA SAUDABLE".
|
|||
Hoxe, martes 29 de outubro, tivemos a última xornada de convivio co alumnado de infantil a través dos xogos populares. O alumnado das dúas quendas que viñeron hoxe, ademais de aprender a xogar da man do noso alumnado, recibiu -igual ca os anteriores- as intrucións e a comunicación en lingua galega. O profesorado da Escola infantil, ao final da actividade, agasallou á nosa rapazada con galletas.
|
|||
Hoxe, luns 28, continuamos coa actividade "Xogamos no Samaín", organizada polo EDLG, en colaboración co Dpto. de E.Física. Visitáronnos dous grupos de alumnos e alumnas da EEI Milladoiro: entre as 8.50 e as 10.30 recibimos un grupo de 50 alumnos e alumnas de 5 anos, que compartiron xogos co alumnado de 4º ESO A e o alumnado de Portugués de 3º de ESO e de 1º de Bacharelato; entre as 10.50 e as 12.30 o alumnado de 3º ESO A e 4º ESO B recibiu a un grupo formado por 50 alumnos e alumnas de 4 anos. Toda a rapazada puxo en práctica os distintos xogos populares mentres conversaban en galego.
|
|||
Este venres, 25 de outubro, comezou a actividade dos Xogos populares polo Samaín, que este ano se vai realizar durante tres días para así poder atender a todo o alumnado de infantil de catro e cinco anos. Vanse realizar un total de cinco sesións para que todo o alumnado da EEI desa idade poida vir ata o instituto aprender a xogar da man do alumnado de 3º e 4º da ESO. Este, organizado por parellas, acolle a cadansúa parella de infantil para lle ir ensinando cada un dos xogos, ata un total de 23. O alumnado do instituto ten ademais o reto de explicarlles a actividade en galego e de manterse falando en galego coa rapazada xa que é unha iniciativa do Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do Instituto, en colaboración co EDLG da escola infantil e mais co departamento de Educación física do IES. Este venres viñeron 50 rapaces e rapazas nunha quenda entre as 11h e as 12,30h. Para o luns haberá dúas sesións doutros 50 membros do infantil en cada unha das quendas e o martes outras dúas, unha de 50 e outra de 25.
|
|||
O alumnado do IES do Milladoiro que se anotou para participar no Concurso de teatro radiofónico, tivo hoxe, xunto co alumnado do IES de Bertamiráns, a primeira das dúas xornadas formativas que ofrece o concello. A sesión desenvolveuse desde as 11 ata as 13,15 da mañá na Casa de cultura do Milladoiro. Desde o noso IES acudiron oito grupos e un total de 23 rapaces e rapazas que foron atendidos por dous membros do Grupo “Ibuprofeno Teatro” (Santiago Cortegoso e Marián Bañobre).
A continuación repartíronse en dúas salas para traballar a guionización cunha explicación máis detallada, dar asesoramento aos diferentes grupos nos seus respectivos guións e atender dúbidas sobre a actividade. A seguinte sesión de formación vai ser o vindeiro 6 de novembro xa no IES para practicar a locución dos textos que xa teñen que estar rematados. Vaise gravar na semana do 18 de novembro nos locais de Ames Radio. |
|||
O venres 25 presentouse por parte da Asamblea de Cooperación pola Paz (ACPP) o programa Escolas sen racismo ante o alumnado de 1º de ESO. No mesmo acto tamén se presentou a Axenda escolar feminista elaborada para o curso 2019-2020 e á qie se pode acceder a través deste enlace. O centro recibiu unha placa en recoñecemento ó labor desenvolvido. |
|||
O alumnado de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato asistiu á montaxe teatral Language Planning, baseada na obra Made in Galiza de Séchu Sende. A respresentación correu a cargo de Os Quintilláns Teatro e a actividade foi organizada polo EDLG e o Departamento de Lingua galega en colaboración co Concello. O alumnado foi agasallado cun exemplar de Made in Galiza (publicado por Galaxia) e ao final da representación puido manter un coloquio co autor e tamén cos actores.
|
|||
|
|||
A POSTA EN ESCENA DA NOSA AUTOESTIMA |
|||
O alumnado do IES Milladoiro sumouse hoxe masivamente á Folga Mundial polo Clima. O alumnado de 4º de ESO elaborou unha pancarta coa que acudirán á manifestación un grupo de alumnos/as do centro.
|
|||
Hoxe, 19 de setembro, o alumnado de 2º de ESO asistiu a unha charla organizada en colaboración co Concello de Ames. |
|||
|
|||
O vindeiro xoves 5 terá lugar un encontro coas familias do alumnado de 1º de ESO ás 19 horas na sala de Usos múltiples. O encontro coas familias co resto do alumnado novo no centro terá lugar o luns 9, tamén ás 19 horas. |
|||
Adxúntase enlace directo á listaxe de libros de texto para o curso 2019-2020. |
|||
Os boletíns de notas serán entregados polos titores/as o xoves 5; ese mesmo día recolleranse os libros de texto pendentes de entrega. Aquí atoparás a información con detalle: DOCUMENTO |
|||
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »