Novas

Presentación da novela “Izan o da saca” de Xabier Quiroga

Portada Libro "Izan o da saca"

Mércores, 16 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro, rúa Bos Aires, 71, de Lalín, terá lugar a presentación da novela "Izan o da saca" do noso benquerido compañeiro Xabier Quiroga.

No acto participarán Uxío Grande, Rafael Cuíña, Manuel Bragado e Xabier Quiroga.

      >> Ficha do Libro

Izan o da saca
Xabier Quiroga (Autor)
"O Fiscal Superior de Xustiza recibe do seu editor un paquete que contén, ademais dun cartafol con noticias de varias mortes sen relación aparente, unha novela. Nela, un taxista con ínfulas investigadoras e lector empedernido acepta o delicado encargo dun coñecido político e empresario galego: desentrañar un suposto pasado nazi co que os seus inimigos poden relacionalo. Comeza así, ademais dunha engaiolante procura pola xeografía física e humana deste país, unha perigosa pescuda sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a misteriosa «Ruta das ratas» ao seu paso polo noroeste da península Ibérica e cara ao refuxio nazi en América do Sur.Mesturando realidade e ficción, coa mestría da madurez narrativa e facendo encaixar as múltiples pezas desta novela negra nun insólito final, Xabier Quiroga atrápanos nunha trama que, da man do Reiniña, o seu protagonista, remexe no escuro duns feitos agochados no pasado pero que, sen remedio, salpican o presente."

Un ano máis, contra a Violencia de Xénero

Neste 25 de novembro puxémoslle nome a todas as vítimas do ano 2015. Unha flor violeta e unha folla individualizada simbolizaron a dor dos 48 asasinatos que ata este momento estaban oficialmente contabilizados. O alumnado de 4º de ESO A e PDC rodeou este acto simbólico con poemas, e declaracións de intencións. De fronte, o silencio dun público respectuoso sabedor da importancia que a nosa homenaxe particular tiña.

O alumnado do Club de lectura puxo o seu gran de area interpretando unha performance nun acto que o Concello de Lalín organizou para toda a veciñanza, e no que participaron todos os Centros do Concello.

 

Na galería de imaxes tedes as fotos dese día, no que tamén, coa axuda do alumnado de 1º ESO A, plantamos primaveras en recordo a todas as vítimas.

Asemade, queremos dar os parabéns ás alumnas María, Nerea, Aitana e aos alumnos Jorge e Anxo por seren os gañadores do Concurso de Twitter que organizou o Concello de Lalín. Aquí podedes ver, no arquivo adxunto, os chíos que mereceron ser premiados.

Finalistas do IV Concurso de Tuits contra a violencia de xénero 2015

Aquí tendes un vídeo elaborado no propio centro:

Celebramos o Día da Ciencia en Galego!

Día da Ciencia en Galego

Como hai políticos que cren que a nosa lingua non serve para ser científica, nos centros de ensino empeñámonos en demostrar que si. E resulta ben doado! 

Un ano máis, no noso centro decidimos dar o protagonismo ao alumnado de Diversificación para que fosen eles e elas quen demostrase que a ciencia pode explicarse en galego, converténdose en profesorado por un día. E que ben o fixeron!

 As experiencias xiraron arredor da luz e da óptica.

     Ver Fotos

 

Xornada de Convivencia na Devesa de Moa


     O pasado 1 de outubro, os 75 alumnos de 1º da ESO acompañados por sete dos seus profesores participaron nunha Xornada de Convivencia, que contempla o Plan de Convivencia do Centro co fin de facilitar o coñecemento e cohesión do alumnado, que provén de diferentes centros de Primaria e tamén establecer relacións de proximidade cos distintos profesores. Para este fin, deseñouse unha ruta de sendeirismo pola Devesa de Moa, onde ademais de compartir conversa e camiñata, deu pé para coñecer as excelencias naturais desta paraxe, da que cabe destacar a súa ampla biodiversidade botánica e zoolóxica. Igualmente serviu para coñecer os cursos dos ríos Deza e Zobra e valorar a importancia que a apicultura tivo no Candán, coa visita e explicación da función das alvarizas.

    A xornada foi un éxito de alegría e alumnos e profesores regresamos satisfeitos da experiencia. 

    Neste enlace pódense ver algunhas fotos da xornada.

 

Visita do Dr. Ángel Carracedo

O 2 do outubro tivemos a honra de ter entre nós ao Dr. Ángel Carracedo para desenvolver diversas actividades co noso alumnado. Entre música e presentacións adentrámonos no apaixoante mundo da investigación xenética mediante unha charla para o alumnado de 4º de ESO e Bacharelato.

Descubrimos a placa que inaugura o Laboratorio de Bioloxía co seu nome, e o alumnado de 2º BAC disfrutou nel dun café coloquio.

Na última hora da maña, o alumnado de 1º e 2º de ESO asistiu a unha charla sobre o mundo da lectura.

Nos seguintes enlaces pódense ver o programa de actividades, fotos e máis información publicada nos xornais da comarca: "El Faro de Vigo" e "La Voz de Galicia".

Programa de actividades do día 2 de outubro

Blog da Biblioteca ---> "Unha pegada indeleble" Resumo da visita

BENVIDOS PRIMEIROS!!

 

 

A nosa biblioteca está xa a pleno rendemento. O venres 18 recibimos entre globos e festa aos cursos de 1º da ESO. Foi un primeiro encontro dos 75 rapaces co entorno da biblio.

 

Ensinámoslles as nosas 3 xoias do século XIX: os tres libros máis antigos dos fondos bibliográficos. Tamén viron fotos de hai 40 anos das instalacións que había entón no instituto para ler e estudar.

Todos  quedaron abraiados cando descubriron que o noso centro conta con máis de 14600 volumes rexistrados…¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡

 

…e é que a Biblioteca do Laxeiro é pequeniña , pero xeitosa.  Aquí tes máis imaxes.

 

Ler no verán ten PREMIO !!

Para todas as idades e para todos os gustos, o equipo de biblioteca elaborou unha guía con recomendacións de lectura para un verán cheo de soños, poesía e ilustración. O alumnado de 1º e 3º de ESO deseñou unhas bolsas moi atractivas e saboreamos a lectura cun saboroso doce. No blog da biblioteca temos máis información sobre esta campaña: "Lemos no verán".

O futuro comeza con Matrícula de Honor

 

Parabéns ás tres mozas e un mozo que co seu esforzo foron quen de superar todos os obstáculos e levan o noso recoñecemento en forma de nota, aquela que os distingue por riba de toda media posible. Desexámosvos que sigades brillando con esa luz propia nun firmamento rutilante. Non deixedes nunca de perseguir os vosos soños!

Estela Fidalgo Garra

Laura Sofía Machado González

Andrés Eduardo Machado González

Mª José Presas Gimbutis

 

Non esquecemos darlle os parabéns a toda a xeración 2009-2015 que rematan os seus estudos no IES Laxeiro. Foi un pracer compartir aulas convosco todos estes anos. Que vos vaia bonito!!!

 

...E Coruña tremeu


O LAXEIRO : PERIODISTAS E SOLDADOS.

 

Os alumnos de 3º y 4º PDC  e o grupo de 2º de ESO C visitaron o 14 de abril as instalacións da Voz de Galicia no polígono de Sabón. Pasearon pola redación do periódico, polos enormes almacéns de papel da empresa e contemplaron a rotativa de dúas plantas e de 24 metros de largo onde se crean cada noite os máis de 120.000 exemplares do periódico que diariamente saen desta planta coruñesa. Tamén visitamos o museo Santiago Rey Fernández La torre. Alí  os alumnos  puideron ver periódicos de todos os rincóns do  mundo  e cabeceiras de  épocas  remotas . Tamén botaron un ollo ao  periódico galego máis antigo: O Catón Compostelano de 1800, unha xoia periodística que o museo contén.

Pola tarde e tras unha breve concesión ao ocio por Marineda …ejem, ejem… aproveitamos o bo día de primavera e nos paseamos polo Paseo do Parrote e polo peirao de trasatlánticos. Ata vimos zarpar un…

Ás 4 da tarde armados cos nosos uniformes dezanos xogamos a ser soldadiños no Castelo de San Antón. O Castelo é pequeno, pero non quedou un recuncho sen visitar dende o alxibe ata o torreón.

O día deu para moito e ata fomos quen de perder unha pelota de fútbol que tivemos que deixar aboiando nas augas do porto da cidade. Os do Laxeiro somos únicos …

Para fotos do superevento, clica aquí.

Intercambio - Échange IES Laxeiro - Lycée Champ-Blanc

Neste curso 2014-15, 24 alumnos do IES Laxeiro, de 4º ESO e 1º Bacharelato, teñen a oportunidade de participar nun intercambio cun grupo de 22 alumnos do Lycée Champ-Blanc (Le Longeron, Francia).

Este é o IX intercambio que desenvolvemos xunto con este centro educativo francés.

Neste caso decidimos estudar o tema das nosas lendas e tradicións.

Do 21 ao 28 de marzo acollemos en Lalín o grupo francés. Durante esa semana, os alumnos franceses viviron nas casas dos seus compañeiros de intercambio, asistiron a clases no IES Laxeiro e participaron en varias actividades relacionadas co tema central do intercambio.

Concretamente, visitamos a nosa vila e coñecemos os seus persoeiros ilustres; fomos á Coruña para traballar sobre as lendas relacionadas coa Torre de Hércules e sobre María Pita; e finalmente entramos en contacto co Camiño de Santiago, percorrendo o tramo que nos leva de Palas de Rei a Melide e visitando a zona vella de Santiago de Compostela.

Do 25 de abril ao 03 de maio, tocaralles aos alumnos do IES Laxeiro viaxar a Le Longeron.

Tamén residirán nas casas dos compañeiros de intercambio e participarán en diversas actividades organizadas polo Lycée Champ-Blanc: estudarán a dous persoeiros famosos desa zona de Francia, Jules Verne e Barba Azul.

Por suposto, terán a oportunidade de visitar as cidades de Nantes, Cholet, Tiffauges...

Se vos interesa esta actividade e queredes seguir o seu desenvolvemento, non dubidedes en visitar o sitio web que elaboramos entre todos: https://sites.google.com/site/champblanclaxeiro/echange-2014-2015

Distribuir contido