Historia

Historia do centro

Unha nova promoción no camiño

31/05/2017 12:51
Europe/Madrid

O 20 de maio pasado despedimos a unha nova promoción de bacharelato. Foi unha tarde para a lembranza. Tamén para animalos a seguir traballando nos seus soños e parabenizalos polo bo traballo feito durante a súa andaina no centro.

Breve historia do centro

Na historia do noso centro debemos ter en conta a convivencia de varios tipos de estudos no mesmo edificio, e unha posterior separación en dous Institutos diferentes (Ramón María Aller Ulloa e Laxeiro) dentro da mesma capital do Deza. Os acontecementos sucesivos van explicando esta problemática.
No ano 1954 foi creado mediante orde Ministerial (BOE do 7-4-54) un Centro Oficial de Ensino Medio e Profesional na modalidade Agrícola e Gandeira en Lalín, o Instituto Ramón María Aller Ulloa, que comeza a impartir clases durante o curso 1954-55. Este será o xérmolo de toda a etapa educativa de nivel medio da Comarca do Deza.
O edificio que ocupaba ese Instituto era o coñecido como "Hospitalillo", de propiedade municipal, que segundo reza nunha placa sita aínda hoxe na frenteira foi inaugurado o 21 de Setembro de 1925 e construído baixo o mecenato da Sociedade de Fillos do Partido de Lalín de Bos Aires. O edificio de pedra foi, e segue a ser, a pesar das múltiples reformas sufridas ao longo dos anos, a base física do Instituto Laxeiro.
Seguindo coa historia académica, cómpre mentar que a única especialidade impartida naquel curso 54-55 era a modalidade Agrícola-Gandeira, que se correspondía ao Bacharelato Laboral Elemental, que contaba nese 1º curso con 72 alumnos, todos eles varóns.
Xa no curso 59-60 inaugúrase un reformado edificio sobre as bases do "Hospitalillo". O que se fai é un intento de acondicionar as estruturas con vistas a adaptalas á educación.
O curso 63-64 vai marcar unha nova xeira na pequena historia deste centro educativo, pois nel entran por primeira vez as mulleres a estudar. Propicia esta novidade o feito de que a principios desta década o centro cambia de denominación e pasa a chamarse Instituto Técnico de Ensinanza Media, e que no mencionado curso comenza a impartirse a modalidade Administrativa, dirixida ao sexo feminino. Serían exactamente 45 as alumnas que iniciasen os estudos nesas datas.
Coa extinción dos plans antigos de Bacharelato e a chegada dos novos estudios, no curso 67-68 establécese un Plan único de Bacharelato Elemental Unificado de catro anos de duración e que sería implantado progresivamente ao tempo que se esgotaba o antigo.
Xa no curso 71-72 amplíanse os cursos ao Grao Superior dos Bacharelatos: Técnico Masculino coa especialidade de Industrias Lácteas, Técnico Feminino coa especialidade de Secretariado e Xeral Mixto con Ciencias e Letras.
No curso 73-74 chega o COU e a nova denominación de Formación Profesional de 1º Grao. E non sería ata o curso 75-76 cando chegasen os primeiros alumnos procedentes da EXB (creada pola Lei Xeral de Educación do 70) para iniciaren os seus estudos de 1º de Bacharelato Unificado e Polivalente (BUP) no centro.
Coa mencionada estrutura educativa e en vista do progresivo crecemento de matrícula, pois no curso 77-78 comparten edificio 360 alumnos/as de BUP e COU con 90 de Formación Profesional (Ramas de Electricidade, Automoción, Metal e Administrativo) faise imprescindible a construción dun novo edificio que poida dar cabida a tódalas solicitudes de matrícula da comarca. Desta maneira no curso 78-79 os estudos de BUP e COU trasládanse ao novo e actual edificio que ocupa o Instituto Ramón María Aller Ulloa, ficando o vello edificio - que hoxe é o Instituto Laxeiro-destinado aos estudos de Formación Profesional e sen nome concreto.
En Maio do ano 1989 o Centro pasa a denominarse Instituto de Formación Profesional Laxeiro, como homenaxe ao insigne pintor lalinense, e nel impártense as Ramas Técnicas de Administrativo, Electricidade e Automoción, pois pola escasa matrícula a Delegación eliminara a Rama de metal no curso 87-88.
Coa chegada da Loxse o centro pasa a denominarse IES Laxeiro e de novo as vellas paredes do "hospitalillo" son testemuñas quedas dos novos cambios.
Ao longo dos últimos anos, e aínda que segue conservándose a vella estrutura do edificio, marcada pola presenza da pedra, houbo múltiples reformas que intentaron acondicionar os espacios físicos ás necesidades educativas. A máis importante foi a levada a cabo durante o curso 98-99 e que modificou radicalmente o espacio interior de grande parte do edificio, incrementou o número de aulas, incorporáronse aulas específicas da ESO, cafetería, ciclos, etc. Desde fóra os cambios son menos visibles, como non sexa a presenza do Ximnasio colocado na metade da que era pista polideportiva.
No verán do 99 realizáronse tamén ampliacións nos obradoiros, coa finalidade de adaptalos aos ciclos formativos de Electricidade e Mecánica.
No ano 2000 volve a impartirse no centro o novo Bacharelato recordando que hai vinte anos polas súas aulas pasaran xeracións de alumnos de BUP, e inícianse tamén estudos de Ciclos Medios de Formación Profesional que sustituyen á F.P do sistema extinguido. Asemade inícianse os estudos de Ensinanza de adultos na Secundaria que se verán completados no ano 2001 con bacharelato de adultos. Os Programas de Garantía Social, abertos tamén no ano 2000 completan unha oferta educativa complexa pero acorde coa realidade social do momento.
Neste intre o instituto estase a adaptar ás novas esixencias que lle veñen marcadas pola diversidade de estudos que nel se poden realizar. O maior atranco é a carencia de espacios , a necesaria reforma dalgunhas instalacións xa algo estragadas polo uso e a propia ubicación do centro nun marco urbano de por si complicado. Malia todo iso, o IES Laxeiro está adaptado ao novo organigrama do ensino e pode presumir de ser pioneiro en moitas facetas educativas: informatización administrativa e de ensino, internet, aulas específicas, ximnasio e talleres.
O IES Laxeiro é na actualidade un centro que mira ao futuro con optimismo e totalmente integrado no sistema educativo actual.

Distribuir contido