Igualdade de xénero

Coñecendo ás Detectives do Cancro

Clotilde Costa Nogueira - Científica ASEICACon motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o alumnado do noso IES participou no programa ‘CONÓCELAS’, unha iniciativa da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA), que reúne a cerca de 150 científicas en colexios de toda España para visibilizar ás investigadoras que hai ‘detrás da bata’.

A través dunha conexión en directo, o alumnado puido descubrir e falar directamente con unha das “detectives do cancro”: a científica Clotilde Costa Nogueira. Clotilde reflexionou sobre a labor das mulleres científicas e das dificultades que tiveron ao longo da historia, e que seguen a ter, para que sexan recoñecidos os seus méritos e cheguen a ocupar postos de maior relevancia no mundo da ciencia. Compartiu a experiencia e traxectoria como científica dende a súa Moaña natal para rematar explicando en que centra actualmente a súa investigación en Santiago de Compostela, a biopsia líquida.

Clotilde transmitiu optimismo e animou ao alumnado e, en particular, ás nenas do noso centro a que se interesen pola ciencia. 

Soña, atrévete!

Por unha vida sen violencia

Realizado por María Elsa Martínez Vázquez

 [By María Elsa Martínez Vázquez]

25 de novembro de 2022 

 

Descubrindo ás Detectives do Cancro

Con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, o alumnado de 1º de bacharelato participou no programa ‘CONÓCELAS’, unha iniciativa da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA) e coordinada por Marisol Soengas, que reúne a cerca de 150 científicas en colexios de toda España para visibilizar ás investigadoras que hai ‘detrás da bata’. 

A través dunha conexión virtual e en directo, o alumnado puido descubrir directamente quen é unha das “detectives dcancro”: científica Sofía Mendes, que actualmente dedica a súa investigación á nanotecnoloxía para o cancro de páncreas. Descubriron dende a aula como é esta muller que investiga para facer fronte a esta enfermidade, como orientou a súa carreira e como chegou a ser unhas das grandes investigadoras no seu campo.

Coa participación nesta actividadevisibilizamos a labor das mulleres investigadoras e fomentamos novas vocacións científicas, animando ao alumnado e, en particular, ás nenas do noso centro a que se interesen pola Ciencia. Unímonos así a mensaxe: "elas poden, ti podes".

Visibilizar as mulleres nas Letras

O club de Letras do IES Laxeiro centrouse este curso en visibilizar as mulleres en tres eidos: o literario, o histórico e o musical.

 

Hecho con Padlet

"Cantas mulleres científicas coñeces?"

Seguramente, a maior parte de nós, e de vós, contestaría unha, e a resposta sería unánime: Marie Curie. É a única muller científica que a historia patriarcal non logrou ocultar, debido á súa extrema importancia. Aínda así, houbo quen desexou concederlle o mérito ao seu cónxuxe; é o que ten a historia de Occidente, que mesmo se empeñou en tirar o apelido propio da muller para que adquirise o do esposo, como sinal última pero tamén primixenia da perda da individualidade da muller.
Pero cantas mulleres científicas hai e houbo? Moitísimas mulleres traballaron e traballan neste eido sendo tan ou máis importantes que moitos homes científicos que si constan nos manuais, nas enciclopedias, nos libros. E queremos rescatalas. Queremos que no IES Laxeiro se coñezan os seus nomes. Que se saiba que existiron e que existan. Que se transmita que o seu labor é esencial no decurso da humanidade.

Porque vós, mozas, alumnas, tedes o mesmo dereito e as mesmas capacidades ca os vosos compañeiros en calquera eido. Incluído o científico.

Hecho con Padlet

Novembro contra a violencia de xénero

O alumnado de 2º de ESO- A na materia de igualdade escribiu e realizou unha performance para o 25 de novembro, poñendo o acento en que as mozas non deben vestir nin comportarse segundo os estereotipos de xénero que a sociedade impón.


 

O alumnado de 2º de ESO-B da materia de Igualdade realiza unha performance para o 25 de novembro,  a partir dun poema de Ana Cerezuela (do seu libro "Lejos")

 

Premio a nosa Alumna Sara Granja Sanmartín

Parabéns a nosa alumna Sara Granja Sanmartín polo seu traballo:

"O maltrato crea cadeas, a igualdade dá a forza para rompelas".

#lalinsenviolencia @eigualdade

Lalín sen Violencia

"Manequin Challenge" polo Día de Rosalía

#RosaliaTe no IES Laxeiro     #24defebreiro     #sempreRosalía

Un ano máis, dende a biblioteca do IES Laxeiro quixemos colaborar coa iniciativa da AELG conmemorando o Día de Rosalía; propuñan realizar un "Manequin Challenge" que representase un dos seus poemas. Nós escollemos "A xustiza pola man" e este é o resultado:

 

O IES Laxeiro contra a violencia de xénero, un ano máis

O centro desprega a súa maquinaria igualitaria este 25 de novembro, aínda que non só, xa que todo o ano programa unha serie de actividades que poñen o foco na igualdade do home e da muller, tendo en conta que a nosa adolescencia construirá a sociedade do futuro. Un futuro que só pode ser mellor se os mozos e mozas que poboan as nosas aulas cren nun mundo igualitario e solidario. De aí que durante todo o ano diferentes organizacións e ONG paseen polos nosos corredores lembrando a todo o alumnado a importancia da construción social igualitaria.

Esta semana, a actividade do 25N céntrase nos seguintes aspectos:

.- Exposición de libros pola Igualdade baixo o cartel “Para que non exista a violencia debe existir a igualdade”

.- A primeira hora da mañá, para todo o centro, o alumnado de 4º ESO –C realizará unha performance que pon a ollada máis directa sobre o problema do control na adolescencia. Control das redes sociais e control do xeito de vestir, a performance é unha metáfora do que están a vivir unha parte de mozas e mozos na nosa sociedade actual.

.- Lectura de relatos e poemas en contra da violencia de xénero.

.- A segunda hora da mañá o alumnado de 1º de ESO realizará unha plantación de flores violetas en lembranza das mulleres asasinadas este ano 2016.

.- Durante os recreos, e no salón de actos, toda comunidade educativa está convidada a deixar a súa repulsa persoal contra esta lacra social.

.- “Homes pola igualdade”: fotografías de homes con diferentes lemas que apostan pola igualdade.

.- Ás 12, o alumnado de 4º de ESO estará no concello participando activamente na denuncia da violencia

.- O sábado 26 o alumnado dos clubs de lectura de 4º ESO e 1º Bacharelato serán contacontos de lecturas pola igualdade no Pontiñas.

Un ano máis, contra a Violencia de Xénero

Neste 25 de novembro puxémoslle nome a todas as vítimas do ano 2015. Unha flor violeta e unha folla individualizada simbolizaron a dor dos 48 asasinatos que ata este momento estaban oficialmente contabilizados. O alumnado de 4º de ESO A e PDC rodeou este acto simbólico con poemas, e declaracións de intencións. De fronte, o silencio dun público respectuoso sabedor da importancia que a nosa homenaxe particular tiña.

O alumnado do Club de lectura puxo o seu gran de area interpretando unha performance nun acto que o Concello de Lalín organizou para toda a veciñanza, e no que participaron todos os Centros do Concello.

 

Na galería de imaxes tedes as fotos dese día, no que tamén, coa axuda do alumnado de 1º ESO A, plantamos primaveras en recordo a todas as vítimas.

Asemade, queremos dar os parabéns ás alumnas María, Nerea, Aitana e aos alumnos Jorge e Anxo por seren os gañadores do Concurso de Twitter que organizou o Concello de Lalín. Aquí podedes ver, no arquivo adxunto, os chíos que mereceron ser premiados.

Finalistas do IV Concurso de Tuits contra a violencia de xénero 2015

Aquí tendes un vídeo elaborado no propio centro:

Distribuir contido