Dentro das actividades extraescolares deste ano académico 2021-2022, a Biblioteca organiza unha nova edición do Torneo de Xadrez. Animamos ao alumnado a inscribirse nesta competición deportiva. Terá lugar durante os recreos das vindeiras semanas e na planta baixa do noso centro.
En palabras dun dos profesores responsables deste torneo, Víctor González: "Moitos soñan con derrubar tiranías, botar abaixo patriarcados ou monarquías hereditarias. É sabido. No IES de Valga non aspiramos a tanto, se acaso a darlle xaque ao rei, que non é pouca cousa, ou ao aburrimento, mellor aínda. Si, estamos a falar de creatividade, de intelixencia, de valentía, de esforzo, de paciencia... non, non é un curso de filosofía, aínda que o poida parecer, estamos a falar de xogo e, certamente, a filosofía algo de xogo ten, pero non, non é o caso, trátase de outro xogo, do xogo do xadrez... a que sona ben? A que estás xa botando un sorriso de felicidade. Tranquilo, non é necesario que vaias correndo, acouga, que aínda estás a tempo.
Tes que inscribirte no Torneo Aberto de Xadrez que vai ter lugar nas instalacións do IES de Valga, pasarela baixa. O prazo remata o venres 28, pero non esperes ata última hora, non vaia a ser que te quedes fóra. Pasa pola Bibllioteca e apúntate na folla de inscrición aberta para a ocasión. Que se haberá agasallos para os gañadores? Mellor agasallo que participar e desfrutar? Pois claro, que esperabades?
Empezamos o martes 1 de febreiro e as partidas vanse celebrar nos recreos dos martes e dos xoves. Cada luns farase pública a listaxe cos emparellamentos da semana. Atento. Por suposto seremos escrupulosos coa normativa COVID, xaque ao COVID tamén, pois. Ánimo e saúde."