A música, como ben cultural e como linguaxe e medio de comunicación non verbal, constitúe un elemento con gran valor na vida das persoas; alén disto, favorece o seu desenvolvemento integral, intervén na súa formación emocional e intelectual, a través do coñecemento do feito musical como manifestación cultural e histórica, e contribúe ao afianzamento dunha postura aberta, reflexiva e crítica no alumnado.
Na actualidade, a música constitúe un dos principais referentes de identificación da mocidade. Co desenvolvemento tecnolóxico multiplicáronse os canais de acceso ás cada vez máis numerosas fontes de cultura musical, así como aos seus diversos xeitos de creación e interpretación, a través de vehículos que forman parte da súa vida cotiá, como internet, os dispositivos móbiles, os reprodutores de son e os videoxogos. Ademais, fomenta o desenvolvemento da percepción, a sensibilidade estética, a expresión creativa e a reflexión crítica.
A materia de Música contribúe ao desenvolvemento de valores como o esforzo, a constancia, a disciplina, a toma de decisións, a autonomía, o compromiso, a asunción de responsabilidades e o espírito emprendedor, innovador e crítico, que contribúen ao desenvolvemento integral da persoa. A práctica musical mellora a memoria, a concentración, a atención, a psicomotricidade, o control das emocións, a autoestima, as habilidades para enfrontarse a un público ou a capacidade para traballar en grupo. A música potencia o desenvolvemento de capacidades como a comunicación oral e escrita, o pensamento matemático ou o coñecemento tecnolóxico e científico, que axudan á adquisición das competencias, ademais de procurar un ensino integral e axudar na maduración do alumnado novo.
Transcendendo estes valores estéticos, propios da competencia de conciencia e expresións culturais, o alumnado aprenderá actitudes de cooperación e traballo en equipo ao formar parte de diversas agrupacións nas que cadaquén asumirá diferentes papeis para poder interpretar música en conxunto. Por outra parte, é interesante fomentar actitudes emprendedoras que acheguen o alumnado ás diferentes profesións no ámbito musical e non musical.
Esta materia fomenta as actividades colaborativas ao integrar os/as estudantes nun grupo, fomentando o intercambio de ideas, o respecto entre iguais, a integración, a creatividade, o coñecemento doutros contextos e o desenvolvemento da intelixencia emocional.
O estudo desta materia parte dos coñecementos previos adquiridos polo alumnado na educación primaria e do seu desenvolvemento evolutivo, afondando con elementos que, dado o seu nivel de abstracción, deben abordarse neste momento de desenvolvemento do alumnado.
Entre outros, é obxectivo desta materia dotar os alumnos e as alumnas dun vocabulario que permita a descrición de fenómenos musicais, unha comprensión da linguaxe musical como medio de expresión artística, unha sensibilidade cara á expresión musical e o entendemento da música como un fenómeno imbricado na historia e na sociedade. Tamén se lle outorga un papel importante á análise das obras musicais, entendendo que se pode levar a cabo en distintos niveis de profundidade.