CARREIRA DAS LETRAS

 

O pasado mércores 16 de maio celebramos o Día das Letras Galegas no Campo de Maneiro (Taragoña) coa nosa tradicional carreira na que crianzas, familias, profesores e profesoras participaron activamente manifestando o seu apoio na defensa da lingua galega.

Foi unha xornada moi agradable na que tornamos a rivalidade e a competitividade por convivencia e unidade fronte a unha causa que nos preocupa como é a continua perda de galegofalantes. Levamos a cabo distintas actividades co obxectivo de enxalzar o valor do galego como símbolo de identidade propia e da riqueza cultural que posuímos os galegos e as galegas. 

Logo de recibir a tódalas escolas comezamos coas carreiras baixo o lema "movémonos polo deporte e a cultura". Ademáis, este ano quixemos darlle un carácter solidario colaborando coa campaña "Gotas para Níxer" de UNICEF. 

A continuación tivo lugar un acto no que os nenos de Primaria da escola do Pazo renderon unha homenaxe á escritora á que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas: María Victoria Moreno.

Continuamos coa entrega de medallas e diplomas para dar paso a unha animada foliada na que bailamos e cantamos cantigas propias de Rianxo, como mostra do patrimonio musical da nosa vila, ó son dos instrumentos tradicionais interpretados por familiares, amigos e mestres do noso CRA.  

Para rematar degustamos unha rica merenda que prepararon as familias.

 

Aquí tedes un vídeo onde se amosa o ben que o pasamos. Agardamos que vos guste!