O pasado 4 de abril tivo lugar a Feira das Profesións 2024, unha iniciativa que dende o pasado curso realízase en colaboración cos departamentos de orientación dos IES de Ames e Brión.
O noso alumnado tivo a oportunidade de coñecer en vivo máis de 50 profesións, interactuando con profesorado e alumnado das distintas titulacións representadas na feira e mesmo facendo pequenas prácticas para poñerse en situacións reais: Manipular mostras como se fai nun laboratorio, practicar a arqueoloxía con obxectos reais, facer radio en directo, estudar o corpo humano, esculpir en pedra e moitas actividades máis. Este ano, como novidade, contouse con dous espazos exteriores nos que se celebraron charlas nas que poder profundizar un pouco máis nalgunha das actividades profesionais representadas na feira.
O noso IES participou non só como organizador senón tamén como expositor, dando a coñecer ao alumnado asistente os nosos ciclos formativos da familia profesional de Informática e comunicacións.
Despois do paso do alumnado pola feira realizouse unha enquisa de satisfacción nos tres centros educativos, e os resultados non poden ser máis satisfactorios: o 86% do alumnado puntuou cunha nota de 7 ou superior a feira en xeral, e o 64,3% valorou con máis de 7 puntos sobre 10 o grao de interese dos postos da feira. O 79,2% manifestou ter coñecido algunha profesión da que nunca oíra falar e deles o 29,6% ve esa nova profesión como unha posible opción de futuro.
Estes datos nos animan a continuar co traballo de organización deste evento, que para a súa edición 2025 se celebará no polideportivo Pedra Mámoa coa colaboración do Concello de Negreira.
Dende a Biblioteca do IES Xulián Magariños acaba de chegarnos un novo boletín informativo con interesantes recomendacións de lectura para estes días de descanso.
Estrenamos nova iluminación no pavillón polideportivo do IES Xulián Magariños. Luminarias LED de alta eficiencia que nos aportan mais luminosidade e un importante aforro enerxético. Esta actuación forma parte do noso plan de mellora da eficiencia enerxética.
#aforraenerxia
Nosos alumnos de segundo de bacharelato, Lidia García Cerviño e Alex Pais Dosil participaron hoxe na XLI OLIMPIADA GALLEGA DE QUÍMICA. Orgullosos do noso alumnado. Moita sorte.
A Consellería de Educación publica as instrucións para a realización das probas de Avaliación de Bacharelato para o acceso a Universidade (ABAU)
Aquí atoparedes : as materias obxecto de avaliación, a puntuación, a duración das probas, como matricularse, etc.
Os nosos Correspondentes Xuvenís xa teñen conta en Instagram. Nela vos informarán con todo detalle de propostas de interese para a Xuventude: cursos, ofertas de ocio, viaxes, axudas e becas, intercambios internacionais, concursos...
Toda esa información se completará tamén coa información do panel de anuncios do que dispoñen no centro e cos vídeos informativos que sacarán cada dúas semanas.
Non volo podedes perder !
Lembrade: buscar "correspondentes magarinos" en Instagram
Aquí vos deixamos cun adianto de actividades, porpostas e axudas económicas MOI interesantes
O pasado venres 2 de febreiro tivo lugar unha nova actividade da Escola de Familias no centro, cun grande éxito de asistencia.
Grazas á financiación da ANPA -e coa colaboración do Concello de Negreira- contamos con José Torres, responsable do equipo de investigación tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra.
Foi unha xornada moi interesante na que aprendimos moitas ferramentas para poder guiar ás e os adolescentes na súa vida online e protexelos dos perigos que hoxe en día se poden atopar nas redes. Algunhas desas ferramentas atópanse no documento que se adxunta, que pode ser de interese tamén para aquelas familias que non puideran asistir á sesión do venres.
Durante estas semanas o noso alumnado está a disfrutar dunha ampla variedade de actividades para completar a súa formación. Aquí facemos un pequeno resumo dalgunha delas.
A pasada semana o alumnado do ciclo de FPB de Comercio visitou o Instituto Galego de Consumo para entender as probas que se fan nos laboratorios de consumo e porqué en caso de determinados artigos prohíbese a súa comercialización. Formaronse tamén nos dereitos do consumidor e a normativa de reclamacións.
Hoxe o profesor de electrotecnia da Escola de Enxeñería do Campus de Lugo falou en detalle das lámparas LED, das súas vantaxes pero tamén dos aspectos non tan positivos. Sabíades que o espector de emisión de moitas lámparas LED aparentemente brancas ten un pico moi alto a altas frecuencias, cercanas ao ultravioleta, que pode danar a bebés e interferir en xeral coa producción de melatonina e os ciclos de actividade -descanso? Ollo coas ofertas de marcas descoñecidas e a temperatura da luz que se escolle para cada estancia da casa!
En vindeiros días o noso alumnado coñecerá a oferta educativa da USC in situ, visitando diversas facultades e escolas universitarias do campus santiagués. O alumnado de informática visitará o Centro de Supercomputación de Galicia , o alumnado de 4º coñecerá en detalle como se recaudan os impostos e a estrutura do gasto público e xa a mediados e finais de febreiro o alumnado de diversos cursos asistirá a funcións de teatro e danza.
Como vedes, unha oferta moi estimulante de actividades neste segundo trimestre.
Publicouse a Orde de 4 de xaneiro de 2024 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos. Pódese consultar na seguinte ligazón:
https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/20240104_orde_uso_mobiles_asinada.pdf
Dita orde establece un protocolo básico para o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos. En particular, recolle que non se permitirá o uso dos mesmos durante a xornada escolar. Esta prohibición aplícase a periodos lectivos e non lectivos (recreos, entradas e saídas e actividades complementarias e extraescolares).
Dadas as constantes deficiencias detectadas no servizo de transporte escolar poñemos á vosa disposición un formulario para que comuniquedes as incidencias e poder facer a denuncia e seguimento das mesmas.