Act. Complementarias
Aquí vos deixamos un resumo de algunhas das actividades desta última semana. O grupo de 1º ESO de Proxecto Competencial estivo traballando no noso horto escolar para facer plantación de inverno. A ver que tal se da.
Alumnado da facultade de físicas da USC veu ao noso centro e organizou un obradoiro de óptica para o alumnado de 3º ESO. Xogando con lentes e luz láser resulta mopito máis doado entender conceptos como a difracción ou como funciona o ollo humano e como os lentes poden corrixir defectos de visión.
E hoxe as dúas últimas horas estiveron adicadas á ciencia. Os departamentos de Matemáticas, tecnoloxía, lingua galega e física organizaron unha serie de experiencias e obradoiros para espertar a curiosidade científica entre o alumnado de 1º e 2º ESO. Entre outras actividades puideron montar unha cúpula xeodésica, grabar voces e traballar con elas no ordenador, facer maxia matemática, descubrir certas propiedades dos coloides, entender como se constrúen e se manteñen en pé as pontes de arco...Era a primeira vez e foi todo un éxito e esperamos que o vindeiro ano siga crecendo.
Agradecemos a especial adicación do profesorado que organizou este evento: María Ana Domínguez (MAT), Tina Formoso (GAL), Jesús (TEC) Sara Lago (FQ), e por suposto aos alumnos e alumnas que participaron como monitores explicando as actividades aos compañeiros, sen todos os cales esta actividade non podería terse levado a cabo. Grazas a todos!
PRIMICIA MUNDIAL !
O alumnado de 1º de bacharelato coordinado pola profesora María Dolores Rodríguez Pazo presenta o seu proxecto solidario
Magariño's chefs - Cociñeiros do Magariños
Un libro de receitas propio, en galego e inglés, con cuxa venda pretenden axudar á investigación e tratamento de enfermidades raras. Tanto o alumnado como o resto de persoas que colaboraron na edición do libro o fixeron de maneira totalmente altruista.
O prezo de venda ao público será de 10€ que serán doados na súa totalidade a FEGEREX (Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas)
Esperamos que vos guste e vos decidades a axudar mercando o libro que xa está dispoñible na librería SIMBA de Negreira (a quenes agradecemos de corazón a súa colaboración) e na conserxería do instituto.
Noraboa a alumnado e profesora por esta marabillosa iniciativa e grazas a todos os que vos animedes a colaborar.
A XLII promoción (2018-2024) de alumnos de bacharelato remata a súa traxectoria educativa no noso centro. O pasado xoves celebraron a súa graduación nun emotivo acto no auditorio de Negreira. O acto foi presentado por Rubén Gómez e Xiana García. Interviron Nuria Juncal por parte do alumnado e Araceli Otero e José Luis Mateos como padriños da promoción e foi amenizado na parte musical por Cibrán Figueiras, Julia Caramés e Lidia García.
Despedimos con moitísimo cariño a este excelente grupo de rapaces e rapazas, académicamente brillantes pero sobre todo moi boas persoas. Parabéns e moitísima sorte nesta próxima etapa das vosas vidas. E comoa sempre dicimos, e non é un tópico: volvede cando queirades que aquí tedes a vosa casa.
O pasado 4 de abril tivo lugar a Feira das Profesións 2024, unha iniciativa que dende o pasado curso realízase en colaboración cos departamentos de orientación dos IES de Ames e Brión.
O noso alumnado tivo a oportunidade de coñecer en vivo máis de 50 profesións, interactuando con profesorado e alumnado das distintas titulacións representadas na feira e mesmo facendo pequenas prácticas para poñerse en situacións reais: Manipular mostras como se fai nun laboratorio, practicar a arqueoloxía con obxectos reais, facer radio en directo, estudar o corpo humano, esculpir en pedra e moitas actividades máis. Este ano, como novidade, contouse con dous espazos exteriores nos que se celebraron charlas nas que poder profundizar un pouco máis nalgunha das actividades profesionais representadas na feira.
O noso IES participou non só como organizador senón tamén como expositor, dando a coñecer ao alumnado asistente os nosos ciclos formativos da familia profesional de Informática e comunicacións.
Despois do paso do alumnado pola feira realizouse unha enquisa de satisfacción nos tres centros educativos, e os resultados non poden ser máis satisfactorios: o 86% do alumnado puntuou cunha nota de 7 ou superior a feira en xeral, e o 64,3% valorou con máis de 7 puntos sobre 10 o grao de interese dos postos da feira. O 79,2% manifestou ter coñecido algunha profesión da que nunca oíra falar e deles o 29,6% ve esa nova profesión como unha posible opción de futuro.
Estes datos nos animan a continuar co traballo de organización deste evento, que para a súa edición 2025 se celebará no polideportivo Pedra Mámoa coa colaboración do Concello de Negreira.
Nosos alumnos de segundo de bacharelato, Lidia García Cerviño e Alex Pais Dosil participaron hoxe na XLI OLIMPIADA GALLEGA DE QUÍMICA. Orgullosos do noso alumnado. Moita sorte.
Durante estas semanas o noso alumnado está a disfrutar dunha ampla variedade de actividades para completar a súa formación. Aquí facemos un pequeno resumo dalgunha delas.
A pasada semana o alumnado do ciclo de FPB de Comercio visitou o Instituto Galego de Consumo para entender as probas que se fan nos laboratorios de consumo e porqué en caso de determinados artigos prohíbese a súa comercialización. Formaronse tamén nos dereitos do consumidor e a normativa de reclamacións.
Hoxe o profesor de electrotecnia da Escola de Enxeñería do Campus de Lugo falou en detalle das lámparas LED, das súas vantaxes pero tamén dos aspectos non tan positivos. Sabíades que o espector de emisión de moitas lámparas LED aparentemente brancas ten un pico moi alto a altas frecuencias, cercanas ao ultravioleta, que pode danar a bebés e interferir en xeral coa producción de melatonina e os ciclos de actividade -descanso? Ollo coas ofertas de marcas descoñecidas e a temperatura da luz que se escolle para cada estancia da casa!
En vindeiros días o noso alumnado coñecerá a oferta educativa da USC in situ, visitando diversas facultades e escolas universitarias do campus santiagués. O alumnado de informática visitará o Centro de Supercomputación de Galicia , o alumnado de 4º coñecerá en detalle como se recaudan os impostos e a estrutura do gasto público e xa a mediados e finais de febreiro o alumnado de diversos cursos asistirá a funcións de teatro e danza.
Como vedes, unha oferta moi estimulante de actividades neste segundo trimestre.
CAMPAÑA DE COLABORACIÓN CONTRA A CONTAMINACIÓN POR ACEITES
O IES Xulián Magariños vai ser BIOESCOLA e colaborará na recollida e reciclaxe de aceites usados de cociña en colaboración coa empresa de reciclaxe galega ARIOIL. A empresa instalou un contenedor adecuado para a recollida de aceite de cociña usado en botellas de plástico, procedente das casas dos alumnos. Posteriormente valorarase económicamente o aceite recollido, para axudar á financiación de actividades extraescolares como a viaxe de 4º ESO. Ademáis participamos no concurso no que o centro que máis aceite usado recicle por ratio de alumnado, recibirá un premio de 500 euros.
O ACEITE DE COCIÑA USADO ¿RESIDUO ou RECURSO?
Oaceite de cociña é un recurso fácilmente reciclable , pero como residuo, se non se separa correctamente é moi contaminante xa que dificulta enormemente o traballo eficaz das plantas de tratamento de augas residuais e vertido sen control crea unha película flotante sobre a lámina de auga que impide a súa osixenación. Cos aceites de cociña recollidos, e tras os tratamentos axeitados, obtense unha materia prima para a produción principalmente de biodiesel ecolóxico, xabóns, deterxentes, fertilizantes, pinturas, vernices, etc., xerando así unha actividade económica sostible e reducindo a dependencia dos combustibles fósiles.
¿COMO PODEMOS COLABORAR?
Traendo o aceite de cociña usado da túa casa, nunha botella de plástico resistente, limpa e ben pechada. Pode ser en botellas de 1L ata garrafas de 5 L. Por favor, exclusivamente aceite de cociña alimentario usado.
Hoxe celebramos o noso tradicional Magosto. Despois dun mes de choiva contínua foi un gustazo poder estar ao sol tomando unhas riquísimas castañas e unha deliciosa bica de Trives. Ademáis un grupo de alumnas de 1º e 3º de ESO acompañadas da profesora do departamento de comercio, Beatriz Lloves nos acompañaron tocando diversas pezas de música tradicional. Un merecido recoñecemento para elas polo seu detalle. Foi un rato moi agradable para nós e esperamos que todo o mundo o pasara igual de ben.
O xoves 19 de outubro o alumnado de 3º e 4º de ESO, FPB e Bacharelato terá a ocasión de disfrutar dunha divertida e gabada representación musico-teatral a cargo do grupo de teatro do IES de Brión. Agardamos que vos guste.
O xoves 4 de maio tivo lugar a Feira das Profesións 2023 organizada conxuntamente polos departamentos de orientación do IES Xulián Magariños, do IES de Ames e do IES de Brión. Contou coa presenza dun importante número de expositores entre os que contamos con universidades, CIFP, IES, CFEA, etc., así como con profesionais individuais de diferentes campos que achegaron ao alumnado o día a día das súas respectivas ocupacións.
O evento tivo lugar na Sala de Usos Multiples do IES de Ames e o horario é o seguinte:
De 10 a 14 horas asistencia do alumnado dos tres centros educativos.
De 16 a 18:30: Xornada de Portas Abertas para todo o alumnado e familias dos centros da contorna que quixeron asistir.
Ás 18:30 acto de clausura.
Repercusión nos medios de comunicación