1ºBAC
PRIMICIA MUNDIAL !
O alumnado de 1º de bacharelato coordinado pola profesora María Dolores Rodríguez Pazo presenta o seu proxecto solidario
Magariño's chefs - Cociñeiros do Magariños
Un libro de receitas propio, en galego e inglés, con cuxa venda pretenden axudar á investigación e tratamento de enfermidades raras. Tanto o alumnado como o resto de persoas que colaboraron na edición do libro o fixeron de maneira totalmente altruista.
O prezo de venda ao público será de 10€ que serán doados na súa totalidade a FEGEREX (Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas)
Esperamos que vos guste e vos decidades a axudar mercando o libro que xa está dispoñible na librería SIMBA de Negreira (a quenes agradecemos de corazón a súa colaboración) e na conserxería do instituto.
Noraboa a alumnado e profesora por esta marabillosa iniciativa e grazas a todos os que vos animedes a colaborar.
O xoves 19 de outubro o alumnado de 3º e 4º de ESO, FPB e Bacharelato terá a ocasión de disfrutar dunha divertida e gabada representación musico-teatral a cargo do grupo de teatro do IES de Brión. Agardamos que vos guste.
A Consellería de educación financia as probas de acreditación lingüística (B1, B2 e C1) en linguas estranxeiras que se realizarán durante o curso 23-24 en centros públicos de secundaria, bacharelato e FP.
As probas están destinadas a alumnado de bacharelato, ciclos de formación profesional e alumnado de 4º de ESO,
O número de prazas financiadas é limitado e suxeito a unha orde de preferencia , tendo preferencia aquel alumnado que curse ensinanzas nunha etapa plurilingüe e asimesmo por cursos ( 2º BAC, 2º CICLOS FP, 4º ESO, 1º BAC, 1º CICLOS FP)
O ALUMNADO INTERESADO TEN QUE MANDAR UN CORREO ELECTRÓNICO AO CENTRO CO COMPROMISO ASINADO E ESCANEADO
COMPROMISO INDIVIDUAL DE ACEPTACIÓN E PARTICIPACIÓN(editable odt) (PRAZO ATA 3 DE NOVEMBRO)
Máis información na web da Consellería (non facer caso do apartado cubrir a solicitude xa que é exclusivamente para os centros educativos)
O xoves 4 de maio tivo lugar a Feira das Profesións 2023 organizada conxuntamente polos departamentos de orientación do IES Xulián Magariños, do IES de Ames e do IES de Brión. Contou coa presenza dun importante número de expositores entre os que contamos con universidades, CIFP, IES, CFEA, etc., así como con profesionais individuais de diferentes campos que achegaron ao alumnado o día a día das súas respectivas ocupacións.
O evento tivo lugar na Sala de Usos Multiples do IES de Ames e o horario é o seguinte:
De 10 a 14 horas asistencia do alumnado dos tres centros educativos.
De 16 a 18:30: Xornada de Portas Abertas para todo o alumnado e familias dos centros da contorna que quixeron asistir.
Ás 18:30 acto de clausura.
Repercusión nos medios de comunicación
Un ano máis organizamos a Feira das Profesións 2024 en colaboración cos departamentos de orientación dos IES de Ames e Brión. Nesta edición contaremos con máis de 40 expositores entre os que se atopan centros que imparten ciclos formativos de FP, universidades, corpos e forzas de seguridade, profesionais independentes de distintos campos, empresas e administracións públicas. Este ano, como novidade, contaremos cun espazo no que terán lugar diversas charlas de orientación ás que o alumnado poderá asistir libremente se son do seu interese.
A feira terá lugar no pavillón polideportivo de Brión o xoves 4 de abril, e aparte de alumnado poderá asistir libremente o público xeral e as familias pola tarde entre as 16:00 e 18:30 horas. As 18:30 horas terá lugar o acto de clausura coa presenza das alcaldías dos tres concellos e representación das direccións dos centros organizadores.
Animámosvos a que visitedes a Feira pola tarde en familia, que de seguro vos axudará na toma de decisión da futura traxectoria académica e/ou profesional dos vosos fillos.
Achégase calendario de fin de curso.
O último día de clase, mércores 21, o alumnado de 1º e 2º de ESO devolverá o equipo EDIXGAL limpo e en perfectas condicións (ordenador, cargador , lápis e maletín con arnés). O ordenador será revisado e actualizado e lle será entregado de volta no inicio do curso 23-24. Se algún alumno cambia de centro tamén terá que entregar a caixa do ordenador e un documento de devolución asinado pola familia.
Igualmente o alumnado ten que devolver en correcto estado todos os libros de texto que lle foran prestados polo fondo de libros ou polos departamentos. Lembramos que a correcta devolución dos libros e material que lles fora prestado este ano é condición indispensable para poder participar no fondo solidario de libros ou recibir o equipo EDIXGAL no vindeiro curso. Tamén se devolverán as chaves da taquilla para ter dereito á devolución da fianza, e os libros que se colleran prestados na biblioteca.
Seis alumnas de bacharelato representaron ao IES Xulián Magariños como parte do xurado do Premio San Clemente de Narrativa. O acto tivo lugar no IES Rosalía de Castro de Santiago o pasado xoves 3 de novembro. As alumnas deliberaron con representantes de varios institutos tanto de Galicia como de fóra da nosa Comunidade e despois deron a coñecer o nome dos gañadores nunha rolda de prensa. Mais tarde, xunto co resto dos membros do xurado, foron invitadas a unha comida no Casino de Santiago. Unha experiencia moi enriquecedora que se completará dentro duns meses coa cerimonia de entrega de premios, na que poderán coñecer persoalmente aos galardoados.
A prensa fíxose amplo eco da noticia, dada a importancia deste premio.
A memoria histórica e o hiperrealismo máxico imponse no Premio San Clemente Abanca con tres mulleres galardoadas (galiciaconfidencial.com)
El Premio San Clemente Abanca galardona en Santiago de Compostela a tres autoras (elespanol.com)
La memoria histórica y el hiperrealismo mágico se imponen en el Premio San Clemente Abanca con tres mujeres galardonadas (europapress.es)
Publicamos o calendario das probas extraordinarias de final de xuño para alumnado de bacharelato e 1º FPB
Orgullosos do noso alumnado. Hoxe queremos felicitar por partida triple:
1. a Eduardo Cabañas López, alumno de 2º ESO brillantemente clasificado para a final da Olimpiada Galega de Matemáticas a celebrar en Lugo a finais de maio. Moita sorte Eduardo!
(Queredes ver as probas as que se tiveron que enfrontar os participantes? Botade unha ollada a ver que vos parecen! #vivanasmates #matesdivertidas https://www.agapema.org/images/Fase_Zona.pdf)
2. aos gañadores e finalistas do II Concurso de relatos IES Xulián Magariños que tivo o pasado mércores a entrega de premios:
Categoría Bacharelato e ciclos
-1º Premio Paula Rodríguez Pais con "Un último vistazo"
-Accésit Iván Noya con "Mi amiga la luna"
Categoría 2º ciclo de ESO e FPB
-1º Premio Josué Fdo. Martínez Delgado con "La sala"
-Accésit Héctor Lago Esperante con "Vendetta Rossa"
Categoría 1º ciclo de ESO
-1ºpremio Jennifer Andrade Gorgal con "O día que o mundo foi noso"
-Accésit María Castro Andrade con "A protectora"
3. Aos membros do noso equipo do Club de Debate, Peripatéticos, que participaron brillantemente na fase final de competición en Pontevedra malia non poder acadar os postos de honra.
Durante esta semana estanse a organizar no centro diversas actividades de Orientación ao noso alumnado, con especial atención ao alumnado de 4º ESO e bacharelato. Trátase de que coñezan polo miúdo as diferentes opcións que se lles presentan o próximo ano académico. Ademáis de charlas especificas para cada nivel, o venres teremos dúas mesas redondas onde exalumnado do centro falará da súa experiencia nos estudos de Formación Profesional e Universitarios. E hoxe no ximnasio tivo lugar a "Feira das optativas", unha actividade na que o profesorado dos diferentes departamentos aclara as dúbidas do alumnado respecto das características, contidos e idoneidade das diferentes materias ofertadas como optativas. Houbo unha boa participación, esperamos que moitas das dúbidas quedaran aclaradas.