Skip to Content

Blogue de admin

Achegamento á enxeñaría no ámbito das TIC

Ao teatro coas Troianas

Curso 2020-2021: información sobre o proceso de admisión e Xornada de Portas Abertas

Desde o día 1 e ata o 20 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión no IES de Soutomaior para o vindeiro curso 2020-2021 sempre que haxa prazas dispoñibles nos diferentes cursos (información da Consellería).

Pódese consultar as prazas vacantes por curso e itinerario (Bacharelato) accedendo a este documento (actualización 28-02-2020).

 

 

Así mesmo, o vindeiro martes 3 de marzo abriremos as portas do instituto para que todas as familias interesadas poidades coñecer o noso proxecto, a oferta educativa para o Curso 2020-2021 e as instalacións do centro.

A actividade comezará ás 16:45 (1ª quenda) e ás 17:30 (2ª quenda) cunha acollida no recibidor da entrada e seguirá cunha visita guiada polo centro. Rematará na Aula de Usos Múltiples cunha breve reunión informativa na que se responderán todas as dúbidas e consultas que queirades realizar.

De conversa con Iria Misa

O pasado venres 28 de febreiro visitounos a escritora Iria Misa, autora de obras xuvenís como Xa non estou aquí (2016) e O segredo do solpor (2018)... mais, sobre todo, de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, unha novela que deixou unha forte pegada no alumnado de 1º ESO na materia de Lingua Galega. 

Máis imaxes aquí.

Iria Misa mantivo unha conversa moi ben guiada polos moderadores Breixo, Uxía e Zaira, encargados de facer as primeiras preguntas e dar paso ás consultas dos compañeiros e compañeiras. Soubemos así as motivacións que levaron a Iria a escribir esta novela, como comezou a escribir e publicar e como entende a escritura, a fermosa pegada deste libro nos lectores e lectoras e nela mesma...

Tamén estiveron moi presentes con nós Aine, Thomas..., os protagonistas de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, que encarnan unha realidade que está aí, a da infancia transexual, a dos prexuízos que nos impoñen dende moi pequenos para sinalarnos como debemos actuar e como debemos ser por nacermos nenos ou nenas, a das violencias que sofren as persoas que non seguen os roles establecidos... Mais tamén, grazas á firmeza de Aine, á complicidade e comprensión da súa nai, a empatía de moitos outros personaxes ou a David Bowie, que para Iria Misa foi e é un referente moi importante á hora de escribir esta historia, entendemos que debemos perseverar naquilo que cremos e en ser nós mesmos para facer unha sociedade mellor, onde os afectos, a empatía e o respecto á diversidade afectivo-sexual e de todo tipo venzan a ignorancia e a discriminación.

Ao final, a hora pasou voando, fixemos moitas preguntas e aínda fariamos máis, a sinatura de libros que seguiu foi longa e quedamos coas ganas de repetir un novo encontro con iria Misa, a quen lle agradecemos moito a súa visita, a súa proximidade e o seu cariño.

Visita ao Centro de Formación e de Investigación Agroforestal de Lourizán

O alumnado de 4º ESO achegouse esta mañá as instalacións do Centro de Formación e de Investigación Agroforestal de Lourizán (Pontevedra) para coñecer as diferentes saídas profesionais vinculadas ao ámbito rural. Así, os rapaces e rapazas do IES visitaron o arboreto e os viveiros para identificar diferentes especies de plantas e árbores para poder, xa despois na aula, replicar estes coñecementos e realizar uns obradoiros prácticos que permitan integrar estes coñecementos no noso centro. Da man do profesorado e do persoal especialista de Lourizán, o alumnado achegouse dun xeito moi didáctico a un lugar máxico e cheo de historia no que actualmente se forman moitas persoas nun amplo abano de especialidades cunha gran proxección profesional.

Esta saída enmárcase no programa educativo que impulsan a Concellería de Educación e Medio Ambiente de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía e a dirección do IES para promover os recursos naturais da nosa contorna e como facer un aproveitamento responsable e sostible deles. 

Fonte: Educación Soutomaior.

Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020

A Xunta convoca axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos. 

Están dirixidas a alumnado que estea cursando ESO e Bacharelato en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2019/20, na Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo está aberto dende o 27 de febreiro ata o 26 de marzo (incluído).

Máis información na páxina da Consellería.

Cambio climático e nós. Concurso universitario de vídeos

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o concurso de vídeos “Cambio climático e Nós”, enmarcado no compromiso da USC coa Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable da ONU, “Unha oportunidade coas persoas e o planeta”. Os seus obxectivos son:

  • Conectar a USC coas novas xeracións, sensibilizadas con cambio climático.
  • Reflexionar sobre este fenómeno, as súas causas e consecuencias.
  • Dotar a mocidade de coñecemento, habilidades e motivación para comprender e abordar os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) da Axenda 2030.
  • Fomentar a busca científica de alternativas e solucións, a eliminación de hábitos contaminantes e a investigación de fontes de enerxía menos contaminantes.
  • Atraer a participación do alumnado na actividade científica, usando a lingua galega de xeito natural e con formatos audiovisuais atractivos.

Poden participar no concurso o alumnado de ESO, bacharelato e FP, así como membros das comunidades universitarias da UdC, USC e UVigo. Deberán presentar un vídeo en galego dun máximo de 2 minutos sobre o cambio climático ata o día 24 de abril de 2020. Hai dous premios por valor de 500 euros e outros dous por 250 euros.

As bases pódense consultar aquí.

Entroido 2020

Este pasado venres 21 celebramos un ano máis o Entroido. Durante toda a semana, e a proposta de diferentes clases, fomos creando o ambiente propicio para a festa final: un día vestimos todos/as da mesma cor, outro puxemos perruca e gafas, ao seguinte vestimos un mandil ou unha bata..., mais o que sempre triunfa foi vir en pixama ao instituto.

Finalmente, chegou o gran día, e despois de moito ensaiar (unhas clases máis e outras menos), tivo lugar o Concurso-Desfile, no que participaron 12 grupos que volveron sorprendernos coas súas postas en escena, os seus bailes, uns disfraces moi diversos e imaxinativos e, sobre todo, pola súa grande ilusión e moitas doses de humor e ganas de pasalo ben.

Mais, como en todo concuso, houbo que escoller grupos gañadores, aínda que todos o fixeron moi ben e recibiron o aplauso do público. O xurado, composto polas profesoras Marta e Elena e os alumnos Samuel, Adam e Sabela, non o tivo nada fácil, mais ao final decidiron que o 1º Premio fora para 2º Bacharelato por "Unha noite no museo". Tamén se recoñeceu cun accésit á mellor coreografía a 2º ESO C, cun accésit á proposta máis orixinal  a 4º ESO C e co accésit ao mellor disfraz a 4º ESO A. Tedes unha boa colección de imaxes da xornada aquí.

Así mesmo, a cara máis doce e sabedeira da festa correspondeulle ao I Concurso de Sobremesas de Entroido. Foron premiados os doces (ver imaxes aquí) de Sabela Campo (bica nº 11), David Alján (cake de filloas nº 9) e Thais Fernández (filloas nº 14). O xurado lambón estivo composto por Lucas Franco, Marta Reguera, Anxo Barcia e as profes Tania e Montse.

Os grupos premaidos no desfile terán unha merendola na cafetería mentres que o alumnado premiado no certame de sobremesas ten á súa disposición uns bonos de consumo na cafetería.

Ademais de agardecer a colaboración aos membros dos xurados, queremos destacar un ano máis o labor do presentador oficial do desfile, o profesor Fernando Blanco, o mellor mestre de cerimonias do centro. E, por suposto, a todo o alumnado e ao profesorado que botou unha man nesta semana.

 

Conversamos con Eva Mejuto arredor da literatura e a vida

Este pasado mércores 19 de febreiro recibimos a visita da escritora Eva Mejuto, que fixo un oco na súa axenda, moi apretada por mor dos preparativos dunha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que ela coordina, para conversar sobre dúas das súas obras, 22 segundos e Memoria do silencio.

E non falamos apenas dun encontro, senón de varios (Galería de imaxes), pois a autora reuniuse en primeiro lugar co alumnado de 2º ESO e, posteriormente, cos membros do Clube de Lecturas pola Igualdade.

Lucía Castrillo e Sabela Magariños conduciron o encontro que Eva Mejuto mantivo co alumnado que leu 22 segundos. Nel, a escritora explicounos como deu o salto da literatura infantil a unha novela coma esta, como foi o seu proceso de creación, das vivencias dos e das adolescentes transexuais e da necesidade de empatizar tanto con este colectivo historicamente silenciado e coas persoas LGTBi como en xeral con todas as persoas que nalgún momento se senten bechos raros nunha sociedade que marca certos patróns de conduta e comportamento que limitan a nosa liberdade para expresármonos tal e como somos e que, en non poucas ocasións, oculta e mesmo persegue a diversidade. O alumnado de 2º ESO, ao que lle encantou a novela, quixo saber máis dos seus personaxes, tanto que Eva case nos anticipa por onde irá a segunda parte desta historia que nos fixo reflexionar sobre a vida e nos emocionou a partes iguais.

A seguir, Laura, Brais, Miguel, Lucía, Abril e a profesora Marta compartiron coa nosa convidada un café, unhas pastas e unha charla moi amena, cercana e enriquecedora sobre Memoria do silencio, unha novela baseada na historia das irmáns Touza, mulleres ourensás que na IIª Guerra Mundial salvaron a vida de centos de xudeus que fuxían da barbarie nazi. Con Eva Mejuto, os nosos lectores e lectoras foron debullando as claves dunha historia que os sorprendeu e atrapou e que xa fora obxecto dunha posta en común na sesión que na tarde anterior mantiveran coa profesora Cristina, a coordinadora do clube, e con Marta.

Dende aquí queremos agradecerlle a Eva a súa xenerosidade e o cariño que mostrou co noso alumnado (grazas pola visita!), así como a Lucía e Sabela pola súa magnífica estrea pública como presentadoras dun coloquio, aos rapaces e rapazas dos clubes de lectura porque nos fan medrar con eles e ás profesoras Merce, Marta e Cris por darlle ao alumnado a oportunidade de achegarse a estas historias. E, como non, á Edicións Xerais por facer posible esta visita.

Obradoiros de Habilidades Sociais

O alumnado de 1º e 2º ESO rematou onte o ciclo de Obradoiros sobre Habilidades Sociais que impartiron durante o mes de febreiro as monitoras de Amaina, Asociación para a Promoción da Saúde, no marco do Programa TI decides!, organizado pola Concellería de Xuventude de Soutomaior.

Estas sesións tiveron como finalidade formar o alumnado en habilidades sociais básicas para mellorar a convivencia e comunicación. Este programa contempla unha segunda parte na que o alumnado que se presente voluntario poderá formarse en Mediación Xuvenil e formar parte do equipo que se vai poñer en marcha no instituto durante este curso.

Esta é unha experiencia piloto promovida pola OMIX en colaboración do Departamento de orientación do centro.

Distribuir contido


by Dr. Radut