Skip to Content

Blogue de admin

Homenaxe a René Magritte no Club de lectura Petiscos de Arte

Os rapaces e as rapazas que forman parte dos diferentes clubes de lectura do instituto seguen a achegarse aos libros para partillar impresións e vivencias e para gozar, divertirse e aprender coas actividades propostas nas sesións conxuntas. 

Na última reunión do Clube Petiscos de Arte viviron unha sesión un tanto... surrealista. Achegáronse á obra La manzana de Magritte, da colección MOMA, e os resultados do reto proposto, atopar no libro as imaxes inspiradas polos cadros reais do artista, foron sorprendentes e moi creativos.

Non deixedes de visitar o blogue da biblioteca para coñecer o proceso creativo destes grandes artistas do surrealismo.

Comunicación do centro: detectado caso de papeiras

Detectouse no centro un caso de parotidite (ou papeiras), que é unha enfermidade contaxiosa que provoca inflamación nas glándulas salivares con febre e dor. Detectouse un único caso mais avisamos ás familias para que vixiedes posibles síntomas xa que o periodo de incubación se dá entre os 12 e os 25 días. 

Síntomas:

  • Febre
  • Dor de gorxa.
  • Dor de cabeza.
  • Inflamación das glándulas parótidas (entre o oído e a mandíbula).
  • Dor facial.
  • Inflamación facial.

Non hai un tratamento específico para as papeiras, mais si un tratamento coadxuvante para aliviar os síntomas.

Para máis información, accede a esta información do SERGAS.

Exposición sobre as mulleres científicas de Galicia

Coincidindo co día internacional da nena na ciencia, o Concello de Soutomaior, a través da súa concellería de Igualdade, organiza a exposición “Premios María Josefa Wonenburguer Planells”. Unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia coa que se pretende recoñecer o papel das mulleres na ciencia.

A mostra poderase visitar de maneira totalmente gratuíta desde mañá ata o próximo 26 de febreiro no horario habitual do Multiusos de Arcade. A mostra recolle a través de 13 paneis as contribucións feitas á ciencia e a tecnoloxía por mulleres galegas que foron galardoadas co premio María Josefa Wonengurguer Planells, un premio que a Xunta de Galicia outorga desde o ano 2007 a través da unidade de Muller e Ciencia.

O Premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha auténtica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo. Recibiu unha das primeiras bolsas Fullbright coa que estudou na americana universidade de Yale. As súas investigacións centráronse na teoría de grupos e os alxebras de Lie.

Soutomaior coa Ciencia

O pasado venres o alumnado de 4º ESO do IES de Soutomaior e o Colexio Apóstolo Santiago participou na presentación do programa “Soutomaior coa Ciencia” no Multiúsos de Arcade. Ademais, asistiu a unha charla impartida de Leticia Costas (Kidcode) sobre o programa de desenvolvemento sostible da ONU.

Esta iniciativa das Concellarías de Igualdade, Xuventude e Educación do Concello de Soutomaior ten como finalidade fomentar a cultura científica entre a cidadanía mediante conferencias e obradoiros talleres interactivos tanto nos centros educativos como en dependencias municipais e desenvolverase ata o 26 de marzo, data na que terá lugar a I Feira da Ciencia. 

Iremos informando das novidades relacionadas con este proxecto, tanto nas actividades que teñan lugar no noso instituto como da programación xeral, que inclúe uns obradoiros para os cales hai que inscribirse en liña.

I Torneo de Xadrez

O Equipo da Biblioteca e o Departamento de Orientación organizan o I Torneo de Xadrez, no que participan 20 alumnos e alumnas dende mediados de xaneiro. As partidas xóganse nos recreos e en breve coñeceremos quen se clasifica para seguir adiante no torneo.

 

Buzón do amor

Preme aquí para ver máis imaxes

De onte para hoxe apareceu un "Buzón do amor" no recibidor do IES por iniciativa do alumnado de 2º de Bacharelato. Establecéronse dous requisitos: que as mensaxes e cartas de amor e amizade non fosen anónimas e que fosen respectuosas, pois educamos nas relacións afectivas igualitarias e sans. Ademais, apostouse polo valor engadido do galego como lingua do amor. E a resposta foi multitudinaria! Todo un éxito! Na cafetería ata apareceron biscoitos amorosos.

Este é un bo momento para lembrar o traballo "Pepa e Moncho. Unha historia de amor romántico", 1º Premio do Certame ComunicaTedu 2019 na categoría de Bacharelato, ealizado por Alejandro Gómez Cerqueiro, Judith Domínguez Ahedo, Xiana Herrero Portela e Marta Reguera Ríos.

I Concurso de Sobremesas de Entroido

Foto tomada do FB da Casa do Muiñeiro (Meira - Lugo)

BASES

1. A participación pode ser individual ou en equipo, cun máximo de dúas sobremesas por persoa/equipo participante.

2. Elaboraranse sobremesas e larpeiradas típicas de entroido: filloas, orellas, chulas. bicas...

3. Debedes anotarvos antes do mércores 19 (incluído) información en Vicedirección.

4. Os postres beben colocarse nun soporte (bandexa, cesta, caixa…) adornado con motivos propios destas festas.

5. Incluirase tamén a receita das sobremesas, impresa e redactada en galego, ademais dunha fotografía na que se vexa cociñando as persoas participantes no momento da elaboración. Tanto a fotografía como a receita irán dentro dunha funda de plástico e poderase imprimir no centro.

6. Hai que presentalas o venres 21 de febreiro a primeira hora para seren expostas durante o recreo e seren sometidas á valoración do xurado, composto por alumnado e profesorado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

7. Valorarase a calidade das sobremesas, a presentación das receitas e a orixinalidade da decoración.

8. O premio consistirá en 3 vales (de 15€, 10€ e 5€) para consumir na cafetería do centro.

IIIº Concurso de Microrrelatos

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a IIIª edición do Certame de Microrrelatos co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro.

Hai unha categoría para mozos e mozas de 11 a 17 anos. Máis información sobre o concurso aquí.

Concurso Lingua de Namorar

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.

O obxectivo principal de Lingua de namorar é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

Botádelle unha ollada ás bases e bulide, o prazo de participación remata o o luns 9 de marzo.

Concurso #ApuntasTech

O CESGA convoca a IIª edición do concurso #ApuntasTech?, que ten como obxectivo xerar un catálogo de propostas concretas que alenten as vocacións tecnolóxicas temperás, principalmente entre as nenas entre 10 a 15 anos. Polo tanto, trátase de escoitar e recoller as ideas das e os protagonistas para gozar as TIC no aula de forma transversal, variada e inclusiva. Búscanse propostas divertidas, apaixonantes, innovadoras, que fagan uso das TIC de forma creativa e transversal, tanto con software como hardware, onde o uso da tecnoloxía non sexa únicamente o seu obxectivo final, senón un medio.

Ese catálogo de ideas será un recurso de gran utilidade para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente no aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Posteriormente, realizarase unha recopilación das mellores propostas e publicarase con licenza aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes repositorios de materiais

Hai 4 categorías no concurso:

Haberá 4 categorías no concurso:

  • Primaria: Poderán participar grupos de 2-6 nenas e nenos que cursen 5º ou 6º de primaria. Os grupos terán que ter un mínimo de 50% de nenas integrantes.
  • Secundaria: Poderán participar grupos de 2-6 de mozas e mozos que cursen de 1º a 4º da ESO ou Bacharelato. Os grupos terán que ter un mínimo de 50% de mozas integrantes.
  • Centro educativo: Calquera docente, pode participar a título individual ou en grupo, representando a un centro educativo oficial (de Galicia / España…).
  • Libre: Calquera persoa ou colectivo (asociación, etc.) non vinculada a un centro educativo oficial.

O prazo remata o 15 de abril. Máis información aquí.

Distribuir contido


by Dr. Radut