Skip to Content

Blogue de admin

Obradoiro artístico “Rosalía, tod@s por igual "

 Rosalía

Data e lugar: xoves 27 de febreiro na Biblioteca Municipal.

Prazas: limitadas (25) a partir de 7 anos.

Inscrición:

Contido:

Un obradoiro centrado no personaxe de Rosalía de Castro e o seu libro Cantares gallegos, no que descubrimos a súa disconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais... Cantaremos os cantares de Rosalía e xogaremos con eles, contaremos un dos seus contos e faremos unha "rosaliada": un gran cadro entre todos no que deixaremos unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.

Primeiros pasos do Proxecto París e novidades dos clubes de lectura

Esta semana deu os seus primeiros pasos o Proxecto París, unha iniciativa na que colaboran diversas materias para dotar de contido didáctico a viaxe de fin de etapa de 4 ESO. E fíxoo cun Obradoiro de procura e tratamento de información guiado pola profesora de Lingua Castelá. Neste proxecto voluntario participan 23 alumnos e alumnas que realizarán, entre outros produtos, a Guía de viaxe da cidade visitada.

No blogue da Biblioteca tamén se dá conta das últimas sesións dos Clubes de Lectura. Así, no clube de Igualdade púxose en común a lectura da novela Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, mentres que no clube Historias de historia se partillou o cómic de Jaime Martín, Jamás tendré 20 años,

Participación no II Torneo de Debate Académico de Galicia (05-02-2020)

 Máis imaxes aquí.

Un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato participaron onte na II edición do Torneo de Debate Académico de Galicia, que tivo lugar na Fundación Barrié da Coruña coa presenza de 60 equipos chegados de máis de 30 centros de toda Galicia.

Os equipos formados por Paula, Laura, Anxo, Sabela e Marco e Sofía, Aarón, Daniel, Martina e Gabriel tiveron a oportunidade de debater con outros estudantes sobre unha cuestión complexa mais de grande interese para unha xeración que terá que tomar decisións importantes ante os futuros desafíos que lles tocará vivir: Democracia vs. tecnocracia, que sistema de goberno é máis apropiado para afrontar os retos do século XXI nos países membros da Unión Europea?

Foi unha tarde intensa, esgotadora e de moitos nervios, mais tamén de risos, convivencia e moita aprendizaxe na que debate tras debate foron progresando e atopándose máis seguros e seguras grazas aos encontros cos outros equipos e ás observacións das xuízas e o xuíz que valoraron o seu desenvolvemento. 

Tan só resta estender o noso agradecemento á organización, especialmente a Diego e Alba, así como ao persoal da Fundación, por brindarnos a oportunidade de vivir esta experiencia tan enriquecedora.

E grazas tamén a Rosa, Ania, Nerea, Yaisa e Iria, que arrouparon os seus compañeiros e compañeiras nesta cita.

Pilabot, recicla con enerxía

O programa Pilabot, recicla con enerxía, da Consellería de Medio Ambiente, presentouse onte no noso IES ante o alumnado de 1º ESO, que está participando na campaña de recollida de pilas e alimentadores.

Na charla informouse dos tipos de pilas, as súas partes e compoñentes, as repercusións que teñen sobre o medio, e en que consiste a súa reciclaxe. A nosa convidada concluíu a súa exposición cun xogo de preguntas no que, a traves da aplicación kahoot, se fixeron dous grupos para ver que rapazas e rapaces estiveronmáis atentos. E abofé que o estiveron, porque non erraron nin unha.

Mais esta campaña non é descoñecida para nós porque dende hai dúas semanas temos polo noso centro a Pilabot, un robot que ten que cumprir coa súa misión, protexer o medio ambiente minimizando a contaminación xerada polos residuos de pilas, polo que solicita axuda ás novas xeracións a través dun concurso para centros educativos no que o noso alumnado se está aplicando e moito. Ademais, o centro que máis pilas recolla, terá premio.

Esta iniciativa están sendo organizadas polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Visitamos o Castelo de Soutomaior para achegármonos á figura de María Vinyals

Máis imaxes clicando aquí

Esta mañá o alumnado de 1º de Bacharelato deu continuidade aos seus traballos sobre a figura de María Vinyals cunha visita ao Castelo de Soutomaior no marco do Proxecto Interdisciplinar de Centro Miña casiña, meu lar, que procura darlle a coñecer ao alumnado o patrimonio do municipio, establecendo vínculos cos bens patrimoniais e promovendo procesos para a súa protección. 

Tras se achegaren nas aulas á vida desta precursora do feminismo coa lectura de María Vinyals, un talento rebelde, de Isabel Castro, e de comezar a traballar no xogo teatralizado que desenvolverán en maio, hoxe tocaba coñecer o castelo. Así, repartidos en dous grupos, os alumnos e as alumnas coñeceron, conducidos por Anxo, que realizou para nós unha completa e moi didáctica visita guiada, as épocas máis importantes da fortificación, os elementos arquitéctonicos representativos de cada momento, os usos do castelo e as figuras sobranceiras que o habitaron e lle dan relevancia histórica, como Pedro Madruga e María Vinyals, á que se lle dedica unha sala e que é obxecto nestes momentos dunha exposición sobre a súa traxectoria que reflicte o seu carácter pioneiro no campo da igualdade e da xustiza social.

Aproveitamos a ocasión para agradecer a atención prestada polo persoal do Castelo de Soutomaior así como as facilidades que nos están a dar para xestionar o desenvolvemento do noso proxecto neste espazo.

Ademais de aprender algo máis do noso contorno e destas figuras históricas grazas á visita guiada e á interesante e atractiva musealización do castelo, o alumnado tamén visitou os seus magníficos xardíns, onde coñeceron os espazos e visualizaron os espazos en que vai ter lugar o xogo teatralizado que representarán para os seus compañeiros e compañeiras do instituto.

Visita aos Museos Coruñeses (30-01-2020)

Museos Coruñeses

Accede á álbum de imaxes premendo aquí.

Perto de 100 alumnos e alumnas de 3º ESO e das materias científicas de 1º de Bacharelato  visitaron no día de onte os Museos Científicos da Coruña. As diferentes exposicións, proxeccións e propostas interactivas da Casa das Ciencias, o Domus e o Aquarium Finisterrae atraeron a curiosidade do alumnado, que gozou dunha intensa xornada de aprendizaxe e convivencia na cidade herculina nesta saída que organizou o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía. 

Pombas contra valados

Para ver máis imaxes, premede aquí.

Durante estes días o alumnado estivo traballando na conmemoración do Día da Paz e a Non Violencia desenvolvendo diferentes actividades nas titorías e en diferentes materias. A proposta do centro centrouse en visibilizar a permanencia dos valados que hai no mundo, muros da vergoña que separan pobos, xentes, países, etc. mais tamén os muros mentais, fronteiras ideolóxicas que semellan invisibles mais que nos afastan socialmente e limitan as liberdades e os dereitos das persoas e que, en moitas ocasións, derivan en manifestacións violentas e de exclusión social que non deberían ter cabida nunha sociedade democrática.

Fronte aos valados, os rapaces e as rapazas elaboraron pombas de papel que fixeron voar mensaxes pola paz e a non violencia e por un mundo mellor, máis xusto e igualitario. 

Visita ao composteiro comunitario, horta urbana e EDAR de Arcade (23-01-2020)

O alumnado de 1º ESO saíu a coñecer un pouco máis do noso concello da man do Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía. En primeiro lugar, coñeceron dúas iniciativas que se están levando a cabo en Arcade dende hai poucos anos como son a compostaxe comunitaria e a horta urbana. Explicóuselles o funcionamento da illa de compostaxe comunitaria, os seus beneficios e a importancia da reciclaxe da materia orgánica. Na horta urbana explicóuselles a estrutura, organizada en bancais, os métodos de plantación, abonado, rega e loita contra pragas baseados na agricultura ecolóxica. Mesmo puideron ver o hotel para insectos que realizaron os rapaces nun taller de nadal no Multiúsos e que se instalou na horta para axudar na loita biolóxica de pragas e atraer os polinizadores.

Xa no peirao, os rapaces e rapazas visitaron a EDAR, onde puideron observar in situ as diferentes fases da depuración das augas residuais, e onde viron tamén os problemas que causan as toalliñas, bastonciños e outros obxectos que se botan polo WC.

Roteiro polas Salinas do Ulló (22-01-2020)

Para ver máis imaxes da actividade preme aquí

O alumnado de 1º Bacharelato, acompañado por Tania e Montse, profesoras de Bioloxía e por Jacobo e Nerea, guías especializados, realizou un roteiro interpretativo por unha zona de especial interese natural e patrimonial da nosa contorna: as Salinas do Ulló, situadas na cabeceira norte da Enseada de San Simón, espazo incluído na Rede Natura 2000 como ZEC (zona de especial conservación).

Os obxectivos didácticos do percorrido foron:

  • Coñecer a historia e os antigos usos tradicionais dos hábitats intermareais, tales como as salinas, a extracción de áridos, os muíños de mareas, o marisqueo ou a pesca típicos da enseada de San Simón.
  • Valorar a zona como refuxio de aves acuáticas migratorias: aves limícolas, zancudas e anátidas procedentes de Europa que atopan na enseada de San Simón un importante lugar de invernada e parada durante as súas migracións.
  • Coñecer a flora e a fauna dos hábitats intermareais, as súas características principais para distinguilas e a súa función ecolóxica na enseada de San Simón.
  • Valorar o hábitat da desembocadura do río Verdugo e a súa función dentro da dinámica dos ríos na formación do hábitat intermareal da Enseada de San Simón.

Esta saída desenvolveuse no marco do Programa Municipal “Roteiros Medio ambientais: coñece o teu Concello e arredores” organizado pola Concellería de Educación e a OMIX de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES.

Préstamo de álbums ilustrados para as familias

A Biblioteca do IES conta cunha nova sección de álbum ilustrado aberta ao préstamo ás familias, alumnado e profesorado. Os álbumes foron escollidos de xeito que as temáticas fosen diversas, e así, hai sitio para a arte, a igualdade de xénero, os conflitos, os valores que queremos na nosa sociedade ou a diversidade.

Botádelle un ollo, especialmente os que teñades cativos na casa.

Ademais, os clubs de lectura "Historias de historia" e "Petiscos de arte" retomaron as súas reunións coa posta en común das obras Persépole e Sonia Delaunay, una vida de color, respectivamente.

Distribuir contido


by Dr. Radut