Skip to Content

Conversamos con Eva Mejuto arredor da literatura e a vida

Este pasado mércores 19 de febreiro recibimos a visita da escritora Eva Mejuto, que fixo un oco na súa axenda, moi apretada por mor dos preparativos dunha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que ela coordina, para conversar sobre dúas das súas obras, 22 segundos e Memoria do silencio.

E non falamos apenas dun encontro, senón de varios (Galería de imaxes), pois a autora reuniuse en primeiro lugar co alumnado de 2º ESO e, posteriormente, cos membros do Clube de Lecturas pola Igualdade.

Lucía Castrillo e Sabela Magariños conduciron o encontro que Eva Mejuto mantivo co alumnado que leu 22 segundos. Nel, a escritora explicounos como deu o salto da literatura infantil a unha novela coma esta, como foi o seu proceso de creación, das vivencias dos e das adolescentes transexuais e da necesidade de empatizar tanto con este colectivo historicamente silenciado e coas persoas LGTBi como en xeral con todas as persoas que nalgún momento se senten bechos raros nunha sociedade que marca certos patróns de conduta e comportamento que limitan a nosa liberdade para expresármonos tal e como somos e que, en non poucas ocasións, oculta e mesmo persegue a diversidade. O alumnado de 2º ESO, ao que lle encantou a novela, quixo saber máis dos seus personaxes, tanto que Eva case nos anticipa por onde irá a segunda parte desta historia que nos fixo reflexionar sobre a vida e nos emocionou a partes iguais.

A seguir, Laura, Brais, Miguel, Lucía, Abril e a profesora Marta compartiron coa nosa convidada un café, unhas pastas e unha charla moi amena, cercana e enriquecedora sobre Memoria do silencio, unha novela baseada na historia das irmáns Touza, mulleres ourensás que na IIª Guerra Mundial salvaron a vida de centos de xudeus que fuxían da barbarie nazi. Con Eva Mejuto, os nosos lectores e lectoras foron debullando as claves dunha historia que os sorprendeu e atrapou e que xa fora obxecto dunha posta en común na sesión que na tarde anterior mantiveran coa profesora Cristina, a coordinadora do clube, e con Marta.

Dende aquí queremos agradecerlle a Eva a súa xenerosidade e o cariño que mostrou co noso alumnado (grazas pola visita!), así como a Lucía e Sabela pola súa magnífica estrea pública como presentadoras dun coloquio, aos rapaces e rapazas dos clubes de lectura porque nos fan medrar con eles e ás profesoras Merce, Marta e Cris por darlle ao alumnado a oportunidade de achegarse a estas historias. E, como non, á Edicións Xerais por facer posible esta visita.



blog | by Dr. Radut