Skip to Content

Entroido 2020

Este pasado venres 21 celebramos un ano máis o Entroido. Durante toda a semana, e a proposta de diferentes clases, fomos creando o ambiente propicio para a festa final: un día vestimos todos/as da mesma cor, outro puxemos perruca e gafas, ao seguinte vestimos un mandil ou unha bata..., mais o que sempre triunfa foi vir en pixama ao instituto.

Finalmente, chegou o gran día, e despois de moito ensaiar (unhas clases máis e outras menos), tivo lugar o Concurso-Desfile, no que participaron 12 grupos que volveron sorprendernos coas súas postas en escena, os seus bailes, uns disfraces moi diversos e imaxinativos e, sobre todo, pola súa grande ilusión e moitas doses de humor e ganas de pasalo ben.

Mais, como en todo concuso, houbo que escoller grupos gañadores, aínda que todos o fixeron moi ben e recibiron o aplauso do público. O xurado, composto polas profesoras Marta e Elena e os alumnos Samuel, Adam e Sabela, non o tivo nada fácil, mais ao final decidiron que o 1º Premio fora para 2º Bacharelato por "Unha noite no museo". Tamén se recoñeceu cun accésit á mellor coreografía a 2º ESO C, cun accésit á proposta máis orixinal  a 4º ESO C e co accésit ao mellor disfraz a 4º ESO A. Tedes unha boa colección de imaxes da xornada aquí.

Así mesmo, a cara máis doce e sabedeira da festa correspondeulle ao I Concurso de Sobremesas de Entroido. Foron premiados os doces (ver imaxes aquí) de Sabela Campo (bica nº 11), David Alján (cake de filloas nº 9) e Thais Fernández (filloas nº 14). O xurado lambón estivo composto por Lucas Franco, Marta Reguera, Anxo Barcia e as profes Tania e Montse.

Os grupos premaidos no desfile terán unha merendola na cafetería mentres que o alumnado premiado no certame de sobremesas ten á súa disposición uns bonos de consumo na cafetería.

Ademais de agardecer a colaboración aos membros dos xurados, queremos destacar un ano máis o labor do presentador oficial do desfile, o profesor Fernando Blanco, o mellor mestre de cerimonias do centro. E, por suposto, a todo o alumnado e ao profesorado que botou unha man nesta semana.

 



blog | by Dr. Radut