Curso 2023/24
3º ESO. Coñece as túas institucións. Xunta de Galicia e Parlamento de Galicia
24.01.2024
O 24 de xaneiro o noso alumnado de 3º ESO acompañado das profesoras Rocío López, Cristina Ouro e Nerea Iglesias visitaron Compostela dentro do Programa "Coñece as túas institucións" onde visitaron a Xunta de Galicia e o Parlamento de Galica. Foi unha xornada ben entretida e chea de coñecementos!
Plan Proxecta: Cóntame un conto. Formación profesorado
20.01.2024
As profesoras do IES Río Cabe, Sara Porrit, Noelia Besteiro e Pilar López participaron nos cursos de formación do Plan Proxecta Cóntame un conto no que están a traballar co alumnado de 1º, 2º e 3º ESO.
O día 18 de novembro e o 20 de xaneiro tiveron ocasión de coñecer o Museo do Pobo Galego e participaron nos obradoiros para coñecer a literatura de tradición oral de Galicia, así como o de gravar a arte de contar. Alén disto tiveron a fortuna de escoitar a dous grandes contadores de contos como son María da Pontragha e Celso F. Sanmartín.
Deixámosvos algunha fotografía.
1º ESO. Club de lectura
17.01.2024
Na mañá do mércores, 17 de xaneiro de 2024, o alumnado de 1º ESO A xunto coa súa profesora de Lingua Castelá, Nuria Mariño, xuntáronse na biblioteca do centro educativo para pór en común a lectura do libro de Iria Misa Mamá, quero ser Ziggy Stardust e degustaron un biscoito de noces.
Compartiron a vida dunha nena que non se identifica co sexo co que naceu e sente unha admiración especial pola figura de Ziggy Stardust. Na reunión analizaron todos os problemas que lle acarrexou esta situación: problemas familiares, rexeitamento dunha parte da sociedade, conflitos escolares, actitude ben diferentes de persoas moi achegadas... Con esta obra a rapazada achegouse ao mundo da diversidade dun xeito natural.
A historia está narrada por un amigo invisible de Anie, a protagonista, co que fala e comparte as súas confidencias, xoga, canta, maquíllase...
Gañadoras e gañadores sorteo cestas Nadal_Pro viaxe fin de curso 2023-2024_4º ESO
15.01.2024
Todas as cestas foron entregadas. Moitos parabéns ás persoas gañadoras e a todas e todos as e os que colaborastes para axudar a financiar a excursión de fin de curso 2023/2024 do alumnado de 4º ESO do IES Río Cabe.
3º ESO_4º ESO_EduReferentes
15.01.2024
O 15 de xaneiro tivemos o pracer de contar no noso centro co Proxecto EduReferentes que ten como finalidade achegar ao noso alumnado, información e acompañamento para facilitar o seu coñecemento sobre o mundo laboral, dende unha perspectiva de xénero.
Con tal motivo tivemos a visita da Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa; Judith Fernández Novoa e a Xefa Territorial de Lugo Sagrario Sánchez Ramil, acompañando a Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia e a Susana Pérez Crespo coordinadora do programa.
Nesta ocasión tivemos o pracer contar cos testemuños de grandes referentes nos seus respectivos ámbitos laborais, mil grazas e unha forte aperta para Isabel Aguirre e Marivi Iglesias.
O alumnado que acudiu aos relatorios foi o de 3º ESO e 4º ESO, o cal gozou moito da experiencia. Unha vez rematados os relatorios, o alumnado de 3º ESO participou nun taller do proxecto.
O 1 de marzo tiveron lugar as sesións de mentoría individualizada co alumnado seleccionado de 3ºESO da man de Mariví.
Pica AQUÍ para ler a notica na web do Portal Educativo - Xunta de Galicia.
1º Bacharelato_2º Bacharelato_A Ponte entre o ensino medio e a USC_ABAU_Relatorio Maite Flores
12.01.2024
O venres 12 de xaneiro a catedrática de Física da USC e vicepresidenta da CiUGA, Maite Flores, ofreceu un relatorio sobre a ABAU e sobre a USC ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. Foi moi interesante e aclarou moitas das dúbidas que o alumnado ten en relación ao seu futuro académico.
Moitas grazas ao programa A Ponte da USC e a Maite Flores por ofrecer este tipo de actividades aos centros educativos.
1º Bacharelato - 2º Bacharelato. A Ponte entre o ensino medio e a USC_ABAU. Relatorio Maite Flores
12.01.2024
O venres 12 de xaneiro dentro dos relatorios que a USC ofrece dentro do Programa A Ponte entre o ensino medio e a USC a catedrática de Física e vicepresidenta da CIUG, Maite Flores, achegouse ao noso centro para ofrecer un relatorio ao alumnado de 1º Bacharelato e 2º Bacharelato. A conferencia dividiuse en dúas partes, nunha primeira, Flores explicoulle ao alumnado diferentes aspectos da USC como os graos, master, residencias universitarias e outros temas de interese sobre esta institución. Nunha segunda parte, a vicepresidenta da CIUG explicoulles o sistema ABAU como as ponderacións, notas de corte e demais elementos relacionados co xeito de ingreso no sistema universitario.
Foron unhas horas moi ben aproveitadas na que o alumnado puido preguntar todas aquelas dúbidas que lle xurdiron ás cales Maite Flores lles respondeu con toda claridade e amabilidade.
Agradecemos á Maite Flores a súa asistencia ao IES Río Cabe e a USC por ofrecer este programa e achegar información de grande interese aos centros dun xeito ameno, directo e persoal.
CS de Guía, información e asistencia turísticas - Saídas novembro e decembro 2023
CS de Guía, información e asistencia turísticas. Saídas novembro e decemebro 2023
NOVEMBRO 2023
No mes de novembro o alumnado e profesorado do CS de Guías, información e asistencia turísticas viaxamos a Ourense para visitar Xantar, Feira Internacional de Turismo Gastronómico, asistimos ao Foro Territorios Patrimonio celebrado no Parador e participamos no Encontro territorial para a elaboración do Diagnóstico Estratéxico da situación do turismo en Galicia
En Xantar asistimos a exhibicións, catas temáticas, maridaxe, cociña en directo e outras actividades organizadas neste Encontro Internacional sobre Gastronomia saudable e sostible; ademais percorremos os distintos stands dos destinos enogastronómicos máis destacados de España, Portugal e América Latina.
Como xa é habitual participamos na derradeira edición do Foro Territorios Patrimonio celebrado no Parador de Monforte de Lemos. Nesta ocasión o programa de charlas, mesas redondas e outras actividades tivo como lema, "A Ribeira Sacra como centro do debate sobre o futuro do turismo cultural e da riqueza patrimonial como dinamizadora do territorio".
No encontro abordáronse cuestións relevantes para o devir do territoriodende un punto de vista turístico, ambiental, vinícola, patrimonial, de experiencias e da sustentabilidade.
Finalizamos as saídas do mes coa asistencia ao Encontro territorial para a elaboración do Diagnóstico Estratéxico da situación do turismo en Galicia impulsado polo Clúster de Turismo de Galicia e a Axencia de Turismo de Galicia celebrado no Centro do Viño de Ribeira Sacra.
Sentimos orgullosas e orgullosos de ter participado e aportado o noso coñecemento sobre o territorio da Ribeira Sacra para facilitar a realización dunha diagnose da situación do sector que sirva de base para deseñar a planificación turística para os vindeiros anos na que será a Estratexia do Turismo de Galicia 2014-2030.
DECEMEBRO 2023
No ciclo de Turismo comezamos as saídas de decembro cunha viaxe a Castro Caldelas, a mediados de mes asistimos a unha xornada sobre ciberseguridade organizada polo INCIBE e rematamos o mes cunha excursión a Lugo.
O miradoiro de As Penas de Matacás foi o punto de encontro para comezar a visita por terras de Castro Caldelas. Despois de gozar das vistas do Canón do Sil desprazámonos á vila para admirar o casco antigo -declarado conxunto historíco-artístico- e a fortaleza medieval de carácter militar que é o castelo de Castro Caldelas. E, por suposto, antes de marchar, degustamos a súa bica.
A ciberseguridade e a confianza dixital son dous retos importantes aos que nos enfrontamos. Por iso, INCIBE -Instituto Nacional de Ciberseguridad- puxo en marcha #ExperienciaINCIBE por toda a xeografía española. Cando lle tocou a Monforte convidáronnos e alí fomos a xogar nun escape room de ciberseguridade, xogos en liña, pílulas de ciberseguridade,… Un conxunto de experiencias interesantes que teñen o obxectivo de concienciar, educar, promover e difundir a ciberseguridade.
Rematamos mes viaxando cos nosos compañeiros e compañeiras da ESA e de BAC de adultos á capital da provincia. Comezamos cunha visita ao Centro Cultural O Vello Cárcere -unha das primeiras cárceres de España de estrutura radial-, continuamos cunha visita guiada aos principais recursos turísticos da cidade de Lugo -muralla romana, outros vestixios romanos, catedral, casco vello e Praza Maior- e finalizamos no Mercado de Nadal.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- seguinte ›
- última »