Curso 2023/24
2º Bacharelato. Visita a Santiago de Compostela
21.12.2023
Para rematar este primeiro trimestre, o alumnado de 2º Bach. de Historia da Arte, Relixión e Debuxo desprazouse o xoves 21 de decembro de 2023 ata Santiago de Compostela para coñecer a súa Catedral, o Museo do Pobo Galego e o Convento de Santa Clara. A nosa primeira visita foi á Catedral: interior, fachadas do Obradoiro e das Praterías, Pórtico da Gloria e rematamos subindo aos tellados desde onde vimos de cerca o ciborio, a parte superior da fachada do Obradoiro, a Torre do Reloxo, a Cruz dos Farrapos, etc., ademais de contemplar unhas fermosas vistas da cidade que nos deixou a todos impresionados.
Tras visitar a Catedral desprazámonos ata o Museo do Pobo Galego, antiguo convento de Santo Domingo de Bonaval. Neste museo antropolóxico puidemos coñecer un pouco máis da nosa cultura popular a través de xogos. Sorprendeunos, sobre todo, a escaleira barroca de caracol diseñada por Domingo de Andrade (o mesmo que construiu a Torre do Reloxo da Catedral), única escaleira triple helicoidal do mundo, con oco central que dependendo de cal delas escollas leva a unha planta diferente. Ao saír do Museo desprazámonos ata o Convento de Santa Clara para observar a súa fachada, exemplo do barroco de placas característico de Compostela.
Unha visita a Compostela chea de coñecementos.
Torneo de Nadal 2023
21.12.2023
Aquí poderedes ver as fotos das diferentes actividades que se desenvolveron no Torneo de Nadal 2023 que organizou o Departamento de Educación de Educación Física para todos os cursos da ESO e onde tamén participou o alumnado de 1º Bacharelato. Foi unha mañá ben entretida antes do merecido descanso de Nadal.
Dende o IES Río Cabe desexámosvos un moi Bo Nadal e un próspero Aninovo!
4º ESO. Economía. Entrevista a Gonzalo Losal de Calzados Losal. De 0 a 100 A Voz de Galicia
20.12.2023
O mércores 20 de decembro de 2023 o programa "De 0 a 100" do xornal A Voz de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades escolleu o noso centro para facerlle unha entrevista ao exalumno do IES Río Cabe Gonzalo Losal de Calzados Losal. Iago (director do programa "Atrápame se podes" da CRTVG) foi o encargado de guiar a entrevista onde o noso alumnado de 4º ESO da materia de Economía (impartida polo profesor Emilio López) puido coñecer de primeira man a experiecia deste empresario monfortino.
Gonzalo contounos como a empresa Calzados Losal de Monforte de Lemos deu os seus primeiros pasos ata chegar aos nosos días e celebrar no 2024 os 125 anos.
O seu tataravó estivo na guerra de Cuba e alí dedicouse a arranxar zapatos, unha vez de volta na terra el e os seus 11 fillos comezorn a fabricación de zapatos nas terras de Lemos. Anos despois, Gonzalo, logo de estudar Comercio Internacional e estar sempre en contacto co mundo da produción de zapatos, toma o liderado da empresa. Tal e como nos explicou, a produción anual é de 13000 pares de zapatos e só tivo un parón durante a pandemia, momento no cal se dedicaron a fabricar máscaras para proterxenos da Covid19.
Os seus zapatos están por toda Galicia, España e parte do estranxeiro. Persoeiros como Nicolás Sarkozy ou Florentino Pérez visten os seus pés con zapatos Losal.
Os materias empregados na fabricación dos seus zapatos proveñen de España e Europa (Italia, Alemaña e Francia fundamentalmente) e busca sempre a calidade. El mesmo nos indicou que a fabricación dun zapato pode levar entre 3 e 4 semanas.
A curto prazo queren aumentar a produción, ben é certo que as vendas en tenda física non superan as vendas por Internet, aínda que aí teñen unha ventá ao mundo moi importante. A longo prazo o seu desexo é poder vender internacionalmente e a longo prazo. O seu ránking de ventas fóra de Galicia encabézano Reino Unido, a República Checa, Estados Unidos e Canadá e vanse facendo oco na China.
Gonzalo explicoulle ao alumnado que a súa empresa está presente en varias feiras internacionais como a que se realiza en Milán ou en Düsseldorf, feito que lles abre moitas portas comenrciais.
O alumnado de 4º ESO da materia de Economía fíxolle moitas e moi interesantes preguntas que o empresario respondeu moi amablemente.
Dende o IES Río Cabe desexámoslle a Gonzalo e a Calzados Losal o mellor e que continúe levando marca galega por todos os recunchos do planeta.
1º Bacharelato + ESA Bacharelato de Adultos + CS Guía, información e asistencia turísticas. Expo. INCIBE.Monforte de Lemos
14.12.2023
15.12.2023
O 15 de decembro os alumnos e alumnas de 1º Bacharelato de TIC acompañados polos docentes Javier Barros e Mª Fe Tellado e o 14 de decembro os alumnado de Bacharelato de adultos xunto co alumnado do Ciclo de Guia e Información turísticas acompañados polas profesoras Mª Soledad González e Mª Fe Tellado participamos nas actividades organizadas polo INCIBE (Intituto Nacional de Ciberseguridade) que se desprazou ata Monforte co seu roadshow.
Alumnado e profesorado desfrutamos e aprendemos sobre a importancia de manter a nosa privacidade na rede, como crear contas de correo electrónico máis seguras, os pasos a seguir para verificar os enlaces que recibimos, evitar fraudes, etc.
Practicamos o aprendido e coñecemos máis acerca do INCIBE participando nun escape room, nun taller de ciberseguridade e xogando un rato na zona de gamificación.
Foi unha actividade moi entretida e divertida.
1º Bacharelato e 2º Bacharelato. Relatorio do exalumno Adrián Otero Vila
11.12.2023
O 11 de decembro recibimos no IES Río Cabe a Adrián Otero, antigo alumno e fillo da nosa excompañeira María Xesús Vila, acompañado da súa parella Rachel, Adrián explicoulle ao alumnado de 1º Bacharelato e 2º Bacharelato a súa experiencia estudantil e laboral. Adrián estudou Enxeñería Informática e traballo en varias empresas como informático e programador, entre elas INDITEX mais, tal e como explicou, non era un traballo que o apaixoase e por iso decidiu deixalo todo e dedicarse de cheo á fotografía, a súa gran paixón e a que converteu no seu traballo. Viaxa polo mundo captando as mellores paisaxes e mostrando o seu traballo nas redes sociais e na súa páxina web www.aows.co
Alumnado e profesorado gozaron escoitándoo e facéndolle múltiples e interesantes preguntas a Adrián.
Desexámoslle moita sorte e agradecemos o seu paso polo noso centro educativo, sempre é un pracer recibir a exalumnado e que nos conten a súa experiencia anos despois de saír da que tamén foi a súa casa, o IES Río Cabe.
Todos os cursos. Decoración de Nadal
11.12.2023
No IES Río Cabe xa estamos cos preparativos e coa decoración do Nadal, por iso, o noso alumnado estivo colocando na entrada do centro a árbore de Nadal cos seus adornos feitos polo alumnado e profesorado do instituto.
A comunidade educativa do IES Río Cabe deséxavos Bo Nadal!
1º Bacharelato. BioXeo e F&Q. MUNCYT e Casa das Ciencias. A Coruña
05.12.2023
O alumando de 1º Bacharelato ven de participar nunha actividade organizada polos departamentos de Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía, que se desenvolveu o pasado martes día 5 de decembro na cidada da Coruña.
A xornada comezou cunha visita á Casa das Ciencias para continuar cunha interesante experiencia no MUNCYT (Museo de Ciencia e Tecnoloxía) onde o alumnado tivo a oportunidade de participar nun obradoiro de electricidade e electrónica. Resultou unha xornada de convivencia moi interesante!
Queremos destacar de xeito moi positivo a felicitación por parte dos responsables dos museos visitados polo bo comportamento e actitude do alumnado durante o desenvolvemento das actividades.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- seguinte ›
- última »