CS de Guía, información e asistencia turísticas - Saídas novembro e decembro 2023

CS de Guía, información e asistencia turísticas. Saídas novembro e decemebro 2023

NOVEMBRO 2023

 

No mes de novembro o alumnado e profesorado do CS de Guías, información e asistencia turísticas viaxamos a Ourense para visitar Xantar, Feira Internacional de Turismo Gastronómico, asistimos ao Foro Territorios Patrimonio celebrado no Parador e participamos no Encontro territorial para a elaboración do Diagnóstico Estratéxico da situación do turismo en Galicia

En Xantar asistimos a exhibicións, catas temáticas, maridaxe, cociña en directo e outras actividades organizadas neste Encontro Internacional sobre Gastronomia saudable e sostible; ademais percorremos os distintos stands dos destinos enogastronómicos máis destacados de España, Portugal e América Latina.

Como xa é habitual participamos na derradeira edición do Foro Territorios Patrimonio celebrado no Parador de Monforte de Lemos. Nesta ocasión o programa de charlas, mesas redondas e outras actividades tivo como lema, "A Ribeira Sacra como centro do debate sobre o futuro do turismo cultural e da riqueza patrimonial como dinamizadora do territorio".

No encontro abordáronse cuestións relevantes para o devir do territoriodende un punto de vista turístico, ambiental, vinícola, patrimonial, de experiencias e da sustentabilidade.

 

Finalizamos as saídas do mes coa asistencia ao Encontro territorial para a elaboración do Diagnóstico Estratéxico da situación do turismo en Galicia impulsado polo Clúster de Turismo de Galicia e a Axencia de Turismo de Galicia celebrado no Centro do Viño de Ribeira Sacra.

 

Sentimos orgullosas e orgullosos de ter participado e aportado o noso coñecemento sobre o territorio da Ribeira Sacra para facilitar a realización dunha diagnose da situación do sector que sirva de base para deseñar a planificación turística para os vindeiros anos na que será a Estratexia do Turismo de Galicia 2014-2030.

 

DECEMEBRO 2023

No ciclo de Turismo comezamos as saídas de decembro cunha viaxe a Castro Caldelas, a mediados de mes asistimos a unha xornada sobre ciberseguridade organizada polo INCIBE e rematamos o mes cunha excursión a Lugo.

O miradoiro de As Penas de Matacás foi o punto de encontro para comezar a visita por terras de Castro Caldelas. Despois de gozar das vistas do Canón do Sil desprazámonos á vila para admirar o casco antigo -declarado conxunto historíco-artístico- e a fortaleza medieval de carácter militar que é o castelo de Castro Caldelas. E, por suposto, antes de marchar, degustamos a súa bica.

A ciberseguridade e a confianza dixital son dous retos importantes aos que nos enfrontamos. Por iso, INCIBE -Instituto Nacional de Ciberseguridad- puxo en marcha #ExperienciaINCIBE por toda a xeografía española. Cando lle tocou a Monforte convidáronnos e alí fomos a xogar nun escape room de ciberseguridade, xogos en liña, pílulas de ciberseguridade,… Un conxunto de experiencias interesantes que teñen o obxectivo de concienciar, educar, promover e difundir a ciberseguridade.

 

Rematamos mes viaxando cos nosos compañeiros e compañeiras da ESA e de BAC de adultos á capital da provincia. Comezamos cunha visita ao Centro Cultural O Vello Cárcere -unha das primeiras cárceres de España de estrutura radial-, continuamos cunha visita guiada aos principais recursos turísticos da cidade de Lugo -muralla romana, outros vestixios romanos, catedral, casco vello e Praza Maior- e finalizamos no Mercado de Nadal.

 

Álbum: Escolares -> 2023_12_21_1ª AVA_Saídas novembro e decembro 2023_CS de Guía, información e asistencia turísticas