Na tarde do martes 8 de marzo, o escritor e xornalista Xesús Fraga participou no Club de Lectura de Adultos para disertar sobre a súa novela "Virtudes (e mentiras)". En palabras do responsable do Club de lectura, o profesor Víctor González:
“Non están os tempos para ledicias, malos tempos para a lírica, que dicía o outro -pandemias, guerras, subida dos prezos..., para que máis-, por iso son moi de agradecer os aconteceres festivos que animaron o pasado día 8, día da muller, os corredores e aulas do IES de Valga. Hai que festexalo. Animou o dia a chegada das mulleres filósofas, como non podía ser de outro xeito. Tampouco é novidade, levan anos vindo, como ese cometa que cada non sei cantos anos para pola órbita de terra, como un agasallo para nos, terrícolas. É o cometa Halley. As mulleres filósofas son o noso cometa Halley. Dá gusto velas. Chegaron coma acostuman, silandeiras. Non son, certamente, de chamar atención, non traen charanga nin gaitas, nin falta que lles fai. De seguido colleron hospedaxe na Biblioteca, algúns alumn@s de Valores Éticos 3º da ESO, sempre entusiastas, as acomodaron. Tampouco precisan moito. Están afeitas á austeridade. Quedarán aínda uns días, encantadas de que a visitedes. O mércores16 de marzo, véspera da súa partida, convocan ao alumnado que cursa filosofía en 4º da ESO e en 1º de Bacharelato a unha festa-concurso da que xa darán novas.
E para remate da festa, visitounos pola tarde, ao abeiro do club de lectura "Veigas de Campaña" o recente premio nacional de narrativa 2021 Xesús Fraga. Unha tarde inesquecible. Gustaríame ter verbas acordes mais precisaríase unha sintaxe á que non chego. É desas cousas que hai que experimentar, vivir, como a súa obra, "Virtudes (e misterios)”, un libro apaixonante, fermoso.... as mulleres filósofas quedaron encantadas... e non falo só das históricas, das María Zambrano, Simone de Beauvoir, e tantas outras, que nunca tal viran, e mira que levan asistido a foros cargados de intelectualidade, falo das mulleres de Valga, tertulianas do club de lectura que elaboraron, con Xesús Fraga, uns pensamentos de moitos quilates. Un día gozoso. Falta fai”.
Máis información picando neste enlace.