O club de lectura de adultos do noso centro, "Veigas de Campaña", clausurou as actividades do curso 2021-2022 na tarde do martes 14 de xuño, cunha sesión arredor do libro de Olga Novo: "Feliz idade". En palabras do profesor Víctor González, responsable do club de lectura: "O martes 14, tivemos a derradeira xuntanza do club de lectura "Veigas de Campaña". Aí tedes a foto. Apenas se ve, pois está tapada por Lorena, a nai, mais tamén está Arale. Futura lectora, sen dúbida. Chegou espertando, viña dormida e espertou, abrindo os brazos, os beizos, os ollos (azuis, preciosos) abríndose á vida. Unha ledicia.
Acontece as veces que a literatura, a boa literatura claro, como a poesía de Olga Novo que co seu poemario "Feliz idade", convocáronos esa tarde, é capaz de recoller as emocións e a potencia, a plenitude da vida, mais logo, cando descobres os acenos de Arale, daste conta de que aínda a mellor literatura, non é máis que un sucedáneo. Necesario, si, imprescindible, pero, ai!....Felices vacacións!!!