Un grupo de vinte e catro alumnas e alumnos do Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMBach) realizaron unha viaxe de carácter científico de tres días de duración a Suíza e Francia entre dos días 21 e 23 de setembro. O principal destino foi a visita ás instalacións da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), que foi completada co estudo do glaciar Mer de Glace e da cima Aiguille du Midi, no macizo co Mont Blanc (Francia), onde puideron estudar os efectos da mudanza do clima. Nesta viaxe foron acompañados polo profesorado Loli Rego, Ana Bueno, Maruxa Barca e Eliseu Mera.
CERN
A Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) é a institución que xestiona o maior laboratorio de investigación en física de partículas a nivel mundial, entre Francia e Suíza. As siglas proceden do seu primeiro nome oficial provisional Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire que data de 1952 cando se acordou o seu establecemento. Coa súa fundación oficial en 1954 o nome mudouse a Organisation Européenne pour la Recherche Nucléaire, mantendo aínda así as súas siglas anteriores CERN.
Esta visita permitiu ao alumnado afondar na súa formación a respecto da física nuclear coñecendo de maneira directa o funcionamento dun acelerador de partículas así como as principais liñas de investigación que se están a desenvolver na institución.
Bacharelato STEM
O IES Plurilingüe de Valga pertence ao pequeno grupo de centros que forman parte Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMBach). Nesta iniciativa, o alumnado deste programa desenvolve un proxecto de investigación dirixido por profesorado universitario, e pode facer uso das instalacións da universidade para a realización dos experimentos. Neste caso, a Universidade de Santiago de Compostela foi a entidade coa que colaborou o instituto
No pasado curso foron presentados os primeiros proxectos realizados polo alumnado do centro valgués. Trátase de “Construción dun ollo miope”, dirixido por Justo Arines (Facultade de Óptica), “Análise xeoespacial de fontes de datos medioambientais”, dirixido por José Ramón Ríos (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CITIUS), “Obtención e caracterización de derivados antraquinónicos da folla do sen” e “Obtención e caracterización dos fenois da esencia de tomiño” dirixidos por Reyes Laguna e Dolores Viña (Facultade de Farmacia), e “Estudo da reacción de saponificación: transformando graxas en xabóns”, dirixido por Diego Peña (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CIQUS).
No curso actual, estanse a desenvolver novos proxectos de investigación como “Análise xeoespacial de fontes de datos medioambientais: Comparación MOHID co CTD” ou “Explorando as membranas das células do cancro con química computacional” e vaise abrir unha nova vía de excelencia en artes, humanidades e ciencias sociais.
Visitas previas
Con anterioridade, xunto cos centros de investigación da Universidade de Santiago, o alumnado STEMBach do IES Plurilingüe de Valga visitara o Centro de Bioloxía Molecular “Severo Ochoa” de Madrid, diversas entidades de interese científico en Bruxelas e viaxaran á Madeira para realizar un estudo de xeomorfoloxía volcánica.
Complementarias
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- …
- seguinte ›
- última »