O xadrez e o ciclismo foron protagonistas das actividades que celebramos como remate do segundo trimestre deste curso académico 2022/23. Foi na mañá do venres 31 de marzo e tiveron como escenarios a Biblioteca, cun torneo de Xadrez e o patio cuberto co "Día do Ciclismo", onde se habilitou un circuito para andar en bicicleta.
A crónica do torneo de Xadrez podémola ler en palabras dun dos profesores responsables deste torneo, Víctor González: "O 31 de marzo celebrouse na Biblioteca do IES Plurilíngüe unha nova edición (e van xa.... non se sabe cantas) do torneo de Xadrez Cidade de Valga, que se non acadou aínda o predicamento doutras sedes de prestixio como Linares ou Moscú, non tardará en telo. Meréceo. Polo número de inscricións, que batiu o rexistro de edicións anteriores, polo entusiasmo dos xogadores, polo aseada que foi a organización, polo espazo, que poucos eventos deste calibre poderán presumir dun escenario tan luminoso. Haberá Kasparovs e Karpovs, afamados axedrecistas, que terán envexa de ter coñecemento do torneo que en Valga aconeteceu o 31 de marzo de 2023. A reportaxe fotográfica que acompaña esta literatura da fe do acontecido. Houbo gañadores, claro, pero non podemos dicir que houbera perdedores. Rodrigo Vidal e Xesús Manuel Lafuente acadaron a máxima puntuación, si, pero houbo partidas memorables, deportividade, comunicación e compañerismo. Gañamos todos. De seguir así, hai torneo para rato. Grazas a tod@s".
Por outro lado, o ciclismo tivo o seu protagonismo co "Día do Ciclismo", actividade que complementou as charlas didácticas sobre "o mundo do Ciclismo" que tiveron lugar a principios de febreiro. Coa colaboración, novamente, do Club Ciclista Padronés Cortizo, alumnado dos diferentes cursos da ESO e Bacharelato puideron practicar este deporte nun circuíto habilitado para esta ocasión no patio cuberto. A actividade foi deseñada e asesorada por persoal deste club.