Skip to Content

Xornada electoral para a XIVª renovación do Consello Escolar do IES A Sangriña. 21 de novembro

votacións s sangriña

O día 21 de novembro celebraranse no centro as votacións para a elección dos distintos niveis de representación do Consello Escolar do IES A Sangriña para a súa XIVª renovación (para consultar a listaxe de candidaturas presentadas: taboleiro de Secretaría, no vestíbulo do centro). As votacións serán as seguintes:

1. Votación para a elección dos representantes do profesorado que se fará en Claustro Extraordinario no Salón de Actos de 14:15 a 14:30 hrs.
 
2. Votación para a elección do representante de pais/nais que se celebrará, logo de constituida a mesa electoral, de 19:00 a 20:30 hrs.
 
3. Votación para a elección dos representantes do alumnado. A Xunta Electoral do IES A Sangriña decidiu organizar a votación do alumnado interesado nos seguintes períodos de recreo seguindo as quendas:
 
Período de recreo: Grupos que poderán exercer o seu dereito ao voto:
1º recreo 10:00 a 10:20 só alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO
Recreo de ciclos: 10:50 a 11:30 só alumnado de Ciclos
2º recreo 12:00 a 12:20 só alumnado de 4º ESO e Bacharelato

As distintas mesas electorais (alumnado, pais/nais) quedarán dispostas no vestíbulo, na zona de entrada á Sala de Profesorado.

Desexamos a toda a comunidade escolar do IES A Sangriña unha boa xornada electoral.

19 N Día da muller emprendedora

Día da muller emprendedora IES A Sangriña

Hoxe, día 19 de novembro, celébrase o Día Internacional da Muller emprendedora (Women's Entrepreneurship Day o WED), que foi creado en 2014 por Wendy Diamond, unha emprendedora e filántropa comprometida con fortalecer o liderazgo feminino no mundo empresarial.

Para conmemoralo, o alumnado do Ciclo Superior de Administración e Finanzas elaborou unha serie de carteis que se expoñen en dous murais instalados no centro para dar a coñecer diferentes mulleres emprendedoras, tanto do ámbito galego como internacional, e para que as súas figuras sexan coñecidas e recoñecidas polos máis peques do noso instituto.

Moitas grazas polo voso compromiso!

Conferencia de Pancho Novoa sobre a evolución estelar

Pancho Novoa IES A Sangriña

Pancho Novoa, vigués e veciño de Pontevedra, é profesor de Ensino Secundario xubilado, músico e presidente da Agrupación Astronómica Rías Baixas. Desde pequeno, Pancho sentiuse atraído pola ciencia, tal e coma xa lle pasara ao seu tío, o astrónomo Rafael Cid Palacios. Tamén lle gustou sempre a música, igual que ao seu irmán Pablo, compoñente de Golpes Bajos. Pancho estudou Bioloxía en Santiago de Compostela e mentras facía a carreira gañaba a vida de concerto en concerto, tocando a guitarra e cantando. Cando daba clases en Vigo xa lle gustaba levar os seus alumnos facer observacións astronómicas. Onte, veu ao IES A Sangriña para transmitir os seus coñecementos ao noso alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 3º e 4º de ESO.

Charla sobre transplantes e doazón de órganos

transplantes e doazón ies a sangriña

Hoxe en día a doazón e transplante de órganos é unha práctica terapéutica perfectamente consolidada na nosa contorna, que foi un agasallo de vida para as máis de 9 700 persoas que recibiron un órgano e máis de 20 000 que recibiron un tecido na nosa comunidade.

Debemos destacar o labor de todos os colectivos profesionais que dalgunha maneira fan posible o funcionamiento do programa de doazón e transplante así como o máis merecido recoñecemento aos máis de 3 300 doantes galegos e aos seus familias pola solidariedade mostrada, porque cando dixeron SI á doazón, dixeron SI ao mellor agasallo que é a VIDA; "a vida, o mellor agasallo"​.​

Para coñecer de preto esta realidade, o departamento de Ciencias Naturais organizou unha charla na que se expuxeron vivencias desde o punto de vista dun doutor especializado e dun paciente transplantado. Na sesión participou o alumnado de 3º de ESO e o alumnado de Anatomía Aplicada de 1º de Bacharelato.

Para saber máis, preme aquí.

O alumnado de 1º B fai unha doazón para axudar as persoas afectadas pola DANA en Valencia

Doazón Dana IES A SAGRIÑA

Onte, o alumnado de 1º de Bacharelato B do IES A Sangriña acudiu xunto coa súa titora Paula Orta, do departamento de Matemáticas, para facer unha doazón para as persoas afectadas pola DANA en Valencia.

O ingreso realizárono persoalmente desprazándose á oficina do Banco Santander da Guarda. A súa doazón axudará a cubrir as necesidades máis básicas das persoas máis vulnerables que se viron afectadas poa DANA na Comunitat Valenciana.

Fomos ver "O Corno" ao Centro Cultural

O Corno IES A Sangriña

Aínda dentro das actividades organizadas polo Centro de Información da Muller do Concello da Guarda para este 25 N proxectouse, no día de onte, o filme O Corno. Baixo a coordinación do Grupo de Igualdade do IES A Sangriña, asistiu á dita proxección no Centro Cultural o alumnado de 1º de Bacharelato.

O CORNO é un filme galego, dirixido por Jaione Camborda, que vén de ser recentemente premiado no prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Este drama ambiéntase na Illa de Arousa, no ano 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

Esta exitosa longametraxe proxectarase tamén para todo o público que queira asistir o próximo venres 15 de novembro ás 20:30 no centro cultural dentro da programación do "VII Ciclo de Cine y mujer rural" que organiza o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Fala con nós Amelia Tiganus, activista feminista e escritora

Amelia Tiganus IES A Sangriña

O Centro de Información da Muller do Concello da Guarda trouxo, dentro das actividades programadas para este 25 N, a Amelia Tiganus á nosa vila. Grazas a isto e á colaboración co Grupo de Igualdade do IES A Sangriña, Amelia visitou onte o noso centro. Esta actividade completouse co faladoiro titulado "Xuventude, Internet e violencia sexual. Quen gaña?", celebrado xa pola tarde na Casa dos Alonso.

Amelia Tiganus é unha activista feminista, nada o 11 de marzo de 1984 en Romanía. Vive no País Vasco, tras reconstruír a súa vida e renacer despois de ser explotada sexualmente durante cinco anos no Estado español.

Publicou varios artigos, entre os que destacan 'La revuelta de las putas' e 'El trabajo os hará libres', e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da prostitución e a violencia sexual. Foi coordinadora de Feminicidio.net durante tres anos e colabora con varias asociacións e ONG nacionais e internacionais.

Recibiu varios premios e recoñecementos polo seu traballo a favor dos dereitos humanos das mulleres e das nenas, entre os que, en 2019, foi galardoada co 'Reconocimiento al compromiso mostrado por lograr una sociedad libre de violencia contra las mujeres' entregado polo Ministerio de Igualdad e o Gobierno de España.

Nos últimos catro anos impartiu máis de 350 conferencias, charlas e obradoiros por toda España e tamén en Latinoamérica e Europa.

Un taller para recrear o deseño dun plan de empresa

dhais consultora a sangriña

Os departamentos de Administración e Economía organizaron esta mañá un taller subvencionado con fondos do programa Eduemprende sobre o Plan de empresa como clave do emprendemento.

O taller, que tiña como obxectivo recrear o deseño dun plan de empresa foi impartido pola consultora empresarial DHAIS, especializada na consultoría tecnolóxica.

DHAIS é unha consultora creada por profesionais especializados en diferentes ramas da xestión empresarial con ampla experiencia na dixitalización de procesos, os seus obxectivos son:

  • Situar á comunidade empresarial á vangarda da industria 4.0.
  • Implantar proxectos de dixitalización que melloren os procesos empresariais actuais.
  • Acadar altos índices de éxito na tramitación de axudas públicas para proxectos xestionados directamente e mediante colaboracións con terceiros.

O Plan de Emprendemento do Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende pretende sensibilizar a toda a comunidade educativa e favorecer a introdución do espírito emprendedor no alumnado desde idades temperás.

Força València!

Valencia IES A Sangriña

Onte, a comunidade educativa do IES A Sangriña quixo mostrar a súa solidariedade co pobo valenciano, que vén de sofrer os efectos dunha dana que casou graves inundacións, centos de mortes e importantes danos económicos.

Alumnado, profesorado e PAS do IES A Sangriña quixemos, co noso minuto de silencio, darlle o pésame e mostrar o noso apoio a todas as vítimas desta catástrofe. Aproveitamos tamén a ocasión para solicitar á cidadanía que reflexione sobre a necesidade de coidar o planeta, sobre o cambio climático e as súas desgrazadas consecuencias e a sobre a responsabilidade de organizar a nosa ocupación do territorio dunha maneira segura e adecuada, non construíndo casas para a habitación nin outras infraestruturas en terrenos inundábeis.

Moito ánimo... e FORÇA VALÈNCIA!!!

Automoción voa no Kartódromo de Viana do Castelo

Automoción voa no Kartódromo de Viana do Castelo

O alumnado de Mantemento de Vehículos acudiu ao Kartódromo de Viana onde, ademais de coñecer as instalacións dedicadas ao mantemento do equipamento dos vehículos e as rutinas de traballo do seu persoal, puido desputar animadas carreiras de karts demostrando as súas habilidades ao volante.

O kartódromo de Viana conta cun edificio principal que nas carreiras oficiais utiliza unha torre de control dotada de sala de cronometraxe, sala de oficiais de carreira, salas de reunións, secretarías, sala VIP e terraza con vistas panorámicas de todo o complexo, palcos, posto médico, despachos, vestiarios e aseos.

En canto ás pistas, a principal (Pista A) conta cun perímetro de 1117 metros para unha anchura constante de 9 metros pensada para carreiras oficiais con homologación de grao 1 e de lecer, outra máis pequena (Pista B) con 468 metros de perímetro e a mesmo de 8 metros de ancho, máis orientado á formación dos nenos na Escola de Karting existente e tamén ao lecer. Ambas as pistas contan con sistemas de cronometraxe para que os usuarios poidan gozar dos resultados obtidos.

Distribuir contido


by Dr. Radut