Skip to Content

Matrícula ESO e Bacharelato 2024 - 2025

web matrícula sangriña

Xa está dispoñíbel o formulario de matrícula online. Desde hoxe, e independentemente do calendario estipulado para a entrega dos documentos no centro, xa poden cubrir os datos en liña en envialos a través do seguinte link:

https://www.edu.xunta.gal/centros/iesasangrina/matricula2025

Alén da modalidade online, este ano a matrícula inclúe unha serie de novidades:

- Non será necesario seleccionar as materias. Entregaráselles no centro o formulario en papel xa cuberto, de acordo coa escolla feita na prematrícula.

- Xa se inclúen algunhas das autorizacións que, en anos anteriores, era necesario ir entregando ao longo do curso. 

- A foto do/a estudante, en vez de entregarse fisicamente, cargarase a través do seguinte formulario:

https://www.edu.xunta.gal/centros/iesasangrina/fotosangrinha

- Non será necesario achegar de novo documentación que xa se entregase no ano  anterior e que non sufrise alteracións. Basta con indicar no formulario que desexa reutilizala e asegurarse de que non caducase ou cambiase algún dato.

As persoas que non dispoñan de acceso á Internet, que non teñan onde imprimir ou que non posúan dispositivos electrónicos adecuados contarán a partir de mañá con dous computadores no vestíbulo da escola dedicados exclusivamente ás matrículas.

Finalmente, publicaremos tamén ao longo do día de maña un breve videotutorial para seguir o proceso paso a paso.

Calendario de matrícula 2024 - ESO e Bacharelato

Candario matrícula 2024 A Sangriña

A continuación, publicamos as datas de matrícula asignadas para cada un dos cursos de ESO e Bacharelato no noso centro. As matrículas realizaranse gradualmente en función das avaliacións que se vaian realizando durante a próxima semana e para que os trámites poidan facerse dunha maneira máis cómoda na secretaría do IES A Sangriña.

Igual que xa aconteceu coa prematrícula, a realización da matrícula responderá a unha modalidade mixta. A documentación cubrirase online a través dun formulario que posteriormentese entregará asinado no centro. Por se algunha familia non dispuxese do equipamento necesario para realizar a matrícula online, ou de conexión a Internet, haberá dous equipos informáticos ao seu dispor no hall do instituto.

O enlace para acceder aos formularios de matrícula dos diferentes cursos e etapas educativas estará dispoñíbel nesta mesma web a partir do luns día 24 de xuño ás 14:30.

O calendario para a entrega do formulario de matrícula no centro será o seguinte: 

  • Días 25 e 26 de xuño: 2º de Bacharelato.
  • Días 27 e 28 de xuño: 1º e 2º de ESO.
  • Días 1 e 2 de xullo: 3º e 4º de ESO.
  • Días 3 e 4 de xullo: 1º de Bacharelato.

Horario de xuño: de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00.

Horario de xullo: de 9:00 a 14:00.

Fomos á caza dos seres míticos!!!

Seres Míticos Sangriña

Hoxe, por segunda vez, celebramos no IES A Sangriña unha actividade moi especial. A caza dos seres míticos. O alumnado de 1º de ESO tivo que buscar polos patios e xardíns do centro, seguindo unha serie de pistas, fichas de diferentes seres míticos da cultura popular galega e portuguesa. Maria Gancha, o Urco, a Santa Compaña, o Home do Saco, Pedro o Chosco...

As fichas de pesquisa estaban escritas en portugués, para que o alumnado que non ten esta materia poida ser consciente de como, cos seus coñecementos de galego, pode consultar materiais instrumentais nesta variante internacional da nosa lingua.

A competición gañábaa aquel equipo que antes conseguise capturar, co seu móbil e mediante un código QR, os catorce  seres míticos da ficha que lles foi entregada ao inicio da actividade. Arriba, podedes ver unha fotografía das nosas gañadoras: Alejandra López, Lina Ozores, e Ángela Martínez de 1º de ESO A e Iria Pérez de 1º B.

Tanto o Departamento de Portugués como o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, organizadores da actividade, queren agradecer a todos os e as participantes o ben que competiron, todo o que correron e o moito que nos divertimos!

O portugués ten premio no IES A Sangriña

O portugués ten premio no IES A Sangriña

O Departamento de Português entregou nestes últimos días do curso algúns dos premio das súas actividades. Arriba os gañadores e gañadoras da última Olimpíada da Língua Portuguesa... Abaixo, un dos equipos que máis e mellor traballaron na gincana celebrada en Santiago de Compostela onde as alumnas aplicaron, entre outras, as súas habilidades lingüísticas para resolver unha serie de retos.

Parabéns a todas!!!

Centro Residencial Docente de Vigo. Convocatoria Residentes 2023/2024

Centro Residencial Docente de Vigo

O Centro Residencial Docente de Vigo é un centro educativo para que os estudantes de ensino secundario ou ciclos formativos que teñan a súa residencia habitual lonxe desta localidade (VIGO) poidan cursar os seus estudos e, excepcionalmente, tamén para o alumnado universitario. O nóso Centro está situado na estrada de Madrid, no alto do monte Meixoeiro, xunto ao Complexo hospitalario do mesmo nome, e circundado polos centros escolares CIFP Manuel Antonio (compartimos recinto, instalacións e servizos), o IES Carlos Casares, o IES Ricardo Mella, e o CIFP Valentín Paz Andrade. Varias liñas de transporte urbano permiten a súa comunicación coa cidade.

O NÚMERO DE PRAZAS VACANTES PARA O CURSO 23/24 NO CRD DE VIGO É DE 111 PRAZAS.

Consulta aquí toda a información.

Madrid das Letras 2024

Madrid das Letras Sangriña

O noso alumnado de Literatura Universal viaxou a pasada semana ao Madrid das Letras. Nesta saída de estudos, de apenas dous días de duración, a rapazada puido coñecer algúns lugares fundamentais da historia da literatura española, como a imprenta de Juan de la Cuesta, da que saíu a primeira edición do Quixote, a casa de Lope de Vega, o Barrio das Letras, a casa (e arquivo) do pai da filoloxía hispánica, Ramón Menédez Pidal, a Residencia de Estudiantes e a Residencia de Señoritas, xermes ambas da Xeración do 27. Aproveitouse a ocasión para visitar o Museo do Prado, a Cuesta Moyano, a casa museo Sorolla, así como para asistir a unha representación teatral no Teatro Lara.

Un tempo ben aproveitado!

Podes ver o álbum de fotos da excursión aquí.

Entrega de premios no IES A Sangriña

Premios Dinamización da Lingua Galega IES A Sangriña

Esta mañá, na Bibliotrega, entregáronse os premios de diferentes concursos organizados ao longo deste ano 2024 polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e polo Equipo de Dinamización da Biblioteca do IES A Sangriña.

Nas imaxes que ilustran esta noticia podedes ver a Daniela Pereira e Claudia Rodal e a Mario Alonso recollendo as súas acreditacións como gañadores do VII Concurso de Ilustración.

David Fernández Miniño foi galardoado cos premios O Apalpador de debuxo de Nadal e Rosalía de Castro de lettering. Recollendo o primeiro dos premios aparece acompañado polas finalistas Carla Iglesias e Mara Rodríguez e no segundo por Karen Castro (o outro finalista do concurso de lettering foi Iago Baz).

Finalista do premio de poesía Arrimar os lombos foi a alumna Jovana Ferre, aparece na fotografía con Mateo González e Marcos Giráldez que, xunto con Gabriel Sobrino, resultaron gañadores do certame.

Finalmente, a clase de 4º de ESO (grupo PDC) foi a vencedora do Concurso de bandeirolas do Día das Letras Galegas, do que o alumnado 1º de ESO B resultou finalista.

Moitas grazas a todo o estudantado participante nos concursos deste 2024!!!

Proxecta + em portugués

Proxecta en portugués A Sangriña

No ámbito do programa Proxecta+, o noso alumnado tivo a oportunidade de participar nunha innovadora actividade que demostra a importancia dos coñecementos de galego e a súa utilidade máis aló das fronteiras da nosa comunidade. Nesta ocasión, tratouse dunha aula de matemáticas na que a profesora Laura Martínez introduciu material audiovisual elaborado no Brasil.

Esta experiencia enriqueceu enormemente o proceso de aprendizaxe, xa que os estudantes descubriron que a súa competencia en galego lles permite comprender e utilizar recursos en portugués sen maior dificultade. O semellante entre ambas as linguas facilitou que puidesen seguir as explicacións e aproveitar o contido educativo de vídeos creados por docentes brasileiros.

A actividade consistiu en visionar unha serie de vídeos nos que se explicaban diversos conceptos matemáticos. Os estudantes mostraron un grande interese e participaron activamente, demostrando que a linguaxe non era unha barreira para eles. Grazas a esta iniciativa, os alumnos non só ampliaron os seus coñecementos matemáticos, senón que tamén tomaron conciencia da proximidade cultural e lingüística co mundo lusófono.

O programa Proxecta+ segue a promover actividades que non só reforzan o currículo académico, senón que tamén fomentan a apertura cultural e a apreciación das vantaxes do plurilingüismo. A través de iniciativas coma esta, continuamos a traballar para formar cidadáns competentes e con visión global.

Parabéns a todos os participantes e á profesora Laura Martínez por liderar esta valiosa experiencia educativa. Estamos desexando ver as próximas actividades e seguir a aprender de xeito tan enriquecedor e motivador.

Coser para loitar. Proxecto educativo contra a moda rápida

Contra a moda rápida

Coser para loitar é un proxecto educativo consciente co noso amado medio ambiente. O alumnado de 1º da ESO púxose mans á obra para denunciar a problemática ambiental causada pola moda rápida. A falta de consciencia, o ego, e a obsesión que os grandes magnates da moda rápida crean na humanidade, producen toneladas de roupa que se acumulan en espazos naturais.

Para loitar e denunciar esta situación montamos o seguinte lío:

Organizamos un evento para o que foi necesario:

  • Doar e recoller roupa usada.
  • Elaborar traxes para un desfile a partir de roupa usada, para o que deseñamos e cosemos na aula.
  • Organizar un mercadillo para darlle saída á roupa e aos complementos usados.
  • Facer un grande desfile polas instalacións do centro.

Visitamos o Centro SAFIT

Safit A Sangriña

Os nosos alumnos visitaron o Centro SAFIT. Alí puideron probar diferente equipamento na sala de máquinas e aparatos de musculación e realizar actividades supervisados polo seu persoal especializado en pilates.

Safit é recoñecido por ofrecer un servizo de alta calidade e un compromiso coa saúde e o benestar dos seus clientes. O centro dispón dunha gran variedade de clases de Pilates pensadas para adaptarse ás necesidades de cada persoa, desde os iniciantes ata os niveis máis avanzados. Ademais, as súas instalacións están dotadas dos máis modernos equipos e contan con monitores altamente cualificados que orientan ao alumnado en cada sesión.

Para máis información podes consultar o seu Facebook aquí.

Distribuir contido


by Dr. Radut