Skip to Content

Igualdade

Fomos ver "O Corno" ao Centro Cultural

O Corno IES A Sangriña

Aínda dentro das actividades organizadas polo Centro de Información da Muller do Concello da Guarda para este 25 N proxectouse, no día de onte, o filme O Corno. Baixo a coordinación do Grupo de Igualdade do IES A Sangriña, asistiu á dita proxección no Centro Cultural o alumnado de 1º de Bacharelato.

O CORNO é un filme galego, dirixido por Jaione Camborda, que vén de ser recentemente premiado no prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Este drama ambiéntase na Illa de Arousa, no ano 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

Esta exitosa longametraxe proxectarase tamén para todo o público que queira asistir o próximo venres 15 de novembro ás 20:30 no centro cultural dentro da programación do "VII Ciclo de Cine y mujer rural" que organiza o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Fala con nós Amelia Tiganus, activista feminista e escritora

Amelia Tiganus IES A Sangriña

O Centro de Información da Muller do Concello da Guarda trouxo, dentro das actividades programadas para este 25 N, a Amelia Tiganus á nosa vila. Grazas a isto e á colaboración co Grupo de Igualdade do IES A Sangriña, Amelia visitou onte o noso centro. Esta actividade completouse co faladoiro titulado "Xuventude, Internet e violencia sexual. Quen gaña?", celebrado xa pola tarde na Casa dos Alonso.

Amelia Tiganus é unha activista feminista, nada o 11 de marzo de 1984 en Romanía. Vive no País Vasco, tras reconstruír a súa vida e renacer despois de ser explotada sexualmente durante cinco anos no Estado español.

Publicou varios artigos, entre os que destacan 'La revuelta de las putas' e 'El trabajo os hará libres', e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da prostitución e a violencia sexual. Foi coordinadora de Feminicidio.net durante tres anos e colabora con varias asociacións e ONG nacionais e internacionais.

Recibiu varios premios e recoñecementos polo seu traballo a favor dos dereitos humanos das mulleres e das nenas, entre os que, en 2019, foi galardoada co 'Reconocimiento al compromiso mostrado por lograr una sociedad libre de violencia contra las mujeres' entregado polo Ministerio de Igualdad e o Gobierno de España.

Nos últimos catro anos impartiu máis de 350 conferencias, charlas e obradoiros por toda España e tamén en Latinoamérica e Europa.

O Grupo de Igualdade trae "Diversidade sen atrancos"

 

DIVERSIDADE SEN ATRANCOS A SANGRIÑA

O Centro de Información á Muller do Concello da Guarda, na súa programación de outono, puxo en marcha en colaboración co Grupo de Igualdade do IES A Sangriña o proxecto Diversidade sen atrancos, coa finalidade de promover o uso da nosa lingua con accións que activen a concienciación do respecto á diversidade e á diferenza, subvencionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Este proxecto componse de dúas actividades, por unha banda temos unha proposta cultural, dirixida ao público en xeral e por outra, uns obradoiros que levan por título quen é quen? dirixidos ao alumnado de Formación Profesional e da ESO, onde se aprenden as diferentes identidades de xénero e as orientacións do desexo. O obxectivo é fomentar a comprensión, o respecto e a empatía cara a diversidade creando un espazo seguro onde o alumnado poida dialogar sobre estes temas de maneira aberta e libre de prexuízos.

O día 4 de outubro realizouse tamén a representación teatral de Brokeback Sabucedo, que tivo lugar no Centro cultural da Guarda.

Deseñando unha mellor Educación Sexual

Educación Sexual IES A SANGRIÑA

Esta semana, os diferentes grupos de 1º de ESO e de 1º de Bacharelato, realizarán candanseu obradoiro de educación sexual, impartido por Sabela Salgueiro (traballadora social especializada en Educación Sexual Integral e Violencias Sexuais).

Os obxectivos para 1º de ESO son os seguintes:

  • Fomentar o desenvolvemento da identidade corporal.
  • Recoñecer a sexualidade como coñecemento social.
  • Analizar o contexto patriarcal e as súas consecuencias (estereotipos de xénero, sexismo e violencia).
  • Desmitificar o amor romántico.
  • Recoñecer relacións interpersoais non saudables e fomentar a comunicación efectiva.

Os obxectivos para o alumnado 1º de Bacharelato son:

  • Fomentar actitudes positivas cara a diversidade sexual.
  • Garantir o coñecemento do que é unha boa saúde sexual para promover a eliminación de comportamentos de risco.
Distribuir contido


by Dr. Radut