Skip to Content

Dinamización da Biblioteca

"As alumnas" visítannos da man de Paula Carballeira

Paula Carballeira IES A Sangriña

O pasado martes día 30 de abril visitou o noso centro a escritora Paula Carballeira. Pero a súa visita xa comezara previamente, a pasada semana, cando "As alumnas" se meteu nas nosas aulas a través dunha serie de lecturas dramatizadas en 1º de Bacharelato nas que participaron os departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá. Esta obra, Premio Nacional de Literatura Dramática e Premio Follas Novas 2023 á mellor Obra de Teatro, foi o eixo sobre o que xirou esta actividade organizada pola Bibliotrega Magdalena Garabatos.

  • "As alumnas" foi escrita a partir dunha proposta de Fran Rei como representante de Culturactiva. Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Así, a memoria, as lembranzas que se van desenvolvendo neste xogo de persoas adultas que é o teatro, fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino.

Paula Carballeira (Maniños, Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía e cun curso de Especialización en Arte Dramática, narradora oral profesional desde 1994, actriz, directora e escritora. Candidata dous anos consecutivos ao Astrid Lindgren Memorial Award, ten unha ampla produción literaria en narrativa e teatro, aínda que tamén escribe poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas. Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como dramaturga recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023 por "As alumnas", publicado en Editorial Galaxia, onde tamén publicou "Daniel no peirao" (2023), un texto de teatro infantil arredor dun episodio da infancia de Castelao, ademais de "Nunca mascotas" (2016), "O lobishome de Candeán" (2012) e "As outras historias" (2011), entre outros.

Nota biográfica da autora na páxina web da Editorial Galaxia. Para consultar a información completa dos seus libro, preme aquí.

Mario Obrero: luz, poesía e xuventude no IES A Sangriña

Mario Obrero no IES A SANGRIÑA

Visitounos onte Mario Obrero, poeta de vulto con tan só 20 anos. Estudante de filoloxía hispánica na complutense e viaxeiro de diferentes universidades europeas (entre elas a Sorbona de París). Carpintería de armónicos, o seu primeiro poemario publicado naceulle aos 14 anos e en Cerezas sobre la muerte a poesía e as artes plásticas contrúense sen prexuízos nas distintas linguas oficiais do Estado; euskera, asturianu, castellano, català e galego. Traballador incansábel pola memoria histórica e colaborador en TVE e Radio Nacional de España, Mario conversou abertamente cun noso alumnado que o admira, o segue e o devora.

Literatura, cultura, poesía, memoria, dignidade, ilusión, luz e felicidade atravesáronsenos nas palabras na nosa convivencia cun visitante moi especial. A rapazada gozouno profundamente (só hai que ver as fotos) e polo tanto, moitas grazas Mario.

Lemos, recitamos e xogamos nunha nova dimensión

Anxo Iglesias A Sangriña

O pasado luns, 11 de marzo, tivemos o pracer de recibir no noso centro a visita de Anxo Iglesias, gañador do Premio Merlín 2022 polo seu poemario Unha nova dimensión.

O alumnado de 1º da ESO tivo a oportunidade de coñecer as historias que se agochan detrás dalgúns dos poemas do seu libro. Foi unha experiencia estimulante na que tivemos ocasión de afondar no mundo, ás veces complexo, da poesía de xeito lúdico e dinámico, aínda que tamén houbo tempo para as emocións. A poesía como terapia, como experimentación e como nova forma de relacionarse coa realidade, son só algunhas das ensinanzas que levamos connosco despois do seu paso pola Sangriña.

Ademais, tamén puidemos escoitar as creacións do propio alumnado do centro que puxo as “lentes de poeta” durante unhas horas para descubrir que se pode ver o mudo desde unha óptica diferente e crear, como dixo o noso autor, “novas dimensións” máis fermosas e positivas. 

Moitas grazas, Anxo, pola túa presenza no centro. Esperamos poder contar contigo en vindeiras ocasións!

Asalto poético rosaliano

Día de Rosalía Sangriña 2024

Hoxe foi 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Para celebralo, a grande poeta galega enviou polas aulas e gabinetes do IES A Sangriña un comando de asaltantes poéticxs que marabillou a todxs xs que tivemos a sorte de gozar coa súa arte. Esta fotografía é da súa intervención na xefatura de estudos. Grazas por nos regalar esta mañá de poesía rosaliana en galego.

Distribuir contido


by Dr. Radut