Skip to Content

Lingua Galega e Literatura

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Regueifando na Sangriña con Branca Trigo

Regueifa Branca Trigo IES A Sangriña

O noso alumnado de 2º de ESO participou esta semana nun obradoiro de regueifas organizado polo departamento de Lingua Galega e Literatura que foi conducido pola poeta Branca Trigo.

Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) é escritora e editora. Codirixe Malafera, un selo independente especializado en poesía. Con esta editorial publicou o poemario Coñecemento do Medo en 2021, así como os fanzines Sagrado corazón de Бáба Ягá (2022), Ω (2023) e O ser e o nervio (2023). O libro Condolore, viu a luz no ano 2022 coa editora Urutau. Creou xunto con Pablo Rodríguez a peza sobre poesía e videoxogo Poetry Sniping: Simulacro, e realiza con Ramón Trigo intervencións que fan converxer a poesía e a pintura en vivo. En 2024 saiu do prelo o seu terceiro poemario, trans0.

Para ler a ficha completa de Blanca Trigo na páxina da Asociación de Escritores en Lingua galega preme aquí.

Festival das Letras Galegas 2024

web festival das letras 24

No IES A Sangriña imos celebrar o Día das Letras Galegas dunha maneira moi moi especial. Na mañá do día 16 de maio gozaremos dun grande festival de música no que estarán en concerto The Tetas’ Van e MJ Pérez. Esta actividade organízase en colaboración co Concello da Guarda e con financiamento da Deputación de Pontevedra.

The Tetas’ Van xuntouse por primeira vez no 2011 para participar nun concurso poñendo música a un poema de Ricardo Carvalho Calero, gañando o premio do público con Luisa Sorriso. Dende entón levan tocando por toda Galicia. Fan versións de clásicos do rock and roll, en inglés e en galego, reivindicando o papel da muller na escena galega.

MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 150 concertos por toda Galicia e tamén Portugal. Suma xa catro álbums: un autoeditado e outros tres auto-producidos. Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia.

Nas seguintes ligazóns podes escoitar un dos seus fantásticos temas:

"As alumnas" visítannos da man de Paula Carballeira

Paula Carballeira IES A Sangriña

O pasado martes día 30 de abril visitou o noso centro a escritora Paula Carballeira. Pero a súa visita xa comezara previamente, a pasada semana, cando "As alumnas" se meteu nas nosas aulas a través dunha serie de lecturas dramatizadas en 1º de Bacharelato nas que participaron os departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá. Esta obra, Premio Nacional de Literatura Dramática e Premio Follas Novas 2023 á mellor Obra de Teatro, foi o eixo sobre o que xirou esta actividade organizada pola Bibliotrega Magdalena Garabatos.

  • "As alumnas" foi escrita a partir dunha proposta de Fran Rei como representante de Culturactiva. Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Así, a memoria, as lembranzas que se van desenvolvendo neste xogo de persoas adultas que é o teatro, fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino.

Paula Carballeira (Maniños, Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía e cun curso de Especialización en Arte Dramática, narradora oral profesional desde 1994, actriz, directora e escritora. Candidata dous anos consecutivos ao Astrid Lindgren Memorial Award, ten unha ampla produción literaria en narrativa e teatro, aínda que tamén escribe poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas. Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como dramaturga recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023 por "As alumnas", publicado en Editorial Galaxia, onde tamén publicou "Daniel no peirao" (2023), un texto de teatro infantil arredor dun episodio da infancia de Castelao, ademais de "Nunca mascotas" (2016), "O lobishome de Candeán" (2012) e "As outras historias" (2011), entre outros.

Nota biográfica da autora na páxina web da Editorial Galaxia. Para consultar a información completa dos seus libro, preme aquí.

María Reimondez fala con nós sobre "Corredora" e "Cobiza"

María Reimondez IES A SANGRIÑA

O pasado luns día 29 de abril visitou o noso centro a escritora María Reimóndez para conversar co noso alumnado de 1º de ESO e de 1º de Bacharelato, que neste ano académico leron dous dos seus libros, "Corredora" e "Cobiza".

  • En "Corredora", cóntasenos ahistoria de Genet Mullugueta, que naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba.
  • "Cobiza" é unha apaixonante novela de ciencia ficción feminista que foi merecedora do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero organizado polo Concello de Pontevedra e Xerais. Forma parte dunha triloxía da que, en 2023, saiu xa a segunda parte "Multitudes".

María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. Conta cunha ampla lista de títulos, dende a poesía ao ensaio, pasando pola narrativa. Como poeta destaca "Galicia en bus" (2018), co que gañou o Premio de Poesía Johán Carballeira, e en ensaio, a obra "Feminismos" (2013), en coautoría con Olga Castro, E "A casa do amo" (Xerais, 2024). Como narradora para o público mozo destacan "Usha" (2006); "Corredora" (2017); "Fóra do normal" (2018), Premio Agustín Fernández Paz; "A formiga destemida" (2020), "Bárbaras!" (2021) e "Furia", Premio Jules Verne 2023. Para persoas adultas, "O club da calceta" (2006), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés e adaptada á escena e ao cine ou as novelas do Ciclo dos Elementos: "En vías de extinción" (2012); "Dende o conflito" (2014), Premio Xerais de Novela; "A música dos seres vivos" (2015); "As cousas que non queremos oír" (2017) e "As estacións do lobo" (2019). Na colección Milmanda publicou "Cobiza" (2021), I Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero e "Multitudes" (2023).

Nota biográfica da autora na páxina web de Edicións Xerais. Para consultar a información completa dos seus libros, preme aquí.

Distribuir contido


by Dr. Radut