Skip to Content

Lingua Galega e Literatura

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Fomos ver "O corno" e visitamos "Vigo no tempo"

 Sangriña O corno Vigo

O alumnado de 1⁰ de Bacharelato realizou hoxe unha viaxe académica á cidade de Vigo para asistir ao filme "O corno" e realizar unha visita guiada á exposición "Vigo no tempo" na sede de Afundación (de Abanca).

O CORNO é un filme galego, dirixido por Jaione Camborda, que vén de ser recentemente premiado no prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Este drama ambiéntase na Illa de Arousa, no ano 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

VIGO NO TEMPO é a quinta das exposicións que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, 'Cidades no tempo', que inclúe unha exposición en cada unha das sete principais cidades galegas. Despois de Santiago, Ferrol, Lugo e A Coruña, a proposta continúa a súa andaina en Vigo co obxectivo de recuperar a cultura urbana como compoñente fundamental da identidade de Galicia. Pode visitarse na Sede de Afundación de Vigo ata o 20 de xaneiro de 2024.

Fomos á Casa de Rosalía de Castro e a Pontevedra

visita pontevedra e rosalía de castro

O alumnado de 3º de ESO realizou, onte día 20 de decembro, unha excursión educativa á Casa Museo de Rosalía de Castro e á cidade de Pontevedra organizada polo departamento de Lingua Galega e Literatura.

Na viaxe, subvencionada con fondos que o departamento conseguiu da Deputación de Pontevedra, o alumnado puido coñecer a Casa da Matanza, sé do Padroado Rosalía de Castro, que está dedicada ao estudo e divulgación da figura da autora de Cantares Gallegos e Follas Novas, icono da cultura galega desde o Rexurdimento.

Posteriormente, os estudantes desprazáronse á cidade de Pontevedra, onde gozaron de pasear polas súas rúas e visitaron o Museo Provincial. Nesta institución realizaron unha visita guiada, con especial atención á obra de Castelao.

O APALPADOR - III Concurso de Debuxo de Nadal

Concurso de debuxo de nadal o apalpador ies a sangriña

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega  quere que, un ano máis, o alumnado da Sangriña celebre o Nadal da maneira máis artística. Para iso, convocamos un concurso para que debuxedes ao Apalpador ou á Apalpadora, personaxes protagonistas do Nadal galego.

O premio  consistirá nun vale de 30€ en material de debuxo, libros ou material escolar.

Os orixinais deberán enviarse por correo electrónico, antes do 12 de xaneiro, a asangrinha.edlg@gmail.com

O EDLG promove o cinema en galego

Cinema en galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES A Sangriña está a levar a cabo unha campaña de promoción de filmes aos que o alumnado pode acceder no noso idioma en diferentes plataformas como Netflix, Amazon Prime, RTVE Play, Filmin ou a propia web da TVG.

Os filmes están a ser divulgados cun grande mural ubicado no vestíbulo do centro onde se penduran carteis de elaboración propia que inclúen unha imaxe da película e unha breve sinopse. Ademais, estes mesmos materiais están a ser difundidos diariamente nas redes sociais do EDLG (tedes a ligazón ao Instagram nunha icona na marxe dereita desta web).

Boa parte dos contidos poden localizarse tamén na web https://pipocas.amesa.gal da Mesa pola Normalización Lingüística, repositorio que vos convidamos a visitar.

Distribuir contido


by Dr. Radut