O Centro de Información á Muller do Concello da Guarda, na súa programación de outono, puxo en marcha en colaboración co Grupo de Igualdade do IES A Sangriña o proxecto Diversidade sen atrancos, coa finalidade de promover o uso da nosa lingua con accións que activen a concienciación do respecto á diversidade e á diferenza, subvencionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Este proxecto componse de dúas actividades, por unha banda temos unha proposta cultural, dirixida ao público en xeral e por outra, uns obradoiros que levan por título quen é quen? dirixidos ao alumnado de Formación Profesional e da ESO, onde se aprenden as diferentes identidades de xénero e as orientacións do desexo. O obxectivo é fomentar a comprensión, o respecto e a empatía cara a diversidade creando un espazo seguro onde o alumnado poida dialogar sobre estes temas de maneira aberta e libre de prexuízos.
O día 4 de outubro realizouse tamén a representación teatral de Brokeback Sabucedo, que tivo lugar no Centro cultural da Guarda.