Skip to Content

Relato e fotos da nosa viaxe ao 25 de abril

Visita 25 abril Portugal IES A Sangriña

Entre os pasados días 24 e 28 de abril, o departamento de Portugués programou unha das súas grandes viaxes deste curso. O alumnado de 1º de Bacharelato de Lingua Portuguesa desprazouse a Lisboa para participar nos actos conmemorativos do 50 aniversario do 25 de abril. Gozamos do espectáculo de luz e cores na Praça do Comércio, presenciamos o desfile do exército (cos capitáns de abril a empregar material da época), cantamos o Grândola a meia noite no Largo do Carmo e participamos no desfile/manifestación  na Avenida da Liberdade.

Ademais, visitamos algúns dos atractivos turísticos máis importantes de Lisboa, como o Panteão Nacional, o Mosteiro dos Jerónimos, a Torre de Belém ou o Estadio dos Belenenses. Chegamos até a visitar o subsolo da cidade, entrando no Reservatório da Patrialcal e na Galeria do Loreto. Durante a nosa visita, prestamos tamén moita atención, aos vestixios da presenza de emigrantes galegos/as en Lisboa e deleitámonos con comidas tradicionais de diferentes países lusófonos, pois comemos en restaurantes caboverdianos, brasileiros e mozambicanos e degustamos os deliciosos pastéis de Belém. 

O Quake, simulador do terremoto de Lisboa, fixo as delicias da rapazada e a viagem complementouse coa visita á praia de Parede, en Cascais, e á cidade do Barreiro, na marxe sur do río Douro.

A continuación, publicamos en pdf algunhas fotografías desta viaxe:

María Reimondez fala con nós sobre "Corredora" e "Cobiza"

María Reimondez IES A SANGRIÑA

O pasado luns día 29 de abril visitou o noso centro a escritora María Reimóndez para conversar co noso alumnado de 1º de ESO e de 1º de Bacharelato, que neste ano académico leron dous dos seus libros, "Corredora" e "Cobiza".

  • En "Corredora", cóntasenos ahistoria de Genet Mullugueta, que naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba.
  • "Cobiza" é unha apaixonante novela de ciencia ficción feminista que foi merecedora do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero organizado polo Concello de Pontevedra e Xerais. Forma parte dunha triloxía da que, en 2023, saiu xa a segunda parte "Multitudes".

María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. Conta cunha ampla lista de títulos, dende a poesía ao ensaio, pasando pola narrativa. Como poeta destaca "Galicia en bus" (2018), co que gañou o Premio de Poesía Johán Carballeira, e en ensaio, a obra "Feminismos" (2013), en coautoría con Olga Castro, E "A casa do amo" (Xerais, 2024). Como narradora para o público mozo destacan "Usha" (2006); "Corredora" (2017); "Fóra do normal" (2018), Premio Agustín Fernández Paz; "A formiga destemida" (2020), "Bárbaras!" (2021) e "Furia", Premio Jules Verne 2023. Para persoas adultas, "O club da calceta" (2006), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés e adaptada á escena e ao cine ou as novelas do Ciclo dos Elementos: "En vías de extinción" (2012); "Dende o conflito" (2014), Premio Xerais de Novela; "A música dos seres vivos" (2015); "As cousas que non queremos oír" (2017) e "As estacións do lobo" (2019). Na colección Milmanda publicou "Cobiza" (2021), I Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero e "Multitudes" (2023).

Nota biográfica da autora na páxina web de Edicións Xerais. Para consultar a información completa dos seus libros, preme aquí.

O IES A Sangriña recibe mensaxes procedentes doutros mundos

portugues sangriña

O alumnado de portugués do IES A Sangriña tivo a honra de recibir unha “misión especial” procedente do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Ambos os centros realizarán contactos entre eles con escolas doutras latitudes (Cabo Verde, Brasil, Timor Leste, Portugal...), co obxectivo de estabelecer un primeiro contacto. As caixas van cheas de mensaxes e obxectos en que os/as estudantes mostran aquilo que consideran máis representativo dos seus lugares de orixe, da maneira en que o fixo a NASA coa súa sonda Pioneer 10. De Guitiriz obtivemos un exemplar da revista da Asociación Xermolos, adhesivos e marcadores feitos polo propio alumnado cos logotipos do Clube da Capivara e unha camiseta oficial do Clube. 

O galego continúa a levarnos lonxe!

O alumnado do IES A Sangriña chega á Spring Week

Spring Week IES A Sangriña

Unha delegación do alumnado de 2º de ESO do IES A Sangriña xa está na Spring Week, unha estancia lingüística organizada pola Xunta de Galicia para que estudantes de centros públicos e concertados practiquen inglés durante unha semana. A actividade realízase en réxime de internado en Mondaiz e os rapaces e rapazas verán estimulada a práctica oral da lingua inglesa en contextos educativos máis amplos que o secolar. 

A Xunta indica que a metodoloxía desta actividade será "activa, lúdica e cooperativa e favorecerá unha aprendizaxe significativa por parte do alumnado". As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental.

Premios Extraordinarios de Bacharelato

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicitar os Premios Extraordinarios de Bacharelato na súa convocatoria de 2023-2024.

Estes premios están dirixidos ao lumnado que finalice os estudos de bacharelato no curso 2023/24 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia cunha nota media no bacharelato igual ou superior a 8,75.

  • Podedes consultar un resumo da información da convocatoria na seguinte ligazón.
  • Podedes consultar a Orde completa da convocatoria na seguinte ligazón.
  • Podedes acceder á web para presentar a vosa candidaturae ligazón.

Visitamos VEPERSA e COPERVI

VISITA ÁS EMPRESAS VEPERSA E COPERVI EN VIGO

O pasado xoves día 25, alumnado de Administración (1ºCSADG01 e 2ºCMADG01) e automoción (1ºCMTMV02 E 2º CBTMV11), puideron visitar as empresas Vepersa e Copervi na cidade de Vigo, concesionarios Audi e Seat-Volkswagen, ambos pertencentes ao grupo Pérez Rumbao, empresa galega líder do sector da automoción en Galicia.

Da man do Director Xerente de Vepersa, D. José Fiel,  tiveron a oportunidade de visitar as instalacións de esta empresa de referencia no sector da automoción. Ao longo da visita faláronlles do seu posicionamento dentro do tecido industrial, organización da actividade, funcionamento e claves de éxito, así como da demanda,  os últimos avances no sector e da importancia de contar cun capital humano (os traballadores) moi profesionalizado e implicado co seu traballo.

Como actividade do programa  EduTecEmprende da Xunta de Galicia, foi esta unha estupenda oportunidade de coñecer de primeira man unha das empresas punteiras da nosa autonomía, 

Grazas  ao persoal da empresa que acompañou o noso alumnado na visita con total entrega e  amabilidade, e grazas tamén ao alumnado pola súa participación e interese.

Adestramos “tiro olímpico” en modalidade carabina e pistola

 Tiro Olímpico IES A SANGRIÑA

A pasada semana o adestrador autonómico de "tiro olímpico" Enrique Otero impartiu no noso centro unhas sesións das modalidades de carabina e pistola. Nelas, os rapaces e rapazas puideron coñecer a importancia da concentración e do control postural para o desenvolvemento deste tipo de prácticas deportivas. Ademais, a actividade centrouse en que o alumnado puidese aproximarse ao mundo das armas desde un punto de vista distinto ao da caza ou aos estereotipos que se transmiten no cine.

Moitas grazas Enrique pola túa amábel colaboración.

Concurso de foto-disfraces do Día do Libro

consurso disfraces dia libro sangriña

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Bibliotrega do Miño convídanvos a participar no Concurso foto+disfraz+literario que conmemora do Día do Libro de 2024 (23 de abril).

Para participar só tes que enviarnos unha foto cun disfraz (individal ou en grupo) feito na casa e inspirado nunha obra literaria. Para que sexa máis recoñecible, podes engadir unha frase célebre en galego do libro (que non sexa o título).

O premio serán dous vales de 30 € para comprar no comercio local.

Envía a túa foto a: asangrinha.edlg@gmail.com antes do día 6 de maio.

Concurso de fotografía conmemora o "Dia mundial da língua portuguesa"

Concurso de fotografía Lingua Portuguesa A Sangriña

O Departamento de Portugués e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES A Sangriña convocan un ano máis o concurso de fotografía "A lusofonia vista desde a Guarda", co que se conmemora no centro o Dia mundial da língua portuguesa.

A continuación, publicamos as bases dun concurso que está aberto a todo o alumnado do centro, e non só para aquel que estuda portugués como 1ª ou 2ª lingua.

BASES DO CONCURSO:

1) Tira uma fotografia de portugal desde a nossa margem do minho ou utiliza uma já feita em alguma das tuas viagens ao país vizinho.

2) Cria um texto poético ou informativo em português (15-50 palavras) relacionado com a imagem e combina-os da maneira mais artística possível. 

3) Envia o resultado a asangrinha.edlg@gmail.com (até 5 de maio).

4) Ganha um prémio.

Listaxes provisionais de alumnado seleccionado para AXUDASLE

axudasle ies a sangriña

Publicadas as listaxes provisionais de alumnado seleccionado e suplente e a listaxe de solicitudes que precisan remisión de documentación relacionada coas comprobacións segundo o establecido no artigo 8.1 (apartados c,d,e,f), segundo o establecido no artigo 16.3 da Orde do 29 de xaneiro de 2024 pola que se convocan axudas para a realización de actividades formativas en linguas estranxeiras no ano 2024, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG do 12/02/24).

Ábrese un prazo de 10 días hábiles a partir de hoxe (fin de prazo 8 de maio), para que as persoas solicitantes que figuran na listaxe de solicitudes que precisan de remisión de documentación fagan entrega da documentación que se lle require, que poderá consultar a través do menú "3.Estado Solicitude" da páxina web do programa.  

Deberase presentar a documentación que se require, acompañando a mesma coa instancia que se atopa pinchando aquí: Instancia para completar documentación

O estado das solicitudes irá variando periódicamente, segundo se comprobe a documentación achegada. As listaxes publicadas no día de hoxe non variarán, aínda que cambie o estado da súa solicitude (comprobando a través do menú "3.Estado solicitude").

Para máis información preme nesta ligazón.

Distribuir contido


by Dr. Radut