Skip to Content

2018/19

Charla de Coordinación Autonómica de Transplantes

Geny, Lola e Marta

O alumnado de 2bach tivo unha charla, o martes 29 de xaneiro de 2019, organizada pola Coordinación Autonómica de Transplantes. Marta Álvarez Vázquez, enfermeira especializada nesa área explicoulle ao alumnado toda parte "técnica" que rodea aos transplantes, ámbito no que España é referencia mundial.

Tamén adentrouse nos aspectos sociais, culturais e psicolóxicos que rodean a este acto que non é só un acto médico, senón un acto de xenerosidade e soliedariedade.

Lola e Geny, dúas mulleres que tiveron que recibir un transplante relataron como foi que chegaron a necesitar un órgano novo, como foi a recuperación da intervención e como é o seu día a día hoxe.

Visita aos ciclos formativos do CIFP Politécnico de Conxo e do CIFP Compostela

O día 29 de xaneiro participamos cos alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato na xornada de portas abertas do CIFP Politécnico de Conxo e do CIFP Compostela de Santiago de Compostela.

O obxectivo desta visita foi:

  • Información sobre as diferentes familias profesionais que se imparten nos dous centros  tanto do sistema LOE como LOMCE
  • Acceso aos ciclos medios e superiores
  • Viveiro de empresas
  • Proxectos de FP Dual.

A visita foi coordinada por Vicedirección e Departamento de Orientación. Acompañaron aos alumnos e alumnas Mª José – coidadora do centro , Elisa e Cruz – membros do Departamento de Orientación.

Os alumnos e alumnas desfrutaron dunha sesión moi interesante que rematou cunha comida no CIFP Compostela , servida polos alumnos e alumnas do primeiro curso de FP de Grao Medio do ciclo de cociña e restauración.

Conferencia "Érase unha vez a Matemática Industrial"

Enmarcada dentro das actividades do STEMBach, o alumnado de 1.º de bacharelato asistiu o 24 de xaneiro á conferencia "Érase unha vez a Matemática Industrial" impartida pola profesora do departamento de Matemática Aplicada da USC María Elena Vázquez Cendón, esta profesora tamén é membro do Instituto Tecnolóxico en Matemática Industrial (ITMATI), do Instituto de Matemáticas (IMAT) e do Consello da Cultura Galega, ademáis de ser a actual decana da Facultade de Matemáticas. 

Charla Eduemprende

O xoves 24 de xaneiro tivo lugar no IES a charla Eduemprende dirixida ao alumnado que cursa economía, de 4º ESO, 1º e 2º BACH, que forma parte do programa do Plan Eduemprende da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Na primeira parte María Traveso, representante do IGAPE, falou da posibilidade de que nun futuro o alumnado crease a súa propia empresa, a partires dunha idea, e do asesoramento, viveiros, e axudas económicas ao seu alcance no IGAPE.

Na segunda parte foi Maite Vence, quen lles relatou a súa experiencia como creadora de OBSERVER Turismo Científico, unha spin off da USC moi innovadora en proceso de expansión.

O finalizar os alumnos participaron preguntando dúbidas e ampliando a información.

Visita ao CITIUS

O alumnado do STEMBach visitou o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) o día 23 de xaneiro. Recibiunos amablemente persoal do centro que nos acompañou á sala onde nos fixeron unha breve reseña do que é o CITIUS, a continuación as persoas encargadas de varios proxectos indicáronos en que consistía cada un deles: 

  • CAREBOT: Unidades Robóticas Intelixentes para a actividade asistencial ambulatoria.
  • ZFTool - Cuantificación da proliferación de células canceríxenas en peixe cebra.
  • DentiusBiofilm - Toolbox de Matlab para calcular a vitalidade bacteriana en biofilm oral in situ.
  • ATRIO-USC: Análise de textos e recuperación de información para minaría de opinións: recuperación de información e aprendizaxe automática
  • TLIX: Rede de tecnoloxías LiDAR e información xeoespacial

Encontro con Andrés Súarez: a voz galega en Madrid

O pasado martes 22 de xaneiro tivemos o privilexio de ter unha charla ou coloquio cun dos músicos máis relevantes do panorama actual: o ferrolán Andrés Suárez. Na conversa que mantivo co alumnado falounos da súa música, da súa maneira de compoñer, da súa opinión sobre os programas de televisión como OT ou sobre o feito de que a xente menor de idade non poida asistir a moitos dos seus concertos. Acto moi fermoso e único que lembraremos tempo. Deixámosvos unhas fotos:

Pódense ver máis fotos na seguinte ligazón Fotos

Concerto didáctico. Electronic kontainer

O martes 22 de xaneiro o alumnado de 3.º de ESO asistiu a un concerto de Electronik kontainer, que interpretan música electroacústica con medios audiovisuais. É un proxecto que xurde da necesidade de divulgar a cultura musical a través dunha das disciplinas máis atractivas e fascinantes como é o mundo da percusión.

Visita a laboratorios de investigación da UDC en Ferrol

O día 21 de xaneiro o alumnado de STEM Bach do I.E.S. Arcebispo Xelmírez II de Santiago visitou o Campus da UDC en Ferrol (Esteiro) no que se atopan as instalacións da Escola Politécnica Superior (con titulacións como Enxeñeiría Industrial e Enxeñeiría Naval), o Centro de Investigacións Tecnolóxicas, a Facultade de Humanidades e a Facultade de Enfermeiría e Podoloxía, entre outras. Estas instalacións foron construídas en parte nas antigas construcións do Hospital da Mariña.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

VI Olimpiada Filosófica de Galicia

 

Parabéns para o alumnado de 3º e 4º da ESO e dos dous cursos do Bacharelato que ven de participar, o pasado 18 de xaneiro, na VI Olimpiada Filosófica de Galicia.  A fotografía foi tomada  despois de realizar a proba presencial das modalidades de disertación e dilema sobre o tema da presente edición: "Realidade e apariencia no mundo actual". Voltaremos o 14 de marzo para asistir á defensa dos traballos finalistas. A bo seguro que as nosas alumnas e alumnos non han ser únicamente expectadores. Orgullosas de todos eles por ter descuberto no exercicio libre do pensamento crítico, máis alá da obriga escolar, un atractivo desafío. Ademáis pasámolo ben.

Visita ao CIMUS do alumnado de Bioloxía e Psicoloxía de 2BACH

O xoves 17 de xaneiro o alumnado de Bioloxía e Psicoloxía tivo a inmensa sorte de facer unha visita guiada a tres laboratorios do CIMUS: ao do grupo de investigación Innopharma (dirixido por Ángel Carracedo e Mabel Loza), da man do Dr. Daniel Torrecilla, ao do grupo de investigación Genomics and Bioinformatics (dirixido por Ángel Carracedo, e no apartado de investigación en Psicoloxía por Montse Prieto), da man da graduada en Psicoloxía e doutoranda María Tubío, e ao do grupo de investigación Molecular Metabolism (dirixido por Rubén Nogueiras) da man do licenciado en Bioloxía e doctorando Marcos Fernández (que cursou estudos no Xelmírez II, todo un orgullo para nós) e a Dra. Cintia Folgueira.

Conferencia de astronomía. Estrelas, nebulosas, cúmulos e galaxias

O mércores 16 de xaneiro visitou o noso centro Pedro Pablo Campo, investigador do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago e membro do programa TodoCosmos, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)

Pedro Pablo Campo é graduado en Matemáticas pola USC, e actualmente está a desenvolver a súa tese doutoral, ademais de participar en investigacións e publicacións científicas, así como en actividades de observación e divulgación relacionadas coa astronomía.

Festival e concurso de postais de Nadal de 2018

O día 21 de decembro de 2018 celebrouse o festival de nadal na aula de usos múltiples do instituto. 

Carmela Cobo, do departamento de música, dirixiu o festival e o concurso de postais conseguindo unha gran participación do alumnado e do profesorado que, con gran esforzo dende outubro, durante os recreos, asistiron para ensaiar.

Colaboraron: Antonio Ferreira (departamento de tecnoloxía) como técnico de son e confeción da estructura da árbore de Nadal co fin de adornar a sala de usos múltiples. Sara Fernández (do departamento de francés), que se ocupou das gravacións das diferentes actuación musicais. Ana Manteiga (departamento de inglés), quen participou en baile galego, así como os profesores do departamento de física, Marcos e José Luis, que actuaron en coro, baile e instrumentos. Tamén o apoio incondicional do equipo directivo e do alumno Sergio Rouco Quintáns de 2º BACH que axudou en temas informáticos.

1.º ESO

Cuarta Xusta: querémonos libres

O pasado 20 de decembro tivemos a oportunidade de escoitar no centro a un dos grupos revelación do pasado ano: Cuarta Xusta. Un grupo formado por 4 mozas e un mozo de Agolada, Antas de Ulla e Melide que sacaron un disco ao mercado e que levaron o seu ritmo por todos os recantos do país. E nesta ocasión chegaron ao noso centro. Un pracer.

Charla para o alumnado de Psicoloxía: "Nuevas opciones de tratamiento para pacientes con dolor crónico"

 

18 de decembro de 2018. Biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez II.

 

A psicóloga e doutoranda Noelia Samartín explicou ao alumnado da materia de Psicoloxía (2BACH), con moita claridade, en que consiste a fibromialxia, como esta provoca unha dor crónica (ademais doutras consecuencias que inflúen negativamente no benestar físico e psíquico das persoas afectadas ela), en que consiste a investigación que está a levar a cabo baixo a supervisión da profesora Maite Carrillo (xefa do equipo de investigación que tamén estivo presente na charla facendo achegas na rolda de preguntas e diálogo) e en como podería afectar eito á vida de moitas persoas.

Inversa Teatro: "Sofía e as postsocráticas" 4ESO (Valores Éticos - Filosofía) / 2BACH (H. Filosofía - Psicoloxía)

O alumnado quedou moi satisfeito coa representación teatral que Inversa Teatro levou a cabo no "Salón Teatro" (Santiago de Compostela) o 13 de decembro de 2018. En xeral sentiuse polos temas tratados e pola forma en que foron tratados.

O diálogo que mantiveron as actrices despois da representación foi moi valorado polas alumnas e os alumnos, xa que con el puideron despexar moitas dúbidas e achegarse máis á concepción da obra (tanto dende o punto de vista da súa orixe, como da escritura do texto, como da súa relación coa actualidade ou das súas conexións con diferentes correntes filosóficas).

Queremos agradecer especialmente ás actrices o diálogo tan cercano e coidadoso que mantivo co alumnado ao terminar a representación. Moitas gracias por todo, pola representación e polo diálogo!

Distribuir contido


by Dr. Radut