Skip to Content

2018/19

Visita ao museo arqueolóxico da Terra Santa e a exposición Leonardo Da Vinci

O sábado 22 de xuño realizouse unha visita ao museo arqueolóxico da Terra Santa e a exposición Leonardo Da Vinci, aberta a toda a comunidade educativa: profesorado, persoal non docente, alumnado e familias.

Festa para rematar: DJ Suso Flores

E para rematar as actividades deste curso, estivo connosco Suso Flores un dos DJs máis reputados nas salas londinienses que fixo unha escapada para achegarse ata o noso centro. O compositor de Techno para meniños deixounos unha boa mostra da súa profesionalidade e do seu traballo nun set que preparou para a ocasión. Aquí unha foto xusto nos inicios.

Presentando a música de Vudú

O xoves 20 de xuño xa en plena recta final de curso tivemos a inmensa sorte de recibir no noso centro a Belém Tajes e Maritxinha, as dúas integrantes de Vudú. Grazas á colaboración da Fundación Paideia coñecemos o seu traballo musical baseado na tradición pero que tenta chegar a un público o máis diverso posible. Marabilla.
 

Mención especial no “IX Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos”

Un grupo de catro alumnos e alumnas de 2º da ESO do noso centro acaba de recibir unha MENCIÓN ESPECIAL no “IX Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos” organizado pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e Investigación de Operacións (SGAPEIO) na Categoría: 1º- 2º da ESO.

A nosa participación foi cun proxecto chamado: “Hai violencia ou acoso escolar no meu instituto?”

O martes 18 de xuño fomos á entrega de premios que tivo lugar na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC), onde disfrutamos da exposición dos traballos finalistas, dun pequeno ágape e compartimos sensacións cos demáis premiados.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Ligazón ao facebook de SGAPEIO

Coa lingua na BBC

O luns 19 de novembro de 2018 visitounos no centro a xornalista galega da BBC Inma Gil. Podedes recordalo aquí. E como auténtica activista galega en Londres, lanzoulle como reto ao alumnado de 1ºBACH a posibilidade de que incorporaramos subtítulos a algúns dos vídeos do proxecto BBC Ideas que coordina para o medio inglés. E velaquí vos deixamos a primeira mostra. Activádelle os subtítulos en galego e a desfrutar. Grazas Inma pola idea e grazas Ana e rapazada; agardamos poder ampliala.

Tres centros escolares de Trabada, O Bolo e Santiago gañan o concurso ‘Faite eco do lóxico’

CRAEGA

Estudantes de 1.º de ESO do noso centro obtiveron o premio da categoria de secundaria no concurso ‘Faite eco do lóxico’ organizado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), participaron co título Consome ecolóxico, no que relatan nun vídeo as características deste tipo de produto e o seu sistema de produción.

Enlace á páxina de CRAEGA

Simulación de excavación arqueolóxica no centro

O día 10 de xuño o alumnado de 1.º ESO realizou unha simulación dunha excavación arqueolóxica no centro.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

 

Un grupo de profesores/as lituanos visita o noso centro

O día 4 de xuño estivo no noso centro un grupo de profesores/as de ensino primario, secundario e superior de Lituania, o obxectivo da visita era coñecer a fase de prácticas do "Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas" que se desenvolve nos  centros de secundaria. Tamén aproveitaron para coñecer as instalacións e as distintas actividades que se desenvolven no centro, así como a estrutura do noso sistema educativo.

Árbore pitagórica - ΠΥƟATOPIKÓN ΔÉNAPON

O alumnado de 1º ESO traballou o teorema de Pitágoras construíndo unha árbore Pitagórica.

A Árbore de Pitágoras é un plano fractal construido a partires de cadrados inventado polo profesor Albert E. Bosman en 1942. Leva o nome do matemático grego Pitágoras xa que en cada unión de 3 cadrados, fórmase un triángulo rectángulo nunha configuración tradicional utilizada para representar o teorema de Pitágoras.

A construcción da árbore de Pitágoras comeza cun cadrado, sobre este cadrado constrúense dous cadrados, cada un reducido á metade do anterior de forma que as esquinas dos cadrados coincidan dous a dous.

Desta forma, vemos que o cadrado maior ten como área a suma das áreas dos dous cadrados pequenos, así que pódese ver claramente que: h² = a² + b²

Club de lectura: Artigos de investigación.

Durante o 2.º recreo dos mércores de novembro de 2018 a maio de 2019 o club de lectura realizou lecturas e comentarios en grupo de artigos sobre: Ötzi, o home de Hauslabjobch, o  mundo das momias e os mitos do cine, o interior das pirámides, o estudio da Atlántida a través da arqueoloxía, os celtas en Hispania, a muller e a infancia na arqueoloxía, mulleres na arqueoloxía (lectura dun artigo da conferenciante Celtia Rodríguez).

Obras Aula Maker

No presente curso o noso centro ten sido elixido coma un dos dez centros en toda Galicia en participar no proxecto “Aula Maker”, coa creación dun aula multidisciplinar enfocada ao desenvolvemento de proxectos nos que o alumnado deseñe, planifique e constrúa todo tipo de materiais e dispositivos. 

É o primeiro ano dun proxecto ambicioso que pretende xerar unha dinámica de traballo interdisciplinar baseado na filosofía “Maker”, ou “Faino tí mesmo”, unha das principais tendencias pedagóxicas do momento.

E como comenzo do proceso, este ano tocou reformar aulas, preparar e decorar o espazo, e montar todo o material co que está dotado o proxecto, de modo que quede dispoñible para a realización de proxectos por todo o alumnado.

Como parte da filosofía Maker, foron os propios alumnos e alumnas os encargados de levar a cabo partes do proxecto, pintando, montando, organizando e planificando. O espíritu Maker xa está impregnando o centro!

Visita ao Castro de Viladonga e a Lugo

O alumnado de 1.º ESO realizou o día 29 de maio unha visita ao Castro de Viladonga e a Lugo acompañado polos profeesores Pilar Tobar e Amancio Pampín. No Castro de Vilandonga tiveron ocasión de participar nun obradoiro de arqueoloxía sobre o terreo e en Lugo visitaron as escavación arqueolóxicas da cidade (templos, piscina) e deron un paseo pola súa muralla.
Lugo
Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos
 

Lanzamento da Cápsula Estratosférica MARUMASAT

O alumnado do club de ciencias e do StemBach asistiu, o día 28 de maio, ao lanzamento á estratosfera da cuarta sonda MarumaSat da Axencia Espacial Escolar Galega, NOSA

Marumasat

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Saída a Dombate, Borneiro e Anllóns

O alumnado de 1.º ESO realizou unha saída a Dombate, Borneiro e Anllóns o día 21 de maio acompañado polo profesor Amancio Pampín, ademais das visitas realizaron distintos obradoiros: excavación, música, moenda e arqueoloxía.

Visita a Dombate

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Aquel-e: A Galiza pop

Aínda non coñeces a Aquel-e? Pois a que agardades para facervos subscritores da súa canle de You Tube? Hoxe estivo con alumnado de 1BACH un dos youtubeiros do momento falándonos da súa Galiza, da Galiza pop, da Galiza posible. Que ben o pasamos e canto aprendemos.
Aquel-e
Distribuir contido


by Dr. Radut