SEÑOR DE LÓNGARAS

 Imaxe extraída do libro "Paxarada no mar da Arousa Norte: Momentos fotografados", de Amancio Losada

 "O SEÑOR DA ENSEADA DE RIANXO VIVE SOLITARIO DEBAIXO DAS ROCHAS DENDE HAI MOITOS ANOS COIDANDO ÁS AVES DA RÍA.
UNHA NOITE DE TEMPORAL MOI ESCURA  APARECERON NAS ROCHAS OITO CORVOS MARIÑOS MALFERIDOS E O SEÑOR DE LÓNGARAS COIDOUNOS VARIOS DÍAS ATA CURALOS.

OS CORVOS MARIÑOS AGRADECIDOS PREGUNTÁRONLLE AO SEÑOR DE LÓNGARAS QUE PODÍAN FACER POR EL.
- VISITÁDEME SEMPRE QUE POIDADES, VÓS E AS VOSAS AVES COMPAÑEIRAS, E CONTÁDEME HISTORIAS DE TODOS OS LUGARES POR ONDE VIAXADES. DÍXOLLES.

DA QUE MARCHARON, O SEÑOR DE LÓNGARAS LEVANTOU OITO PAUS PARA QUE PUIDERAN VOLVER E POUSAR NELES A DESCANSAR E DENDE ALÍ PUIDERAN CONTARLLE HISTORIAS DOS MARES AFASTADOS.
DÍA TRAS DÍA, CORVOS MARIÑOS PÓUSANSE NOS PAUS E CONVERSAN TRANQUILAMENTE CO SEÑOR DE LÓNGARAS.
CORVOS MARIÑOS E MÁIS.
A LÓNGARAS ACÉRCANSE A CONTAR HISTORIAS E TAMÉN A ESCOITALAS, O PEQUENO PICAPEIXE E O PEQUENO BILURICO BAILÓN; ACHEGAN TAMÉN  A  GARZOTA E O LAVANCO.
ESCOITAN ATENTAS OS CONTOS A GARZA REAL E A GABITA.
AQUÍ “CUCHICHEAN” AS GARZAS BOIERAS E POÑEN MÚSICA OS  MAZARICOS CHIADORES E OS BARULLENTOS VIRAPEDRAS.
EN LÓNGARAS FAI ATREVIDOS PICADOS O CARRÁN CRISTADO E GOZAN COMO GAIVOTAS AS PATIAMARELAS, AS REIDORAS, AS ESCURAS, O GAVIÓN, ... E O SEÑOR DE LÓNGARAS ESCOITA  SEMPRE AGRADECIDO.

 HOXE QUEDAN SÓ CINCO PAUS EN LÓNGARAS.

ESPEREMOS QUE NON NOS QUITEN NINGÚN MÁIS."

 AMANCIO LOSADA CREOU ESTE FERMOSO CONTO
E COMA SE CORVO MARIÑO, PICAPEXE OU LAVANCO FOSE
OFRECÉUNOLO A NÓS, PEQUENAS SEÑORAS E SEÑORES DE LÓNGARAS, ALÍ NA ENSEADA DE RIANXO.