Educación Primaria
2. EDUCACIÓN PRIMARIA
Criterios de avaliación
2.1. No terceiro trimestre do curso 2019-2020 o traballo do alumnado centrarase especialmente no desenvolvemento das actividades de recuperación, repaso, reforzo e afondarase nas aprendizaxes xa traballadas nos dous primeiros trimestres do curso, fomentando as rutinas de traballo e mantendo o hábito de estudo.
2.2. Os centros educativos flexibilizarán e adaptarán os criterios de avaliación previstos para cada curso, identificando e valorando especialmente as aprendizaxes máis relevantes e imprescindibles para a continuidade do proceso educativo, o reforzo e a consolidación das aprendizaxes realizadas nos dous primeiros trimestres do curso. Estes criterios de avaliación, que terán carácter diagnóstico e formativo, permitirán as adaptacións necesarias das programacións didácticas do seguinte curso 2020-2021, para incorporar aqueles obxectivos, contidos e aprendizaxes que, polas circunstancias especiais do terceiro trimestre, non fosen abordados.
Procedementos de avaliación
2.3. Os procedementos de avaliación adecuaranse ás adaptacións metodolóxicas realizadas durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020. Non obstante, daráselle prioridade á avaliación, atendendo ao seu carácter continuo e global, diagnóstico e formativo, a partir das avaliacións anteriores e as actividades desenvolvidas durante este período, sempre que iso favoreza ao alumno ou á alumna. En ningún caso, o alumnado poderá verse prexudicado polas dificultades derivadas do cambio de metodoloxía a distancia do terceiro trimestre.
2.4. Os centros poderán realizar actividades de avaliación do terceiro trimestre, que terán en todo caso carácter diagnóstico, polo mesmo mecanismo co que cada centro viñese comunicándose co seu alumnado no desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe desde a suspensión da actividade presencial.
Criterios de promoción
2.5. Flexibilizaranse de maneira excepcional durante o curso 2019-2020, os criterios de promoción en todos os cursos de Educación Primaria, sen ter en conta limitacións que afecten ao número de áreas pendentes. A avaliación do alumnado terá en conta o seu progreso no conxunto das áreas. A repetición considerarase unha medida de carácter excepcional.
2.6. A programación do curso 2020-2021 deberá adaptarse a estas circunstancias, adoptándose as medidas necesarias de atención á diversidade, individuais ou grupais, orientadas a responder ás necesidades educativas concretas dos alumnos e das alumnas e á consecución dos resultados de aprendizaxe vinculados ás aprendizaxes imprescindibles, que a situación excepcional do curso 2019-2020 lles dificultase adquirir.
2.7. O informe individual será de especial relevancia no caso dos alumnos e alumnas que cursasen sexto curso de Educación Primaria e que accederán á etapa de Educación Secundaria Obrigatoria. Terá carácter informativo e orientador, detallando aquelas aprendizaxes imprescindibles non adquiridas a causa das circunstancias do terceiro trimestre, e que deberán ser obxecto de tratamento durante o próximo curso escolar 2020-2021
- APIs de Blogue