RESUMO DO PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE INFANTIL DE PAZO

 

Estimadas familias,

O primeiro trimestre xa rematou. Foron uns meses moi intensos repletos de bos momentos, diversas anécdotas, experiencias, aprendizaxes, novos amigos e amigas, e sobre todo moitas risas, aínda que tamén algunha que outra bágoa.

Para facervos partícipes do que vivimos, e así achegarvos, un pouquiño máis, ao noso día a día, gustaríanos compartir convosco algúns deses intres.

 

Aínda que a día de hoxe xa nos coñecemos todos e todas, imos aproveitar para presentarnos e darvos a benvida, unha vez máis, á nosa aula, da que tamén formades parte indispensable.

 

 

     

 

 

Unha vez superado o mes de setembro, seguimos avanzando no trimestre, adquirindo pouco a pouco novos logros e obxectivos.

 

Así pois os nenos/as de 3 anos, coa axuda dos compañeiros/as de 4 anos iniciámonos na LECTOESCRITURA e descubrimos así ás nosas amigas as LETRAS, ás que fomos coñecendo, non só pola súa grafía, senón tamén polo seu son. Partindo sempre pois, de palabras significativas para todos/as nós como son por exemplo o noso propio nome e o nome dos nosos/as familiares e amigos/as máis próximos; os días da semana; os carteis da aula; ou os títulos dos contos...; levamos a cabo numerosas actividades entre as cales destacamos por exemplo: recoñecer a letra do inicio e a do final, identificar as letras iguais, contar o número de letras, representar a súa grafía, identificar as letras polo seu son, compoñer outras palabras partindo das letras iniciais... 

 

 

        

 

 

     

 

     

 

 

 Outra actividade que espertou unha gran motivación e interese foi o “LIBRO DOS NOMES”, o cal está pasando por todas as casas para poder traballar en familia.  

 

 

 

  

 

 

 

A través do método ABN (Método Aberto Baseado en Números), os nenos/as de 3 comezamos a introducirnos nos conceptos lóxico-matemáticos (serie numérica, conteo, correspondencia entre grafía-cantidade, cuantificadores, equivalencias...), e os nenos/as de 4 anos seguimos avanzando e experimentando, a través de numerosas actividades manipulativas. 

 

     

 

 

 

     

 

 

      

 

       

  

 

 

Ademais das letras e dos números, tamén traballamos os TRAZOS. Así pois, semanalmente desenvolvemos un taller de grafomotricidade creativa. Neste primeiro trimestre coñecemos os trazos verticais e horizontais, e a partir da súa representación decatámonos de que son os trazos que están presentes en case todas as letras que escribimos (maiúsculas). Á hora de representalos empregamos diferentes soportes como por exemplo a lousa, papel ou o chan da aula, así como tamén diferentes materiais como por exemplo pinceis, coches, rotuladores, témperas... 

 

    

 

   

 

     

 

 

 

     

 

 

       

 

 

 

De xeito paralelo a todo o traballado e comentado ata o momento, tamén nos iniciamos no noso Proxecto Documental Integrado (PDI), que como xa sabedes, este ano xira en torno á “gastronomía: cultura, saúde e sustentabilidade”. Así pois, durante estes primeiros meses comezamos a buscar información e a investigar cousas acerca dos alimentos: que tipos de alimentos coñecemos, de onde proceden, a importancia que teñen na nosa saúde, en especial a froita e os vexetais...  

 

Aproveitando todo isto tamén nos puxemos mans á obra e levamos a cabo algún que outro taller de cociña, no que entre outras cousas, fixemos zume de uva e unha macedonia de froitas que degustamos encantados/as.

 

       

 

 

 

      

 

       

 

       

 

 

        

 

 

 

 Outra actividade que levamos a cabo durante este primeiro trimestre, a cal tamén nos gustou moito e nos fixo moita ilusión, foi a dinámica da “Maleta”. Cada un de nós levou dita maleta á súa casa e despois de ler as instrucións que ían dentro coa familia, ao día seguinte levámola á aula con 3 cousas nosas que nos gustaban ou nos identificaban (por exemplo unha foto da nosa familia, o noso xoguete favorito, algún obxecto de cando eramos bebés...). Con dita actividade descubrimos moitas cousas acerca dos gustos e intereses de cada un/a, así como experiencias persoais e recordos, o que permitiu que nos coñezamos máis e que crearamos un maior vínculo de amizade. 

 

 

 

      

 

 

Como podedes observar, non paramos de facer cousas! Pero non todo iba ser traballar! Tamén houbo momentos de festexo. Así pois, non nos esquecemos de celebrar os aniversarios dos nenos/as que cumpriron un ano máis, tanto na nosa aula como na dos nenos/as de 5 anos e dos de primaria. E para iso, levamos a cabo o ritual da “celebración da vida”, ao estilo Montessori.

 

Esta celebración gústanos moito, pois fai que nos sintamos protagonistas no noso día e que poidamos compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, sendo conscientes ademais de todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.  

 

    

 

 

 

Pero sen dúbida, os días que tamén o pasamos en grande foron aqueles nos que compartimos e levamos a cabo actividades en conxunto co resto das escolas do CRA. 

 

Así pois, a primeira xuntanza, foi a celebración do Magosto na escola de Abuín, na que pasamos unha xornada moi animada levando a cabo diversos xogos en común e posteriormente unha degustación de castañas asadas e unha merendola con cousas aportadas polas familias.

 

     

 

 

Outra das actividades a nivel do CRA, foi a xornada de convivencia na Biblioteca de Asados, durante a cal desenvolvemos 4 talleres polos que iamos rotando: un de música no que cantamos e bailamos; outro no que elaboramos un balero para encestar un tapón con materiais de reciclaxe; outro no que preparamos unhas ricas brochetas de froitas que degustamos a continuación para repoñer enerxías; e por último un no que estampamos diferentes vexetais sobre papel corrido. Como última actividade da xornada, gozamos dun contacontos na biblioteca, onde vimos a representación nun teatriño do conto “A mellor sopa do mundo” .

 

    

 

     

 

 

 

E xa para cerrar o trimestre, o penúltimo día de clase, desprazámonos ao auditorio de Rianxo para celebrar o festival de Nadal. Durante a mañá gozamos coas diferentes actuacións das escolas do CRA, as cales nos sorprenderon con bailes, cancións, e ata un contacontos. Pero indiscutiblemente, o que máis ilusión nos facía, era recibir a visita dos tres Reis Magos, que coa axuda dos seus paxes recolleron as nosas cartas, nas que previamente con moito agarimo lles transmitimos os nosos desexos de cara ao novo ano que agardamos con entusiasmo. 

 

 

 

 

Isto non fixo máis que comezar! Á volta esperamos seguir compartindo aventuras e bos momentos. Pois, xuntos é moito mellor!

 

 

 

 

BO NADAL E FELIZ ANO NOVO PARA TODOS/AS