DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Todos os anos lembramos nesta data a historia de Xela no conto "Xela volveuse vampira" e este ano plantamos a nosa semente para parar a VIOLENCIA DE XÉNERO, mirade que plantas máis fermosas medraron, porque contra a violencia...

TODAS AS MANS SON NECESARIAS.

 

Carta dunha mestra aos pais

 

Queridas familias:

Preparando as actividades coas que imos traballar esta conmemoración na escola, atopeime con esta imaxe, trátase dun cartel realizado por Ellisabeth Martínez, gañador da oitava edición do Concurso de Artes Visuais contra a Violencia de Xénero, organizado pola Consellería de Asuntos Sociais da Comunidade de Madrid.

Impactoume a imaxe: AMOR E RESPECTO. Amor e respecto cara a muller. Dous valores que teñen que nacer en nós mesmas. Por iso, está moi ben dicirlle ás vosas fillas que son fermosas (de seguro que o son, para calquer pai ou nai a súa crianza é a máis fermosa do mundo), facerlles saber que sempre, aínda cando sexan persoas adultas e xa non o precisen, as ides protexer porque son o voso ben máis prezado... pero reflexionade un intre o importante que será para ela e para a súa autoestima saber que credes que son fortes, independentes, orixinais, creativas, emprendedoras, intelixentes, capaces... Pensade un segundo (non vos fará falla máis tempo) nesa cualidade que a define, e facédelle un agasallo lembrándolla nesta data tan significativa para que nunca a esquenza.

Facédelle ver tamén o afortunadas que son polo feito de nacer nunha época e nun país no que as mulleres desfrutan dos mesmos dereitos e privilexios ca os homes porque aínda que é o xusto e o normal non sempre foi así, e nalgúns lugares do mundo desgrazadamente aínda non o é. E, por suposto, que valoren os esforzos doutras mulleres e tamén de moitos homes que loitaron e loitan pola igualdade. FELIZ DIA!

Unha aperta,

Ysa, a mestra da Escola de Abuín.