O PORTO DE VIGO
Ola, son Sabela.
Quérovos contar a todos o que contaba a miña bisavoa do Porto de Vigo, en Taragoña. Indo por un camiño de pé pola beira do mar, entre a ponte da actual autovía e Ponte Beluso, había un pequeno río, que agora é un regato. O río tiña un lavadoiro cunhas pedras que cos temporais do inverno se desfacían e habíaas que arranxar. No inverno case non se usaba porque se lavaba a roupa na Fonte da Cruz, pero coa seca do verán, íase ó río.
Lavábase a roupa, pero tamén as tripas da matanza e alí xuntábanse as gaivotas do mar para comer os desperdicios.
Ás veces pasaban no río do Porto de Vigo todo o día. Puñan a roupa a clareo e esperaban a que secara e xa comían alí.
Contaba a miña bisavoa que ó rematar o traballo, no verán, as mozas aproveitaban para se bañar, pero daquela non tiña traxe de baño e bañábanse co biso que levaban por debaixo do vestido. Os mozos ían asexalas e elas, como vinganza, esperaban a que se bañaran eles e ían agocharlle a roupa...
Agora este lugar está moi cambiado, mesmo fixeron unha rampa, pero sempre seguirá sendo o Porto de Vigo, onde miña bisavoa tanto traballou e tanto disfrutou.
( Familia de Sabela)
- APIs de Blogue