Skip to Content

Proxecto VEDRA MEDRA

Obradoiro Entroido Tradicional - Vedra Medra: 3ª Entrega

Á terceira vai a vencida

Seguindo coa nosa convocatoria, este martes fomos pola última do trimestre. O 27 de novembro estiveron convidados os veciños de San Xián de Sales. Nesta parroquia mantense viva a festa e nela participa activamente toda a veciñanza. Acompañáronnos axudando coa elaboración das cancións de coro, Juan Duarte e dos atranques, Ángela Sánchez. Viñeron contarnos a súa participación como integrantes dos coros de bonito e de vello Lourdes Mallo, María Elena Guimarey e Mariluz Turnes. Ata aquí achegáronse tamén dous xenerais veteranos Manuel López e Jesús Amenal, acompañado este último da súa filla Margarita que nos agasallaron co relato das súas experiencias.

O mes de decembro paramos para poder estudar sen sobresaltos e regresaremos tras as vacacións de Nadal con dúas sesións novas, unha enteiramente destinada a revisar o papel da muller neste festexo tradicional e unha segunda, animadísima na que están convocados todos os informantes que nos visitaron.

Vedra medra finalizará a 1ª parte desta actuación a finais de xaneiro en compañía de xenerais, correos e coros das parroquias de Vedra, Trobe, S. Pedro de Vilanova e S. Xián de Sales.

Febreiro será o mes que destinaremos aos ensaios porque este curso todo o alumnado da ESO vai renderlle unha homenaxe ao Entroido tradicional rural do Ulla facendo unha macrorrepresentación na que estarán presentes todas aquelas figuras que concorrían na celebración.

O obradoiro serviu para quentar motores…

Á beira disto, nos corredores do CPI de Vedra teremos unha exposición de fotografías antigas e de traxes de Entroido.

Todos foron cedidos por xente de Vedra que gustosamente se comprometeu connosco neste labor emprendido desde o EDLG do centro educativo.

Xulia Marqués

Coordinadora do Vedra Medra

Ver fotos

 

Obradoiro do Entroido rural tradicional

En Vedra medra continuamos os martes co Obradoiro do Entroido rural tradicional. E xa celebramos a 2ª sesión. Esta vez estivo con nós a xente de San Pedro de Vilanova. Dúas mulleres, Cristina Orosa e Carmen Cutrín, foron as encargadas de instruílos na composición e na interpretación dos atranques. 

Contamos tamén co testemuño da primeira xenerala da Ulla, Luzdivina Balado, que veu desde Boqueixón. E como somos moitos, requirimos a Suso Gamás, que veu axudarnos de novo.

Esta primeira quenda de traballo rematará o martes 27 de novembro. Paramos, porque o mes de decembro a rapazada ten que estudar xa que está á volta a 1ª avaliación.

O pasado venres 16 celebramos tamén o Día Internacional do Patrimonio Mundial. Fixemos un cartel dedicado especialmente aos homes e mulleres de Vedra que nos acompañaron en cada actuación ao longo destes tres anos de andaina e dos que aprendemos e seguimos a aprender.

Vedra medra, que ten como lema POR UN PATRIMONIO VIVO!, aposta por darlle un espazo no ensino obrigatorio ao patrimonio e aos vedreses que terman del, os de máis idade. E con eles, sempre, os cativos.

Vaia pois o noso recoñecemento e a nosa gratitude para todos/as os que veñen respondendo á nosa chamada e fan que a comunidade de Vedra medra vaia alogándose.

 

 

 

CONMEMORAMOS O DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO MUNDIAL

Conmemoramos o Día Internacional do Patrimonio Mundial, 16 de novembro, coa publicación deste cartel que recorda algunhas das actividades que desenvolve o centro en relación co noso patrimonio.

Preme na foto para vela máis grande 

OBRADOIRO: O ENTROIDO RURAL TRADICIONAL NA ULLA

Vedra medra chámase este curso Emociona-T.

E para potenciar os aspectos emocionais do patrimonio cultural salientando o seu valor simbólico e identitario puxemos en marcha o obradoiro "O Entroido rural tradicional na Ulla"

Con el pretendemos xerar desde a escola procesos de coñecemento, posta en valor e sensibilización de cara a este festexo tradicional tan presente nalgunhas parroquias do Concello de Vedra.

A primeira sesión tivo o lugar o martes 30 de novembro. Contamos coa participación de 44 rapaces e rapazas de educación primaria e de ESO. 

Esta vez acompañáronnos para abrir a actividade Sonia e Suso Gamás que nos axudaron na composición dos atranques, e José Neira, Santiago Otero e Inés Bouzón como testemuñas daqueles entroidos pasados. 

<!--pagebreak-->

O obradoiro ten como finalidade procurar un espazo de encontro da rapazada cos maiores no que ambas partes desfruten aprendendo e compartindo experiencias e vivencias. 

Para a apertura do obradoiro convidamos a veciños/as das parroquias de Vedra, Trobe e San Miguel de Sarandón.

 

Xulia Marqués

Coordinadora de Vedra medra

 

 

O CPI DE VEDRA DISTINGUIDO CO PREMIO PROXECTA DE INNOVACIÓN EDUCATIVA 2018

O CPI de Vedra acaba de gañar o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018 convocado pola Consellería de Educación entre os centros docentes públicos que foron admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2017/18.

"De redes e afectos ou como converter nun activo para a dinamización o patrimonio local contextualizado. Os proxectos do CPI de Vedra: superando límites, integrando partes" é o título do traballo presentado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega galardoado nesta ocasión.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Vedra vén coordinando nestes últimos anos unha serie de actuacións con base no patrimonio local vedrés baixo a marca Vedra medra.

Este é o terceiro recoñecemento que acadamos despois de ter recibido o Premio didáctico Antón Fraguas promovido desde o Museo do Pobo Galego e o Premio a proxectos de innovación en dinamización lingüística que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Parabéns á toda a familia de Vedra medra e a seguir traballando POR UN PATRIMONIO VIVO!!

Xulia Marqués (Coordinadora do EDLG e do Vedra medra)

Ricardo Varela, guía na visita aos xardíns do Pazo de Ortigueira

O arquitecto Ricardo Varela serviunos de guía no pazo vedrés de Ortigueira, en Santa Cruz de Ribadulla, o pasado 24 de maio.A esta saída didáctica precedéraa unha charla divulgativa no centro.O alumnado de 1.º da ESO, que participa activamente no proxecto Vedra medra co feitizo do Camiño, tivo ocasión de acceder pola porta norte e cruzar cara ao pazo os camiños bordeados de retículas de oliveiras.

Ler máis +

Ver fotos +

3º E 4º DE PRIMARIA PERCORREN UN TREITO DO CAMIÑO DA SANTIAGO

Sesenta alumnos e alumnas de educación primaria fixeron o 4 de maio o Camiño desde a parroquia de San Pedro de Vilanova ata Lestedo acompañados dos seus mestres. Os camiñantes empezaron o percorrido na capela do Santiaghiño, na que repararon, así como na fonte e na lenda nela gravada.

 

Ler máis +

Ver fotos +

O ARQUITECTO RICARDO VARELA VISITA O CPI DE VEDRA

O 2 de maio acompañounos o arquitecto Ricardo Varela para falarnos dos xardíns históricos como patrimonio cultural e, en particular, da configuración do do pazo vedrés de Ortigueira (Santa Cruz de Ribadulla). A charla estivo dirixida ao alumnado de 1º ESO.

Ler máis +

Ver fotos +

2º ESO NO SANTIAGHIÑO POLO PROGRAMA VEDRA MEDRA CO FEITIZO DO CAMIÑO

O alumnado de 2.º da ESO realizou o pasado día 3 de abril unha saída a San Pedro de Vilanova (Vedra), O Santiaguiño do Monte (Padrón) e o Museo das Peregrinacións (Santiago de Compostela)

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, dentro do programa Vedra medra co feitizo do Camiño e o Departamento de Xeografía e Historia promoveron esta saída didáctica que comprende tres centros de interese.

Ler máis +

Ver fotos +

 

O escritor XOSÉ M. LOBATO presenta o seu libro ao alumnado de 1º ESO

O pasado 22 de febreiro visitounos Xosé Manuel Lobato para inaugurar a sección "O autor fala da súa obra" co libro Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, de cuxa edición estivo ao coidado.Falou para o alumnado de 1º da ESO.

Ler máis +

Ver fotos +

Video "As bolboretas do Pico Sacro"

Distribuir contido


by Dr. Radut