Skip to Content

Proxecto VEDRA MEDRA

Vedra medra coa xente de oficio. Obradoiro de carpintería no centro

O venres 14 de febreiro, acudiron ao CPI José Manuel Segade, José María López, e Manuel Vilas, recoñecidos carpinteiros de Vedra e de San Mamede de Ribadulla.

O alumnado de 1.º e 2.º da ESO tivo a ocasión de ver e coñecer o funcionamento dos diferentes útiles que empregaban hai catro ou cinco décadas os máis vellos, José e Manuel, como a torniqueta, o serrón do aire, a serra portuguesa, a eixola, a macheta de carpinteiro ou o acanalador… 

Tamén aprendeu a rapazada que son os ingletes, o lizo, a xabreira, a mortea ou a chazona.

Souberon da laboriosa elaboración dos pipotes nesta terra da Ulla, gran produtora de viño, escoitando a un carpinteiro experto, José.

E revisaron o cuestionario de recollida de campo que nos facilitou o ILG desde o programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional.

Esta sesión, na que estivo presente o Departamento de Tecnoloxía coa profesora Natividad Penas, difundirase en formato audiovisual no 3.º trimestre como parte dun monográfico destinado á carpintería e á madeira.

A actuación descrita complementarase cun traballo colaborativo que iniciaremos desde a aula coa app Bótame un capio, á que iremos incorporando canta terminoloxía nova fomos aprendendo.

Está tamén iniciado o contacto coa Escola Básica e Secundária de Rebordosa en Porto para intercambiar nestes próximos meses experiencias entre os nosos escolares e os portugueses.

Galería coas fotos do taller

 

Xulia Marqués 

Coordinadora de Vedra medra

Vedra medra. O autor fala da súa obra: HENRIQUE NEIRA

 

O pasado xoves, 6 de febreiro, estivo con nós o xornalista e investigador Henrique Neira. 

Henrique, aínda que reside en Santiago, ten fortes vínculos con Vedra por vía materna. A este concello e á comarca da Ulla tenlles dedicado numerosas investigacións, hoxe xa publicadas: Vedra da Prehistoria aos inicios do século XX, Vedra da Prehistoria a 1900; é, ademais, coautor de Sarandón, anacos de historia, O lendario río Ulla. As pontes do río Ulla, Gundián, O Val do Ulla e as Coplas Ulláns e Cántigas da Ulla (coa Asociación Raiceiro).

Para adiantarnos o contido do seu próximo libro Vedra. Unha historia visual visitounos no Vedra medra, abrindo así a sección –O autor fala da súa obra-. 

O alumnado de 1º da ESO foi quen escoitou o seu relatorio.

Xulia Marqués, coordinadora Vedra medra

 

Traballo e xénero no rural vedrés

No marco da nosa investigación sobre a xente con oficio, en Vedra medra quixemos prestarlles unha especial atención ás mulleres maiores da contorna e ao traballo invisible e pouco recoñecido que desenvolveron ao longo da súa vida. 

Para iso organizamos a sección TRABALLO E XÉNERO NO RURAL que inclúe diversas actuacións e que comezaremos a divulgar con ocasión do Día da Muller Traballadora. 

O xoves 6 de febreiro, iniciamos as gravacións das historias de vida e laborais de oito mulleres singulares. Catro responden ao perfil de emigrantes retornadas, as outras catro son residentes e non saíron de Vedra.

Para realizar as entrevistas acompañáronme as seguintes alumnas de 1º e 2º da ESO: María Pereira, Inés Iglesias, Ainara Gómez, Inés Garrido, Paula Asorey, Carlota Costoya, María Garrido, María Honrubia, Claudia Ferreiro , Xiana Gañete, Uxía Carreira, Nagore Picallo e Lucía Turnes. 

O meu agradecemento ás informantes e ás entrevistadoras.

Xulia Marqués, coordinadora de Vedra medra

ALBUM DE FOTOS DO EVENTO

 

 

Cantarelas 2020

Vedra medra. Revivindo a tradición das cantarelas de Nadal e Reices

O venres 10 de xaneiro realizamos a visita que nos viramos obrigados a adiar por mor do mal tempo antes de Nadal. Con ocasión da celebración do Nadal e dos Reis queriamos revivir a tradición das cantarelas de Nadal e Reis na parroquia de San Miguel de Sarandón. E alí acudimos convidados pola Asociación Cultural San Campio co alumnado de 1.º da ESO e de educación infantil (4 e 5 anos). O obxectivo noso era que 82 rapaces e rapazas puidesen coñecer de preto esta tradición a través do testemuño dalgúns dos seus protagonistas.

A xornada transcorreu entre cantos de Nadal e Reices,charrascos e requintas, aguinaldos e unha visita a tres casas, a de Luís de Zas, a de Marcelino e a de Crespo. Rematamos nesta última recibindo un agasallo ben doce e quentiño, un chocolate con rosca, que moito lles agradecemos…

Aquí podedes ver fotos da saída: https://photos.app.goo.gl/BqKbJyUnrst4bTNx7

 

Xulia Marqués

Coordinadora Vedra medra

Vedra medra coa xente de oficio. O carpinteiro.

Vedra medra coa xente de oficio. O carpinteiro

O venres 13 de decembro, Manuel Vilas recibiunos na súa carpintería de Vedra e mostrounos os útiles de traballo que el empregaba no seu taller.

20 alumnos/as de 1º e 2º da ESO tiveron ocasión de ver e saber para que utilizaba a garlopa e o garlopín, a eixola, a trencha, o formón, o gramil, o guillame, os cepillos ou o compás, entre outros.

Tamén aprenderon a distinguir o mazo de armar do mazo de tallar, o serrón de cota do serrón de cotilla, o serrón do aire da serra portuguesa ou que diferenza hai entre tronzar e torar.

E de paso aproveitamos para encher o cuestionario sobre a carpintería e a madeira que nos facilitou o programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional (Consellería de Educación-USC-ILG).

O traballo de investigación sobre os oficios tradicionais, obxecto do Vedra medra neste 2019-20, irase ampliando a outras profesións nos vindeiros meses. 

Xulia Marqués 

Coordinadora de Vedra medra

VER FOTOS: https://photos.app.goo.gl/5P1iFFRBExseEDtF7

O proxecto VEDRA MEDRA no suplemento de La Voz de Galicia

No suplemento EL COMARCAL de La Voz de Galicia, de hoxe xoves, publícase un artigo dedicado ao proxecto VEDRA MEDRA que desenvolve o centro desde fai catro cursos.

Ler o artigo

Vedra medra visita o Museo do Pobo Galego e o Instituto da Lingua Galega

O pasado 5 de novembro, data en que se recordaba o vixésimo aniversario do pasamento de don Antonio Fraguas, visitamos o Museo do Pobo Galego ao que el tanto tempo e esforzo lle dedicara.

O alumnado de 2.º da ESO percorreu a exposición dedicada ao autor, a quen se honra este 2019, como protagonista das Letras Galegas e a súa biblioteca. Serviunos de guía o etnógrafo e historiador Clodio González. Logo, os/as alumnos/as foron descubrindo o Museo por medio dun xogo de pistas, o " Entramado de oficios".

Non podía ser doutro xeito porque neste 2019-20 Vedra medra está dedicado a revisar os oficios tradicionais.

O Instituto da Lingua Galega foi a seguinte parada. Alí tivemos a ocasión de coñecer as investigadoras que nos asesoraron o curso pasado no desenvolvemento do programa " Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional" e que estarán connosco este 2019-20, Marta e Maruxa. Aprendemos a través da súa explicación a importancia que ten a recollida de léxico tradicional e que recursos temos á nosa disposición para poder levala a cabo. Un presentáronnolo en primicia, "Patrimonio léxico da Gallaecia" (PLG). Nós tamén lles contamos como traballamos coa app "Bótame un capio" e cos cuestionarios de campo e os resultados que temos acadado.

Xulia Marqués

Coordinadora de Vedra medra

Máis imaxes da saída

 

Vedra medra. Comezamos o curso e continuamos co labor divulgativo

Vedra medra. Comezamos o curso e continuamos co labor divulgativo

O pasado curso poñíamoslle fin ao mes de xuño participando no Seminario Internacional UNISCAPE EN ROUTE "Paisaxe herdadas, paisaxes construídas, paisaxes vividas" co relatorio "De identidad(e) o como decodificar los paisajes heredados a través de los vínculos intergeneracionales. El proyecto Vedra medra" na Universidade da Coruña. 

E este 2019-20, o 19 de setembro, presentamos aos asistentes ás Xornadas de toponimia no ensino de Ames "Coñecendo a contorna e o seu patrimonio da man da toponimia. O proxecto Vedra medra".

Oito días despois, continuamos en Santiago nas III Xornadas de Educación Patrimonial de Galicia con "Vedra medra. Territorio, paisaxe e patrimonio nos proxectos do CPI de Vedra".

En outubro estaremos en Huelva no Congreso Prácticas y Reflexiones en Educación Patrimonial III expoñendo "¿Cómo construir una comunidad patrimonial? preguntas y respuestas para el debate", no que comentarmos os resultados do obradoiro do Entroido tradicional do Ulla que desenvolvemos no centro entre outubro de 2018 e marzo de 2019. E, en novembro, estamos convidados ao Simposio do ILG Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional para dar a coñecer "Bótame un capio",  traballo de compilación de léxico tradicional ullán que iniciamos no último trimestre e que seguiremos nos vindeiros meses coa inestimable axuda da app creada para tal tarefa.

Xulia Marqués

Coordinadora de Vedra medra

 

Vedra medra no Pasabodeghas 2019

O 26 e 27 de outubro Vedra medra está convidada ao Pasabodeghas de San Miguel de Sarandón.

Levaremos a exposición que estivo no Museo do Pobo e que resultou gañadora na X edición do Premio Antón Fraguas. Estará na ADEGA PEDREIRA.

O resultado dos traballos sobre patrimonio, tradicións e costumes que estivemos facendo neste primeiro mes de curso en 1º e 2º da ESO e 5º de educación primaria poderanse ver na ADEGA DE BOUZÓN no espazo "Pegadas".

 

Xulia Marqués

Coordinadora Vedra medra

Presentación da app "Bótame un capio"

 

 

O proxecto Vedra medra presenta unha app para un traballo de recuperación lingüística para o que solicitamos a colaboración de toda a comunidade educativa.

Esta ferramenta colaborativa nace coa finalidade de recuperar parte dun vocabulario tradicional de Vedra e da comarca da Ulla que non forma parte dos dicionarios ou que presenta acepcións distintas ás que estes inclúen.

Do deseño e realización da app encargouse un pai, José Mejuto, e da parte lingüística a profesora Xulia Marqués, coordinadora do proxecto Vedra medra, no que pasará a integrarse.

"Bótame un capio" é unha expresión que os vedreses utilizaban cando demandaban axuda e que fixemos nosa para denominar a app.

Con ela queremos solicitar a túa colaboración e a de toda a comunidade educativa e a veciñanza nun labor que consideramos tan urxente como necesario, o de recuperación dun léxico parcialmente esquecido relacionado coa nosa cultura tradicional.

Podes descargala indo a:

https://play.google.com/store/apps/details?id=org.consultem.app.capio

Distribuir contido


by Dr. Radut