Skip to Content

Proxecto VEDRA MEDRA

O alumnado de 2º curso de primaria asiste á presentación de "O libro falador"

O centro da Terceira Idade de Vedra acolleu este 27 de maio a presentación de O libro falador dentro da programación das Letras Galegas 2022 do Concello de Vedra.

Este volume, destinado a un público de primeiros lectores, é o resultado da colaboración do xornalista de orixe vedresa Henrique Neira, autor do texto, e do ilustrador Manuel Blanco.

Da man dos biosbardos Landriña e Carolo váisenos relatando o percorrido que estes deben facer por todo o mundo na procura daquilo que se precisa para artellar un libro: o papel das follas, o fío de algodón para coselas, as tapas, a decoración das cubertas, ata como poder conseguir as letras ou o estoxo de oliveira en que o gardarán. 

Percorrerán Landriña e Carolo países tan lonxanos como exóticos: China, Persia, Exipto, Etiopía e California ou Australia, cidades como Venecia, pero tamén recalarán en terras galegas como Santiago ou Noia. A comarca da Ulla está presente no libro, como non podía ser doutro xeito, co río da Ulla, O Pico Sacro e a requinta.

Tras a viaxe, chega o final cunha recomendación:

Miñas nenas e meus menos,

moitos libros hai que ler

cada noite e cada día,

cousas hai que aprender.

 

Os nosos parabéns a Henrique e Manuel que fixeron posible que aprender e gozar poidan ir á par. 

Magníficos os textos e as ilustracións.

 

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

O CPI de Vedra participa no certame SERÁN DAS LETRAS

A Asociación Cultural San Campio da parroquia vedresa de San Miguel de Sarandón vén promovendo desde hai anos o concurso de creación "Serán das Letras" con ocasión da celebración das Letras Galegas. 

Este 2022 xa vai pola 7.ª edición e con base nas "Festas e romarías tradicionais" fixo posible que rapaces e rapazas da contorna se puxesen a escribir poesía e relatos e tamén a facer debuxos.

Varios alumnos/as do CPI de Vedra fixeron unha meritoria achega e resultaron gañadores. Aquí está a relación xeral de galardoados/as:

 

CATEGORÍA  A 

1º premio. Daniel Nogueira Burgo

2º premio.  Clara Fariña Silvoso

3º premio.  Blanca Albela Baamonde

 

CATEGORÍA  B

1º premio. Lía Albela García “A festa molona”

2º premio. Mara García Chao "A festa sen festa"

3º premio. Martiño Alonso Rey “A festa loca”

 

CATEGORÍA  C

1º premio.  David Fariña Silvoso “As romarías" (poesía)

2º premio. Sergio Dopazo Castro "A envexa dos carnavais de Vedra"

3º premio. Iria Barros Campaña "O amor prohibido"

 

CATEGORÍA  D

1º premio.  Irea Sanín Segade "Da obriga á paixón"

2º premio. María Nodar “Os días de romaría” (poesía)

3º premio.  Noa Pérez Cabo "O Entroido de San Xián"

 

CATEGORÍA  E

1º premio. M. ª Carmen Pérez Picallo "O vaso de tubo"

2º premio. Julián Montouto López. Sen título.

3º premio. María Otero López “A mociña bailarica” (poesía)

 

PARABÉNS  a TODOS/AS os premiados/as

O CPI de Vedra recibe a visita de varios profesores universitarios

O CPI de Vedra recibe a visita de varios profesores universitarios

Hoxe, 18 de maio, achegáronse ata o noso centro os profesores Ramón López Facal, catedrático e profesor emérito, e Belén Castro, vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Viñeron acompañados de Julia Feijoo (USC) e de Sergio Sampedro, da Universidade de Huelva, para interesarse polas actuacións que viñemos desenvolvendo nestes últimos tempos en Vedra medra.

LER MÁIS

Vedra medra celebra as Letras Galegas da man do Patrimonio Natural local

Vedra medra celebra as Letras Galegas da man do Patrimonio Natural local

O alumnado de 2.º da ESO tivo a oportunidade de festexar o Día das Letras Galegas 2022 no Pazo de Santa Cruz de Ribadulla. 

A Florencio Delgado Gurriarán honrámolo en Ortigueira (Vedra) cun achegamento á súa poesía paisaxística desde un lugar privilexiado, o xardín histórico do pazo, espazo botánico insuperable e próximo ao centro educativo no que viñeron medrando auténticos monumentos verdes. 

LER MÁIS

VER FOTOS

 

Vedra medra continúa no 2º trimestre “Abrindo Camiños”

Desde o pasado 28 de marzo e ata 5 de maio,  61 alumnos/as de educación infantil, 193 alumnos/as de educación primaria e 123 de ESO botáronse ao Camiño para percorrer esta vía ao seu paso polo concello de Vedra con dous itinerarios: a Vía da Prata e o Camiño miñoto-ribeiro.

Ese curso 21-22, Vedra medra. Abrindo Camiños participa no Proxecta “Vexo, veo Xacobeo” e céntrase en educar o alumnado máis cativo (educación infantil e 1º ciclo de primaria) en valores patrimoniais. 

Á parte das saídas á contorna, os cativos e cativas de infantil desfrutaron de tres sesións de contacontos que se desenvolveron os días 25 e 26 de abril no centro.

O resto do alumnado do centro sumouse tamén a esta actuación acompañados dos seus mestres/as e titores/as.

Aquí deixamos a memoria gráfica dos nosos camiñantes de camiñada por Vedra adiante.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

O delegado territorial da Xunta visita o CPI de Vedra

O delegado territorial da Xunta na Coruña visita o CPI de Vedra

O CPI de Vedra é un dos 139 centros educativos que forman parte este 2021-22 do programa “Vexo, veo Xacobeo”, promovido desde a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Vedra medra foi admitido neste programa de innovación  educativa e multidisciplinar co que se pretende achegar o significado e os valores do Camiño de Santiago ao alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria desde a contorna social e cultural ullá.

Con tal motivo, e para recoñecer a nosa participación, hoxe estivo no centro o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado da inspectora Mª Beatriz Plana Galán, da xefa territorial de vicepresidencia María Barreiro Lázare, da responsable de xestión do Xacobeo M.ª Luísa Redondo e do alcalde do Concello de Vedra, Carlos Martínez. Todos compartiron co alumnado de educación infantil e as súas mestras a actuación dun contacontos.

Velaquí o que deu de si a xornada en imaxes….

Xulia Marqués

 Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

VER TODAS AS FOTOS

O alumnado de 4º da ESO visita a Fundación Neira Vilas

Comezamos o mes de abril cunha saída didáctica a Gres no veciño concello de Vila de Cruces. Desta vez, tocoulle ao alumnado de 4º da ESO achegarse a un dos grandes da Literatura galega do século XX, Xosé Neira Vilas, acudindo á Casa do Romano, a casa natal do escritor e percorrer algún dos espazos de infancia que tantas veces retratou na súa obra. 

A visita estruturámola en dúas partes: un xogo de rol nas insuas de Gres e unha posterior visita guiada á Fundación Neira Vilas onde tivemos ocasión de estar na biblioteca que alberga a obra e o legado de Neira Vilas e da súa muller, Anisia Miranda. Contamos para iso co inestimable relato de Xosé Manuel Lobato, grande valedor e coñecedor de Pepe, como adoita referirse ao escritor; el foi quen, ademais, nos falou das pezas que alberga o museo etnográfico.

O noso agradecemento para a Fundación Neira Vilas e para o Concello de Boqueixón que contribuíron á implementación desta actividade concibida e ligada á materia de Literatura galega.

Ver o album de fotos

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Atranques 2022

Este ano retomamos na tradicional festa do Entroido ullán os atranques dos xenerais. Nestas disputas verbais entre parellas de xenerais e correos de bandos opostos, as nosas sete parellas de contendentes aproveitaron para burlarse de acontecementos da actualidade local e nacional. 

Aquí deixamos fe do bo facer e aguzado inxenio do noso alumnado…

VER VIDEO PARTE 1

VER VIDEO PARTE 2

O burro do Entroido

Outra actuación que realizamos nos días de Entroido e que pasamos a compartir agora son as "coplas do burro".

Esta tradición, tamén propia da Ulla, foi recreada polo alumnado de 2.º da ESO e de 5º de primaria. A través das súas coplas intercambiaron cos seus compañeiros mensaxes de amor ou afecto e de crítica ou burla.

Cada temática tiña a súa figura representativa, a de amor viña asociada a un burriño namorado; e a de burla a un burro sañudo que desafiaba aos presentes cun couce.

 VER O VIDEO

 

#EntroidodaUlla #TradiciónOral #PatrimonioInmaterial

Entroido 2022

Este ano volveu o Entroido tradicional dos xenerais e correos ao CPI de Vedra.

O pasado venres 25 actuaron 14 alumnos/as de educación primaria e secundaria que viñeron preparando os seus atranques na Escola de xenerais. 

Participaron as seguintes parellas:

Enzo Martínez (3º EP) –  David Fariña (4ºEP)

Ángel Calvo (6º EP) – Gisela García (1º ESO)

Lucía Senín (6º EP) – Iker Rodríguez (6º EP)

Daniel García (3º ESO) – Noel Villar (3º ESO)

Ainara G. Gamás (4º ESO) – Laura Rodríguez (2º ESO)

Inés Garrido (4º ESO) – Andrea Ferro (4º ESO)

María Pereira (4º ESO) – Pablo Figueiras (4º ESO)

Tódalas fotos das actuacións nesta ligazón

O proxecto Vedra medra colaborou co concello de Vedra para desenvolver esta iniciativa e contou tamén coa axuda dos pais e nais do alumnado implicado.

Os nosos correos e xenerais, á parte de actuar no centro, lucirán a súa arte diante dos visitantes da Festa da Camelia da parroquia vedresa de Santa Cruz de Ribadulla, que celebra neste 2022 a súa vixésimo sexta edición e á que foron convidados.

E isto foi o que deu de si a xornada, en imaxes…

 

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e  Vedra medra

Distribuir contido


by Dr. Radut