O alumnado de 2º curso de primaria asiste á presentación de "O libro falador"
O centro da Terceira Idade de Vedra acolleu este 27 de maio a presentación de O libro falador dentro da programación das Letras Galegas 2022 do Concello de Vedra.
Este volume, destinado a un público de primeiros lectores, é o resultado da colaboración do xornalista de orixe vedresa Henrique Neira, autor do texto, e do ilustrador Manuel Blanco.
Da man dos biosbardos Landriña e Carolo váisenos relatando o percorrido que estes deben facer por todo o mundo na procura daquilo que se precisa para artellar un libro: o papel das follas, o fío de algodón para coselas, as tapas, a decoración das cubertas, ata como poder conseguir as letras ou o estoxo de oliveira en que o gardarán.
Percorrerán Landriña e Carolo países tan lonxanos como exóticos: China, Persia, Exipto, Etiopía e California ou Australia, cidades como Venecia, pero tamén recalarán en terras galegas como Santiago ou Noia. A comarca da Ulla está presente no libro, como non podía ser doutro xeito, co río da Ulla, O Pico Sacro e a requinta.
Tras a viaxe, chega o final cunha recomendación:
Miñas nenas e meus menos,
moitos libros hai que ler
cada noite e cada día,
cousas hai que aprender.
Os nosos parabéns a Henrique e Manuel que fixeron posible que aprender e gozar poidan ir á par.
Magníficos os textos e as ilustracións.
Xulia Marqués
Coordinadora do EDLG e de Vedra medra