Obradoiro do Entroido rural tradicional
En Vedra medra continuamos os martes co Obradoiro do Entroido rural tradicional. E xa celebramos a 2ª sesión. Esta vez estivo con nós a xente de San Pedro de Vilanova. Dúas mulleres, Cristina Orosa e Carmen Cutrín, foron as encargadas de instruílos na composición e na interpretación dos atranques.
Contamos tamén co testemuño da primeira xenerala da Ulla, Luzdivina Balado, que veu desde Boqueixón. E como somos moitos, requirimos a Suso Gamás, que veu axudarnos de novo.
Esta primeira quenda de traballo rematará o martes 27 de novembro. Paramos, porque o mes de decembro a rapazada ten que estudar xa que está á volta a 1ª avaliación.
O pasado venres 16 celebramos tamén o Día Internacional do Patrimonio Mundial. Fixemos un cartel dedicado especialmente aos homes e mulleres de Vedra que nos acompañaron en cada actuación ao longo destes tres anos de andaina e dos que aprendemos e seguimos a aprender.
Vedra medra, que ten como lema POR UN PATRIMONIO VIVO!, aposta por darlle un espazo no ensino obrigatorio ao patrimonio e aos vedreses que terman del, os de máis idade. E con eles, sempre, os cativos.
Vaia pois o noso recoñecemento e a nosa gratitude para todos/as os que veñen respondendo á nosa chamada e fan que a comunidade de Vedra medra vaia alogándose.