Skip to Content

Obradoiro Entroido Tradicional - Vedra Medra: 3ª Entrega

Á terceira vai a vencida

Seguindo coa nosa convocatoria, este martes fomos pola última do trimestre. O 27 de novembro estiveron convidados os veciños de San Xián de Sales. Nesta parroquia mantense viva a festa e nela participa activamente toda a veciñanza. Acompañáronnos axudando coa elaboración das cancións de coro, Juan Duarte e dos atranques, Ángela Sánchez. Viñeron contarnos a súa participación como integrantes dos coros de bonito e de vello Lourdes Mallo, María Elena Guimarey e Mariluz Turnes. Ata aquí achegáronse tamén dous xenerais veteranos Manuel López e Jesús Amenal, acompañado este último da súa filla Margarita que nos agasallaron co relato das súas experiencias.

O mes de decembro paramos para poder estudar sen sobresaltos e regresaremos tras as vacacións de Nadal con dúas sesións novas, unha enteiramente destinada a revisar o papel da muller neste festexo tradicional e unha segunda, animadísima na que están convocados todos os informantes que nos visitaron.

Vedra medra finalizará a 1ª parte desta actuación a finais de xaneiro en compañía de xenerais, correos e coros das parroquias de Vedra, Trobe, S. Pedro de Vilanova e S. Xián de Sales.

Febreiro será o mes que destinaremos aos ensaios porque este curso todo o alumnado da ESO vai renderlle unha homenaxe ao Entroido tradicional rural do Ulla facendo unha macrorrepresentación na que estarán presentes todas aquelas figuras que concorrían na celebración.

O obradoiro serviu para quentar motores…

Á beira disto, nos corredores do CPI de Vedra teremos unha exposición de fotografías antigas e de traxes de Entroido.

Todos foron cedidos por xente de Vedra que gustosamente se comprometeu connosco neste labor emprendido desde o EDLG do centro educativo.

Xulia Marqués

Coordinadora do Vedra Medra

Ver fotos

 



story | by Dr. Radut