A Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades ven de publicar as instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa as etapas de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023-2024.
Os niveis de competencias dixitais que se acreditarán no curso 2023-2024 son os seguintes:
- ComDix Iniciación (Equivalente a nivel A2)
- ComDix Intermedio (Equivalente a nivel B2)
O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación. O alumnado matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.
A obtención do título de bacharel acredita que a alumna ou o alumno ten os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio 1, 2, 3 e 5 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais. O alumnado matriculado en 2º de bacharelato poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias da área de dominio 4 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais. No caso de que unha alumna ou un alumno obteña o título de bacharel e ademais supere a proba específica da área de dominio 4 do nivel intermedio, recibirá a certificación ComDix que acredita o nivel intermedio.
As acreditacións do alumnado terán unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.
O alumnado que desexe participar nas probas específicas deberá cumprir os seguintes requisitos:
- Estar matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria para presentarse á proba específica que acredita as competencias dixitais de nivel intermedio.
- Estar matriculado en 2º de bacharelato para presentarse á proba específica que acredita a área de dominio 4 de competencias dixitais de nivel intermedio.
O alumnado de 4º de educación secundaria obrigatoria e o alumnado de 2º de bacharelato que desexe realizar a proba específica solicitará a súa inscrición entregando o impreso adxunto na secretaría do centro ata o día 15 de marzo de 2024, incluído. Os impresos serán entregados a todo o alumnado en formato físico, polo que non é necesario que o alumnado o imprima.
As convocatorias de probas específicas, no curso 2023-2024, realizaranse consonte ao seguinte calendario:
- A proba específica que acredita a área de dominio 4 de nivel intermedio realizarase no centro durante o mes de abril. Terá unha duración de 20 minutos e realizarase en horario lectivo.
- A proba específica que acredita o nivel intermedio realizarase no centro durante o mes de maio. Terá unha duración de 90 minutos e realizarase en horario lectivo.
Informarase do día e da hora das probas coa antelación suficiente para a organización das mesmas.
Aínda que a inscrición nas probas é voluntaria recoméndase a todo o alumnado de 2º de Bacharelato presentarse ás mesmas.
As probas son gratuítas para todo o alumnado.
Normativa completa premendo AQUÍ
Máis información premendo AQUÍ