Skip to Content

Admisión

Normativa:

DECRETO 13/2022, do 3 de febreiro de 2022, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

Distínguese:

  • Reserva de praza: Alumnado que cambia de etapa (Educación Infantil a Educación Primaria, Educación Primaria a Educación Secundaria Obrigatoria,...) e desexa continuar estudos no centro de adscrición. Este alumnado ten prioridade respecto do que non procede de centro adscrito. Solicitude: Formulario ED550A

  • Ordinaria: Alumnado que se incorpora ao sistema educativo, cambia de centro e cando as solicitudes de reserva sexan superiores ás prazas dispoñibles. Solicitude: Formulario ED550B

  • Extraordinaria: Escolarización unha vez iniciado o curso por traslado de domicilio, situacións derivadas de acoso escolar, violencia de xénero e outros supostos. Solicitude: Formulario ED550C

Prazos e lugares de admisión
  • Reserva de praza: do 16 de xaneiro ao 6 de febreiro de cada ano. A solicitude preferiblemente cubrirase na aplicación admisionalumnado e presentarase en Sede Electrónica ou, de forma presencial, no centro de orixe do alumnado.

  • Admisión: do 1 ao 20 de marzo de cada ano, ambos incluídos. A solicitude preferiblemente cubrirase na aplicación admisionalumnado e presentarase en Sede Electrónica ou, de forma presencial, no centro escollido en primeiro lugar. No caso da reserva ou da admisión, cando o último día do prazo sexa non lectivo prorrogarase ata o primeiro día lectivo inmediato seguinte. A solicitude poderá entregarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, empregando o formulario normalizado.
  • Extraordinario: aberto durante todo o curso académico, presentando nas dependencias das Xefaturas Territoriais ou nos centros educativos.

Documentación

  • Copia do DNI da persoa solicitantes e dos membros da unidade familiar (cando non autorice a súa consulta

  • Copia do libro de familia

  • Documento acreditativo de estar en disposición de reunir os requisitos académicos exixidos en cada nivel educativo

Documentación cando a demanda de prazas sexa superior á oferta

Logo de determinar que o número de solicitudes é superior ao de prazas ofertadas, o centro abrirá un prazo de 10 días hábiles, contados a partir dos 2 días seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes de admisión, para presentar, de forma presencial no centro, a documentación xustificativa dos criterios de baremo.

Non obstante, só será necesario presentar a documentación relativa aos criterios de domicilio fiscal, renda per cápita da unidade familiar, condición de familia numerosa e de discapacidade do alumnado, do/da proxenitor/a, do/da titor/a ou dos/das irmáns/ás recoñecida pola Xunta de Galicia, cando a persoa interesada denegue expresamente a consulta automática.

A presentación desta documentación ten carácter voluntario. A falta de presentación desta documentación impedirá valorar o criterio ou criterios para efectos de determinar a puntuación correspondente.

Criterios de baremo

Se o número de solicitudes é superior ao de prazas dispoñibles, aplicaranse os seguintes criterios:

  • Existencia de irmás ou irmáns matriculadas/os no centro: 8 puntos polo primeira/o e 2 puntos por cada unha/un dos restantes, co máximo de 14 puntos.

  • Nai, pai, titora ou titor que traballe no centro: 3 puntos

  • Proximidade do centro ao domicilio familiar ou ao lugar de traballo dos proxenitores ou titores: ata 8 puntos

    • 1º. Por proximidade do domicilio familiar: se está na área de influencia do centro (ESO, BACH), oito puntos; se está en áreas limítrofes á área de influencia do centro, catro puntos.

    • 2º. Por proximidade do lugar de traballo: se está na área de influencia do centro (ESO, BACH), seis puntos; se está en áreas limítrofes á área de influencia do centro, tres puntos.

  • Renda anual per cápita da unidade familiar, respecto ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM): ata 3 puntos

    • 1º. Se é inferior a 0,5 veces o IPREM: tres puntos.

    • 2º. Se é igual ou superior a 0,5 e inferior a 0,75 veces o IPREM: dous puntos.

    • 3º. Se é igual ou superior a 0,75 e inferior ao IPREM: un punto.

    • 4º. Se é igual ou superior ao IPREM: cero puntos.

  • Condición de familia numerosa: ata 3 puntos

    • Categoría especial, tres puntos

    • Categoría xeral, dous puntos.

  • No caso de irmáns nados dun parto múltiple, sempre que soliciten o mesmo centro: 8 puntos se son dous; e 10 puntos se son máis de dous.

  • Condición de familia monoparental: 2 puntos

  • Por discapacidade igual ou superior ao 33 % dos membros computables da unidade familiar, a puntuación indicada a seguir co máximo de catro puntos:

    • 1º. Alumno/a: catro puntos.

    • 2º. Calquera das persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras, ou o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade á persoa proxenitora: tres puntos.

    • 3º. Calquera das irmás ou dos irmáns: un punto por cada un.

  • Por condición de vítima de violencia de xénero de calquera dos membros computables da unidade familiar: 2 puntos

  • Por condición de vítima de terrorismo de calquera dos membros computables da unidade familiar: 2 puntos

  • Expediente académico do alumnado, só no caso de ensinanzas de bacharelato: ata 2 puntos

    • 1º. Nota media de sobresaliente: dous puntos.

    • 2º. Nota media de notable: un punto.

    • 3º. Por nota media de ben: medio punto.

Asignación de prazas

Asignaranse de conformidade coa puntuación acadada por cada alumna ou alumno, tendo en conta a orde de prioridade expresada na solicitude.

No caso de empate na puntuación final, resolverase atendendo á maior puntuación en cada un dos criterios seguindo a mesma orde na que aparecen no apartado anterior. De persistir o empate, este resolverase conforme ao resultado do sorteo público que realiza anualmente esta consellería.

Publicación das listaxes

  • Provisional: Cada centro publicará as listaxes provisionais de alumnado admitido e excluído para cada curso, por orde da puntuación total obtida, antes do 25 de abril de cada ano. O prazo de reclamación de puntuacións é de 5 días hábiles dende o seguinte á súa publicación.
  • Definitiva: Unha vez resoltas as reclamacións, os centros publicarán as listaxes definitivas antes do 15 de maio.

As persoas solicitantes que conten cun certificado dixital ou chave365 poderán consultar as listaxes correspondentes á súa solicitude ou solicitudes a través da aplicación admisionalumnado.

Solicitude de escolarización extraordinaria

Solicitude de escolarización extraordinaria fóra do prazo ordinario.

Modelo de solicitude ED550C.

Adxudicación subsidiaria

Cando a persoa solicitante non fose admitida no centro indicado en primeiro lugar na súa solicitude, será baremada de forma sucesiva para cada un dos centros solicitados nos que existan postos vacantes, seguindo a orde de preferencia manifestada na solicitude, para determinar a súa puntuación no centro concreto conforme os criterios de baremo.

Matrícula

O alumnado admitido formalizará a súa matrícula no centro educativo correspondente, nos seguintes prazos:

  • Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato: prazo ordinario do 25 de xuño ao 10 de xullo.
AdxuntoTamaño
Zonas de influencia ESO.pdf99.66 KB
Zonas de influencia Bacharelato.pdf74.64 KB


page | by Dr. Radut